acceder al documento izquierda
Guía orientativa de xustificación en diagnóstico pola imaxe
maximizar/minimizar menú
Imprimir documento
Descargar PDF

Medicina nuclear (MN)

Nalgúns países da Unión Europea, a medicina nuclear é unha especialidade independente, e a utilización de fontes non seladas de radionúclidos para o diagnóstico e o tratamento está reservada aos especialistas de MN. Nalgúns países, tamén outros especialistas (radiólogos, normalmente) están autorizados a traballar con técnicas de MN. En calquera caso, ante unha situación clínica dada, sempre haberá un especialista experimentado para comentar as técnicas apropiadas de MN, que poderá indicar a exploración máis apropiada de MN. O clínico solicitante debe indicar o problema clínico preciso, porque este será un factor determinante para decidir que tipo de estudo con radionúclidos (ou alternativo) utilizarase.

A pesar do que ás veces se cre, as doses de radiación provenientes de case todas as técnicas de MN son inferiores ás de moitas outras técnicas de diagnóstico por imaxe consideradas "seguras". Segundo os datos mostrados na Táboa 1, as doses efectivas da maior parte das probas habituais con MN é considerablemente menor que a da TC de abdome.

Son dun valor especial os datos funcionais que a MN pode achegar. Nun nivel básico, con MN pódese determinar se unha dilatación da pelve renal que mostra a ecografía se debe simplemente á morfoloxía do sistema colector, ou ben se está ocasionada por unha lesión obstrutiva. A mesma exploración pode proporcionar datos sobre qué porcentaxe da función renal global provén de cada ril. Con probas máis complexas, pódese coñecer a fracción de exección do ventrículo esquerdo ou a distribución do sangue polo córtex cerebral.

A tomografía por emisión de positróns (PET) experimentou recentemente avances espectaculares, e a súa dispoñibilidade vai gradualmente en aumento. Debido á curta vida media dos radionúclidos esenciais (adóitase utilizar o análogo da glicosa F-18 fluorodesoxiglicosa, FDG), a PET só pode situarse a unha distancia razoable dun ciclotrón e dun depósito de radionúclidos. A PET permite detectar pequenos focos de tumor activo, o que brinda oportunidades excepcionais para a estadificación de diversos cancros (por exemplo, bronquiais) e para o seguimento (por exemplo, do linfoma), en casos nos que outras técnicas de diagnóstico por imaxe poden non discernir entre masas fibrosas residuais e enfermidade activa. A PET tamén pode proporcionar datos sobre o metabolismo cerebral e a viabilidade miocárdica e hai varios equipos de investigación que están a estudar estes aspectos. Nos próximos anos irá aumentando a incorporación da PET á práctica médica. O seu posible uso para algúns problemas clínicos está citado nas presentes recomendacións.