EpiLinux

EpiLinux

Sistema Operativo, de libre distribución, especialmente orientado á utilización de ferramentas de análise epidemiolóxica e bioestatística

 

 epilinux-logo-consombra.png

 

 

Nova versión 5 xa dispoñible para a súa descarga

 

Dous dos retos actuais, en canto á utilización de software como base para a realización de estudos científicos, son a posibilidade de acceso ao código fonte para poder reutilizalo,modificalo ou distribuílo e a redución de custos por licenza de uso. Por desgraza, a maioría de solucións privativas non contemplan estes aspectos: adoitan ser solucións de código pechado, con custos elevados nas súas licenzas e estas, nalgúns casos, ata teñen limitacións temporais.

EpiLinux é un sistema operativo completo baseado en GNU/Linux. Este contorno outórgalle un excelente rendemento e lixeireza, ademais dunha gran usabilidade. Desde a primeira versión, nace coa idea de ser un sistema que facilite a posibilidade de utilizar software de fontes abertas e, ademais, gratuito. Está especialmente orientado a todas aquelas persoas, tanto profesionais como estudantes, que desenvolvan as súas actividades nos campos da epidemioloxía, a bioestatística e os estudos de saúde, en xeral. Nesta quinta versión, recompilouse e configurouse, nunha mesma distribución e nun novo contorno, o software necesario para iso. Esta distribución aporta un conxunto de programas de uso xeral (ofimática, multimedia, internet, ...) e unha recompilación de software científico. Entre eles, podemos destacar R cos seus contornos gráficos Rcommander e Rstudio e unha colección preinstalada de librarías especializadas. Ademais, inclúese software de referencia no campo da Epidemioloxía como Epidat 4, OpenEpi,... da Bioestatística como JASP, Octave, PSPP, SciLab,... e, como Sistema de Información Xeográfica, QGIS.

Actualízase desde os repositorios orixinais destes programas o que consegue que o sistema dispoña das últimas versións en todo momento e ofrece a posibilidade de executalo desde un pendrive USB en modo "live" evitando, así, a interacción con instalacións previas doutros Sistemas Operativos. Outra opción é executalo desde unha máquina virtual, integrado nun sistema operativo anfitrión. Tamén se pode instalar no disco duro do equipo como única opción en modo compartido con outro sistema.

A nova versión de EpiLinux permite dispoñer, nun contorno totalmente configurado, actualizado, homoxéneo, de libre distribución e gratuito, das ferramentas necesarias para a realización de estudos epidemiolóxicos e/ou bioestatísticos.

 

 

EpiLinux_Pantalla_1_20171214.PNG

EpiLinux_Pantalla_2_20171214.PNG

2017-09-05-105537_1360x768_scrot.png

 

 

Coa colaboración de:

logos.PNG 
Esta actividade forma parte das actividades que Melisa realiza no marco do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2017 da Xunta de Galicia.