Os mosquitos do xénero Aedes poden transmitir, entre outras, enfermidades como dengue, chikungunya, Zika ou febre amarela. Polo tanto, antes de viaxar a zonas de risco hai que informarse ben sobre as medidas que nos permitan protexernos fronte a estas e outras enfermidades nos puntos de atención ao viaxeiro. Así mesmo, compre recordar que xa se detectou o mosquito tigre (Aedes albopictus) nalgún municipio da nosa comunidade, polo que estas recomendacións tamén poden ser de utilidade en Galicia.
RECOMENDACIÓNS PERSOAIS PARA EVITAR AS PICADURAS DE MOSQUITOSUsar repelentes autorizados e activos fronte mosquitos (ver apartado específico).
Vestir roupa de manga longa cando se estea no exterior, preferiblemente de cores claras e tecidos naturais. Usar tamén calcetíns e calzado pechado.
Usar insecticidas como a permetrina para tratar a roupa [ligazón] ou adquirir roupa xa tratada. Non usar nunca os insecticidas directamente sobre a pel.
Manter unha boa hixiene persoal, evitando perfumes e produtos cosméticos con olores intensos
Seguir estas medidas durante todo o día, especialmente ao amencer e anoitecer.
RECOMENDACIÓNS AMBIENTAIS PARA EVITAR AS PICADURAS DE MOSQUITOS
Aloxarse en lugares con mallas mosquiteiras en portas e ventás. No seu defecto, mantelas pechadas usando mosquiteiros para durmir (tratalos con permetrina fainos máis eficaces).
Usar aire acondicionado se é posible.
Usar ventiladores para xerar correntes de aire.
Usar insecticidas para interiores (difusores eléctricos ou nebulizadores).
Evitar lugares próximos a augas estancadas por máis dunha semana.
ESTAS RECOMENDACIÓNS DEBEN SEGUIRSE:
Cando se viaxe ou resida nunha área onde o mosquito está presente. Pode consultar as zonas de risco para cada enfermidade e a documentación específica na seguinte [ligazón].
USO DE REPELENTES E INSECTICIDAS:
Usar repelentes/insecticidas seguindo sempre as indicacións do fabricante, tanto para repelentes como para insecticidas.
Fixarse no tempo de duración, podendo ser necesarias novas aplicacións (non reaplicar máis do recomendado).
Revisar a información, dado que algúns produtos poden disolver tecidos sintéticos e plásticos.
Ter en conta que os repelentes:
Só deben usarse sobre pel exposta, nunca baixo a roupa.
Non deben usarse sobre mucosas, ollos, labios nin pel sensible, queimada ou con feridas.
Para aplicar na cara, usar as mans evitando a pulverización directa do rostro.
Cando se presentan en forma de pulseira/xeonlleira, baséanse na difusión de sustancias activas volátiles no entorno próximo, polo que so protexen a zona na que se usan.
As mulleres embarazadas non teñen que seguir recomendacións diferentes. En caso de lactancia, lavar mans e peitos antes da toma.
Uso de repelentes en nenas/os pequenas/os:
Revisar a ficha técnica do produto.
Aplicar por parte dun adulto ou coa súa supervisión.
De non ser posible o seu uso, valorar o uso de mosquiteiros.
* Dispón de máis información sobre os biocidas autorizados en España na seguinte ligazón.