Curso 2016-2017

Curso 2016-2017

O Plan galego anti VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS), a partir de agora Plan, estableceu entre os seus obxectivos mellorar a información sobre o VIH e outras ITS na mocidade así como incrementar as actividades de educación afectivo-sexual nos centros de ensino galegos. Para acadar estes obxectivos, deseñou un programa educativo para o vindeiro curso 2016-2017 enmarcado dentro do Plan Proxecta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que se centrará especialmente na prevención de prácticas sexuais de risco e na loita contra o estigma e discriminación das persoas afectadas por ITS.

Para desenvolvelo realizarase unha xornada de formación dirixida ao profesorado que participe no programa e posteriormente, o profesorado desenvolverá as actividades informativas e formativas no seu centro a partir dos materiais que lle proporciona o Plan. Por outra banda, o Plan ofrece a posibilidade de dar unha charla educativa sobre esta temática dirixida ao resto do profesorado, pais, nais e alumnado dos centros que participen.

O produto final do programa é unha curtametraxe preventiva sobre o VIH e outras ITS elaborada polo alumnado do programa e participará automaticamente no concurso de curtametraxes que desenvolverá paralelamente o Plan e que levará o mesmo nome que o programa educativo. Para avaliar o programa, o profesorado debe enviar unha memoria das actividades que inclúa os resultados do cuestionario pre e post-intervención que avalía a adquisición de coñecementos, a modificación de actitudes e a modificación de condutas da mocidade que participou no programa.