Número 4: Información polínica de Galicia - Abrochos de varicela en poboación en idade escolar - Fin da COVID-19 como emerxencia de saúde pública

Número 4: Información polínica de Galicia - Abrochos de varicela en poboación en idade escolar - Fin da COVID-19 como emerxencia de saúde pública

VE-V10-N04.png




INFORMACIÓN POLÍNICA DE GALICIA


As alerxias constitúen unha causa importante de morbilidade, afectando entre un 10-30% da poboación e aumentando a súa prevalencia a nivel mundial [1], [2]. Entre os alérxenos estacionais máis frecuentes, atópanse os grans de pole, pequenas "sementes" que dispersan as flores con fins reprodutivos.

O cambio climático pode provocar cambios nas precipitacións, diminución das xeadas, aumento das temperaturas estacionais ou do CO2 na atmosfera. Estes cambios poden afectar ao comezo e remate da estación polínica, á cantidade de pole, a súa "alerxenicidade" e ao noso risco de experimentar síntomas de alerxia e outras enfermidades relacionadas [3], [4]


Polo tanto, como xa se comentou en números previos de VENRES, dende o punto de vista da saúde pública é importante coñecer os niveis de pole na atmosfera ao supoñer un indicador de risco útil tanto para profesionais sanitarios coma para persoas alérxicas. Deste xeito, pódese coñecer o momento oportuno para adoptar as medidas para evitar a exposición ao pole e para tomar a medicación profiláctica, a cal resulta máis efectiva antes da exposición.


A cantidade e o tipo de pole no aire depende da estación e da rexión xeográfica. Aínda que os recontos de pole son normalmente máis altos durante as estacións máis cálidas, algunhas plantas polinizan durante todo o ano [3]. A diferencia do resto de España, en Galicia prodúcense dous picos de pole ao longo do ano:

  • Primeiro pico: entre marzo e abril con especies arbóreas como Betula, Cupressus e Platanus.

  • Segundo pico: entre xuño e xullo con especies herbáceas como Parietaria, Plantago e Poaceae.

Por estes motivos, a Rede Galega de Aerobioloxía determina semanalmente os niveis dos principais tipos polínicos con capacidade alerxénica en Galicia, publicando todos os mércores de marzo a xullo os niveis de pole dos principais tipos polínicos alerxénicos para o total de Galicia e para cada provincia [Apéndice], así coma a predición da concentración polínica para a vindeira semana [Apéndice]. Podes consultar esta información na páxina web da Dirección Xeral de Saúde Pública (DXSP), no apartado de información polínica de Galicia. Nas sesións técnicas da DXSP tamén dispós de información sobre a Rede Galega de Aerobioloxía.​


​​

ABROCHOS DE VARICELA EN POBOACIÓN EN IDADE ESCOLAR​



A varicela é unha enfermidade exantemática altamente contaxiosa de distribución mundial. Aínda que a súa evolución soe ser benigna e autolimitada, pode ocasionar complicacións graves en lactantes, embarazadas e adultos con inmunosupresión ou enfermidades crónicas [1]. Presenta ademais unha estacionalidade característica, con maior incidencia na primavera e a comezos do verán [2].

Na actualidade estanse notificando abrochos de varicela en centros escolares, os cales poderían afectar a nenas/os con pauta completa de vacinación. Isto explicaríase por unha certa inefectividade da vacina, posto que a efectividade directa da pauta completa é do 90% (IC95%: 81-94) [3] e por unha probable interrupción da transmisión debida á COVID-19. Por este motivo, a DXSP acaba de publicar o Protocolo de resposta ante un abrocho de varicela na poboación en idade escolar en Galicia no que se reflicten as accións a seguir ante a identificación dun abrocho de varicela nese ámbito: exclusión de casos e persoas susceptibles con factores de risco de varicela grave (FRVG), administración de profilaxe postexposición e notificación.

En relación á vacinación postexposición, salientar que debe

administrarse o antes posible (prazo máximo de 5 días tras a exposición) e que vai dirixida a protexer ás persoas susceptibles con FRVG, estando indicada en:

  • Poboación en idade escolar exposto susceptible con FRVG ou que convivan con persoas susceptibles con FRVG e que teñan a vacina contraindicada.

  • Traballador exposto susceptible relacionado co ámbito.

  • Convivente de caso, exposto susceptible con FRVG ou que poderían transmitir a infección a outras persoas con FRVG (Ex.: traballador de centro sanitario).

Os nados entre os anos 2011-2014 que no momento do abrocho non teñan antecedentes de ter pasado a varicela, non serán vacinados coa dose dos 12 anos salvo que teñan esa idade ou presenten FRVG.

Por último, recordar que a varicela é unha enfermidade de declaración obrigatoria rutineira en atención primaria que se notifica codificando o motivo de consulta co código A72 da CIAP-2. Así mesmo, os abrochos son de declaración obrigatoria urxente e deben notificarse telefonicamente cando existan sospeitas da súa presenza ao Sistema de Alerta Epidemiolóxica de Galicia (SAEG).​


Image_003.png


INFORMACIÓN POLÍNICA DE GALICIA




figura1.png

Figura 1. Tipos polínicos alerxénicos máis representativos na semana do 1 ao 7 de maio de 2023. Podes consultar esta información na información polínica en Galicia e en cada provincia



figura2.png

Figura 2. Predicións dos tipos polínicos alerxénicos máis representativos en Galicia na semana do 10 ao 17 de maio de 2023. Podes consultar esta información na predición dos niveis de pole e mapas de distribución polínica




FIN DA COVID-19 COMO EMERXENCIA DE SAÚDE PÚBLICA


A Organización Mundial da Saúde (OMS) determinou o pasado 5 de maio que a COVID-19 xa non constitúe unha emerxencia de saúde pública de interese internacional. O director xeral da OMS, informa de que o SARS-CoV-2 pasa a ser considerado un problema de saúde establecido, pero recalca que continua sendo unha ameaza e unha prioridade para a saúde pública global.

Nas vindeiras semanas veremos como os diferentes protocolos, guías, procedementos e a lexislación se adaptan a esta nova realidade. Este é o caso do Plan específico para a prevención de riscos ante a exposición laboral ao novo coronavirus SARS-CoV-2, o cal xa non se atopa activo, debendo seguirse as recomendacións e medidas preventivas que correspondan segundo as avaliacións específicas do risco biolóxico e a normativa sobre a obrigatoriedade do uso de máscaras.

Para estar ao día das novidades de relevancia en relación á COVID-19, poderás consultar a páxina web específica do coronavirus ou o apartado específico da COVID-19 na páxina web da DXSP. Tamén tes a túa disposición máis información sobre a COVID-19 e outras alertas de saúde pública na páxina web do Centro de Coordinación de Alertas y Emergencias Sanitarias.​



Pie de página.png