acceder al documento izquierda
Guía orientativa de xustificación en diagnóstico pola imaxe
maximizar/minimizar menú
Imprimir documento
Descargar PDF

Presentación

A vantaxe que o uso das radiacións ionizantes con fins de diagnóstico médico achega á medicina está fóra de toda dúbida. Esta vantaxe fai delas parte habitual da práctica clínica, xustificándose porque os seus beneficios superan os riscos da radiación.

A xeneralización do seu uso fai que dentro da Unión Europea as exposicións a radiacións ionizantes con fins de diagnóstico ou tratamento médico sexan a causa máis importante de exposición dos cidadáns ás fontes artificiais de radiacións ionizantes.

A Consellería de Sanidade de acordo coas recomendacións da Directiva europea 97/43 EURATOM do Consello do 30 de xuño de 1997, relativa á protección radiolóxica da saúde fronte aos riscos derivados das radiacións ionizantes en exposicións médicas, decidiu adoptar medidas para que os médicos que prescriben probas de diagnóstico pola imaxe dispoñan de recomendacións e criterios clínicos de indicación destas co obxecto de garantir que tales exames sexan solicitados só cando estean debidamente xustificados.

Dentro das medidas adoptadas propúxose a utilización do documento "Protección radiolóxica 118: Guía de indicacións para a correcta solicitude de probas de diagnóstico pola imaxe" publicado pola Comisión Europea no 2000 coa finalidade de adecuar o número de solicitudes de probas de diagnóstico pola imaxe á súa necesidade, reducindo desta forma exposicións innecesarias.

Esta nova edición é unha actualización da publicada no 2000 pola Comisión Europea, só dispoñible en inglés na páxina web de DG TREN.H.4 polo que para unha maior difusión entre os profesionais se afronta esta publicación en castelán e galego grazas ao traballo desinteresado de análise e tradución dun grupo de médicos especialistas en radiodiagnóstico e médicos de familia do Servizo Galego de Saúde.

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade