Parotidite

Parotidite

A parotidite ou papeiras débese á infección polo virus da parotidite. Os síntomas máis frecuentes son: febre, dor de cabeza, dores musculares, cansazo, perda do apetito e, o que é máis característico, a inchazón das fazulas e a mandíbula que se debe á inflamación das glándulas salivares (parotidite), que poden ser dolorosas ao tacto.

Os síntomas, tipicamente, aparecen 16 a 18 días despois de contraer a infección, aínda que este período pode variar entre os 12 e os 25 días.

Algunhas persoas teñen síntomas moi leves ou non teñen ningún, e a miúdo non saben que teñen a enfermidade. A maioría das persoas enfermas recupéranse completamente nunhas poucas semanas. Con todo, ás veces, poden haber complicacións, especialmente nos adultos. As complicacións inclúen: orquite, nos homes que chegaron á puberdade, que moi poucas veces causa problemas de fertilidade; encefalite; meninxite; ooforite ou mastite, nas mulleres que chegaron á puberdade, e xordeira.

A parotidite transmítese a través da saliva ou das secrecións da boca, nariz ou gorxa, polo que unha persoa infectada pode transmitir o virus ao tusir, esbirrar ou falar; ao compartir obxectos cos demais, como cuncas ou cubertos; e ao  tocar obxectos ou superficies coas mans sen lavar e que logo tocan outras persoas. As papeiras pódense transmitir dende dous días antes de que as glándulas salivares comecen a inflamarse ata 5 días despois do comezo da inflamación.

En Galicia a vacinación fronte ás papeiras comezou en 1982, e xa a finais desa década se vacinaba máis do 80% dos nenos que a tiñan recomendada, e dende a década de 1990 máis do 90%.

Como resultado desta elevada cobertura vacinal, a situación da parotidite en Galicia dende o comezo da década de 1990 pódese describir como de endemia de moi baixa intensidade, con abrochos periódicos en 1995/96, 2001/02, 2005/06 e 2012/13.

Durante estes abrochos, as persoas que recibiran previamente unha ou dúas doses da vacina tamén poden enfermar debido, fundamentalmente, a que a protección que induciu a vacinación vaise perdendo co paso dos anos. Ora ben, as persoas vacinadas teñen síntomas máis leves e menos complicacións que as que non están vacinadas.

Na actualidade, en Galicia está a aumentar o número de casos de parotidite e neste contexto recoméndase o seguinte:

As persoas con parotidite non deberían de asistir a clase ou ao traballo, nin a reunións de ningún tipo; e, sobre todo, non deberían ter contacto con embarazadas, nenos menores de 12 meses ou inmunodeprimidos, nos 5 días seguintes ao comezo dos síntomas.

Contactos das persoas con parotidite son aquelas persoas coas que mantivo unha relación de proximidade (a menos dun metro) sostida (polo menos 15 minutos) entre os 2 días anteriores ou os 5 días posteriores ao comezo dos síntomas. A estes contactos, se non padeceron a parotidite e non hai constancia de que recibiron dúas doses da vacina, recoméndaselle o seguinte:

• se só hai constancia de que recibiron unha dose, que reciban a segunda dose de vacina. O intervalo entre ambas debe ser, polo menos, de 1 mes.
• se non hai constancia de que recibisen ningunha dose, que reciban as dúas doses de vacina, afastadas polo menos 1 mes.

Aconséllase que as mulleres que reciban esta vacina non queden embarazadas no mes seguinte á vacinación. Unha muller embarazada ou unha persoa inmunodeprimida non debe vacinarse con esta vacina.