acceder al documento izquierda
Guía orientativa de xustificación en diagnóstico pola imaxe
maximizar/minimizar menú
Imprimir documento
Descargar PDF

Por que se necesitan guías?

As exploracións son útiles se o resultado –positivo ou negativo- contribúe a modificar a actitude diagnóstico-terapéutica do clínico ou confirmar o seu diagnóstico. Moitas probas radiolóxicas non cumpren estes obxectivos e expoñen innecesariamente aos pacientes a radiación [13]. As causas principais de utilización innecesaria da radioloxía son:

  1. Repetir probas que xa se fixeron, por exemplo, noutro hospital, en consultas externas ou en urxencias. FÍXOSE XA? Hai que tentar conseguir as radiografías existentes, por todos os medios. A este respecto, a dixitalización e a transmisión electrónica de datos informatizados axudará nos próximos anos cada vez máis.
  2. Pedir probas complementarias que seguramente non alterarán a atención ao paciente, ben porque os resultados "positivos" que se espera obter adoitan ser irrelevantes (como, por exemplo, unha medulopatía dexenerativa, que é tan "normal" como ter canas a partir de certa idade), ou polo carácter altamente improbable dun resultado positivo. NECESÍTOAS?
  3. Pedir probas con demasiada frecuencia, concretamente, antes de que a enfermidade poida evolucionar, ou resolverse, ou antes de que os resultados poidan servir para modificar o tratamento. NECESÍTOAS AGORA?
  4. Pedir probas inadecuadas. As técnicas de diagnóstico por imaxe evolucionan con rapidez. Adoita ser conveniente comentar o caso cun especialista de radioloxía clínica ou de medicina nuclear antes de pedir as probas complementarias en cuestión. SON ESTAS AS PROBAS MÁIS AXEITADAS?
  5. Non proporcionar a información clínica necesaria ou non formular as preguntas que as probas de diagnóstico por imaxe deben resolver. Neste caso, estas carencias ou omisións poden ter como consecuencia que se utilice unha técnica inadecuada, por exemplo, que se omita unha proxección que puidese ser fundamental. EXPLIQUEI CORRECTAMENTE O CASO?
  6. Exceso de probas complementarias. Algúns médicos recorren ás probas complementarias máis que outros. A algúns pacientes tranquilízalles someterse a exploracións complementarias. ESTANSE A REALIZAR DEMASIADAS PROBAS COMPLEMENTARIAS?