acceder al documento izquierda
Guía orientativa de xustificación en diagnóstico pola imaxe
maximizar/minimizar menú
Imprimir documento
Descargar PDF

De que recomendacións dispoñemos?

Para algunhas situacións clínicas disponse de directrices ben establecidas. Entendemos por guías o seguinte:

"(...) recomendacións desenvolvidas de forma sistemática para axudar a médicos e pacientes a tomar decisións sobre a atención sanitaria máis adecuada nunhas circunstancias clínicas específicas" [Field e Lohr, 1992, 15].

Como vemos, unha guía non é unha imposición ríxida na práctica médica, senón un concepto de prácticas correctas, que pode tomarse como referencia para avaliar as necesidades de cada paciente. Por iso, non son regras absolutas, aínda que ten que estar ben xustificado ignoralas. Ningún conxunto de recomendacións recibe un apoio universal, polo que vostede deberá comentar cos radiólogos calquera problema que se lle presente.

A elaboración de guías converteuse, dalgún modo, nunha ciencia, e van aparecendo moitas publicacións nesta materia en constante cambio. Concretamente, os expertos elaboraron unha metodoloxía detallada sobre como desenvolver, modificar e avaliar guías [8, 14-20]. Se se segue a dita metodoloxía, a elaboración de cada guía con base científica sólida constitúe unha tarefa académica de grande envergadura.

Para os 331 problemas clínicos que se tratan nesta publicación, este investimento de tempo e recursos resulta pouco práctico. Non obstante, na preparación destas recomendacións fixéronse importantes esforzos para garantir a metodoloxía de elaboración de guías. Concretamente a estratexia de busca, a revisión exhaustiva da literatura científica e a lectura crítica desta levouse a cabo por parte de expertos pertencentes a Grupos de Interese Especial. O Real Colexio de Radiólogos dispón dun arquivo das referencias nas que se basean as afirmacións realizadas neste texto. O persoal sanitario doutras especialidades e os representantes dos pacientes tiveron a ocasión de expoñer os seus propios puntos de vista. Ademais, foron invitadas diversas sociedades e grupos europeos a comentar puntos concretos, políticas locais e outras materias relacionadas. Mantívose, ademais, un continuo diálogo con outros grupos profesionais, que inclúen representantes dos pacientes, asociacións de profesionais e sociedades europeas de especialistas, e a todos os colexios médicos (véxase o apéndice).

Para algunhas situacións clínicas, como o papel da ecografía nun embarazo sen complicacións, hai datos contraditorios entre o gran número de excelentes publicacións científicas. Por iso, non se dan recomendacións categóricas, e a evidencia gradúase como C. Obsérvese, ademais, que existen moi poucos estudos con distribución aleatoria para comparar diversos procedementos radiolóxicos de diagnóstico, tanto pola dificultade da súa realización como porque pode non obter a aprobación do Comité de ética.