Número 8: Actualización das recomendacións para a exclusión de escolas - Vixilancia das enfermidades transmitidas por Aedes albopictus

Número 8: Actualización das recomendacións para a exclusión de escolas - Vixilancia das enfermidades transmitidas por Aedes albopictus

VE10-N08-Banner.png

 

ACTUALIZACIÓN DAS RECOMENDACIÓNS PARA A EXCLUSIÓN DE ESCOLAS
 
Co inicio do novo curso escolar, aproveitamos para recordar o importante papel que xogan algúns centros educativos na difusión de certas enfermidades transmisibles de especial relevancia para a saúde pública. Tendo en conta isto, dende o ano 2000 publícanse na web da Dirección Xeral de Saúde Pública as recomendacións de exclusión en escolas infantís e colexios para as persoas infectadas durante un período concreto e únicamente cando existe evidencia da efectividade da medida [1]. Como parte da revisión periódica que se ven realizando, o pasado decembro de 2022 volveronse actualizar [Apéndice], sen que houbese cambios excesivos máis aló da inclusión de enfermidades como a COVID-19 ou a MPOX e a adaptación dalgunha das recomendacións á evidencia científica actual.
 
VIXILANCIA DAS ENFERMIDADES TRANSMITIDAS POR AEDES ALBOPICTUS
  
 O Aedes albopictus, coñecido comunmente como mosquito tigre é un posible vector de enfermidades coma o chikungunya, o dengue ou o Zika. Esta especie invasora, detectouse por primeira vez en Galicia grazas a un cidadán que informou sobre a súa posible presenza na aplicación Mosquito Alert. Revisada a información, ratificouse a presenza desta especie invasora no municipio de Moaña (09/08/23) e posteriormente confirmouse tamén nos municipios de Vigo, Cangas e Redondela.
Coa intención de obter datos da distribución do mosquito tigre e poder realizar actividades de control que permitan evitar a diseminación do mosquito, a Dirección Xeral de Saúde Pública, coa colaboración dos concellos pontevedreses implicados, aumentou a vixilancia entomolóxica con novas trampas que se suman ás que xa ten a Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec). Así mesmo, Mosquito Alert súmase aos múltiples métodos de vixilancia entomolóxica pasiva empregados ata o momento.
O Aedes albopictus cría en pequenos recipientes nos que existe auga estancada durante máis dunha semana. É de cor negra, cunha liña branca dende a cabeza ao tórax e manchas brancas en patas e abdome. Dependendo das condicións climáticas, o seu período de actividade vai de maio a novembro. Atopase principalmente en zonas urbanas e escondese en zonas sombrías. O seu desprazamento autónomo é limitado e non acostuma a superar os 200 metros, polo que parece relevante o desprazamento pasivo mediante a acción humana dos medios de transporte [1].
As femias do mosquito tigre son altamente antropofílicas, sendo o ser humano o seu hóspede principal, adoitando picar durante o día (tamén amencer e atardecer) e no exterior. Dado que acostuman a voar baixo, as picaduras danse habitualmente na metade inferior do corpo. Así mesmo, unha femia pode provocar varias picaduras para completar unha toma. Debe terse en conta que estas picaduras acostuman a ser máis dolorosas do habitual, chegando a provocar unha reacción importante na zona da picadura [2].
En Galicia, actualmente non existe evidencia de que o mosquito tigre estea infectado con ningún dos virus relevantes para a saúde humana dos que pode ser vector, polo que a probabilidade de ter casos autóctonos de chikungunya, dengue ou Zika en Galicia é baixo [3].

Para que o mosquito se converta en vector de enfermidades, este debe infectarse previamente picándolle a algunha persoa que se atope en fase virémica da enfermidade. Por isto, resulta fundamental levar a cabo as medidas preventivas que permitan evitar as picaduras, tanto aquí como cando se viaxa, xa que moitas veces o chikungunya, dengue ou Zika pasan desapercibidos ao ser asintomáticos ou durante o período presintomático nos enfermos [1].
A modo resumo, as medidas de protección fronte aos Aedes inclúen manter unha boa hixiene persoal, usar roupa que cubra a pel, e usar biocidas autorizados contra este insecto. Ademais, tamén resulta fundamental o control do mosquito, sendo a medida máis eficaz para evitar a súa proliferación eliminar os lugares con auga estancada onde crecen [4].
Dado que existe risco de xerar vectores autóctonos ao ter o mosquito tigre no noso territorio, é de suma importancia a implantación das medidas preventivas oportunas ante a detección de calquera caso sospeitoso de dengue, chikungunya ou Zika. Para isto, calquera profesional sanitario que identifique a unha persoa con síntomas como febre brusca sen foco, artralxias, mialxias ou afectación cutánea (exantema/erupción) asociado a outros síntomas como cefalea, lumbalxia, conxuntivite ou síntomas gastrointestinais (criterio clínico), deberá preguntarlle a esta persoa polo antecedente de picadura e se estivo nunha zona endémica para estas enfermidades nos últimos 15 días (criterio epidemiolóxico). No caso de que a persoa cumpra o criterio clínico e epidemiolóxico, o profesional sanitario deberá chamar ao SAEG para declarar a sospeita, informarse sobre as medidas preventivas que debe seguir a persoa enferma e solicitar unha proba diagnóstica para descartar estas enfermidades de declaración obrigatoria.
 
Image_003.png
 
 
ACTUALIZACIÓN DAS RECOMENDACIÓNS PARA A EXCLUSIÓN DE ESCOLAS

Captura de pantalla 2023-09-08 094351.png




 
 

 

 
 
1. Pie de página.png