acceder al documento izquierda
Guía orientativa de xustificación en diagnóstico pola imaxe
maximizar/minimizar menú
Imprimir documento
Descargar PDF

O embarazo e a protección do feto

Hai que evitar a radiación ao feto, sempre que sexa posible [22-24]. Isto inclúe as situacións nas que a propia muller non sospeita que estea embarazada. A responsabilidade primaria para identificar estas pacientes recae no clínico que solicita a exploración.

As mulleres en idade de procrear que acoden a unha exploración na que o feixe primario irradia, directamente ou por dispersión, a zona pélvica (basicamente toda radiación ionizante entre o diafragma e os xeonllos), ou a unha técnica con isótopos radioactivos, hai que preguntarlles se están ou poden estar embarazadas. Se a paciente non pode descartar un posible embarazo, hai que preguntarlle se se lle atrasou a menstruación.

Se non hai posibilidade de embarazo, pode procederse á exploración, pero se a paciente está embarazada ou puidera estalo (é dicir, período menstrual atrasado), o radiólogo e o clínico teñen que reconsiderar a xustificación da exploración solicitada e tomar a decisión de pospoñela ata despois do parto ou ata que se presente a menstruación seguinte. Non obstante, unha exploración que sexa clinicamente beneficiosa para a nai pode tamén selo indirectamente para o feto, e atrasar un procedemento fundamental pode facer que aumente o risco tanto para o feto como para a nai.

Se non pode descartarse o embarazo, pero aínda non existe un atraso na menstruación e a exploración se realiza cunha dose relativamente baixa sobre o útero, pode procederse á súa realización. Non obstante, se a exploración esixe doses relativamente altas (en case todos os servizos, as exploracións habituais desta categoría serán seguramente a TC abdominal e pélvica, a UIV, a radioscopia e os estudos de medicina nuclear), haberá que debater a súa conveniencia, de acordo coas recomendacións consensuadas no ámbito local.

Se o radiólogo e o clínico están de acordo en que está clinicamente xustificada a irradiación dun útero grávido ou posiblemente grávido, hai que deixar constancia, en todos os casos, de tal decisión. Se se toma a decisión de que a irradiación está xustificada, o radiólogo debe asegurarse entón de que a exposición se limite ao mínimo imprescindible para obter a información necesaria.

Se, a pesar de todas estas medidas, está claro que un feto estivo exposto inadvertidamente á radiación, é pouco probable que o leve risco derivado da exposición fetal xustifique, aínda en caso de doses elevadas, os maiores riscos de técnicas cruentas de diagnóstico fetal (como a amniocentese) ou unha interrupción do embarazo. Se se dá o caso dunha exposición involuntaria, un especialista en radiofísica debe proceder á valoración individual do risco e comentar os resultados coa paciente.

O RCR publicou, en colaboración coa Xunta Nacional de Radioprotección (NRPB) e co Colexio de Técnicos en Radiografía, unha guía sobre a protección do feto durante a exploración da súa nai para fins diagnósticos [24]. (Esta publicación está dispoñible na páxina web da NRPB en http://www.nrpb.org).