Material e métodos

Material e métodos

Mostraxe

O control sanitario das zonas de baño establécese mediante a mostraxe periódica da auga das praias incluídas no censo realizado polos/as farmacéuticos/as inspectores/as de saúde pública nun calendario preestablecido.

Recolléronse en total dez mostras de cada zona de baño, unha realizada antes do inicio da tempada e as nove restantes recollidas ao longo desta cunha periodicidade aproximadamente quincenal, agás nas zonas de baño sitas nas Illas Cíes e Ons nas que, como son consideradas zonas con limitación xeográfica especial, se obteñen sete mostras (6 de control e unha previa).

A tempada de baño estableceuse dende o 1 de xuño ata o 30 de setembro do 2010, agás nas zonas de baño que se atopan nas Illas Cíes e Ons, nas que a tempada de baño se estableceu dende o 1 de xullo ata o 30 de setembro do 2010.

O transporte das mostras levouse a cabo en neveiras refrixeradas ata os laboratorios das xefaturas territoriais de Sanidade.  

 

Análise das mostras

Nos laboratorios das delegacións provinciais determínanse os parámetros Enterococos intestinais e Escherichia coli de forma rutineira, xa que son os parámetros que deben ser controlados analiticamente segundo a lexislación vixente. O resto dos parámetros controlaranse de xeito visual no momento da mostraxe.

 

Na táboa 1 figuran as técnicas empregadas en cada laboratorio para cada parámetro.

 

 

Táboa 1. Técnicas empregadas en cada laboratorio para a determinación dos parámetros microbiolóxicos analizados.

 

Parámetro ​Laboratorio ​Método de análise

​Limite de cuantificación (UFC/100mL)

​ ​ ​ ​Escheritia coli ​A Coruña

UNE EN

​ ​ ​ISO ​9308-1​ ​ ​ ​

1​​
Lugo​ ​3
​Ourense ​4
​Pontevedra ​1
​ ​ ​ ​Enterococo intestinal ​​A Coruña

​ ​ ​ ​UNE EN

ISO 7899-1

​1
Lugo​ ​6
​​Ourense ​4
​Pontevedra ​1
 

  

 

Xestión dos resultados obtidos

Unha vez obtidos os resultados analíticos das mostras recollidas, os laboratorios das xefaturas territoriais remitíronos á Sección de Sanidade Ambiental destas xefaturas que introduciron os datos na aplicación informática Infosaúde.

 

Cálculo da cualificación sanitaria final das augas das zonas de baño

Existen dous momentos diferenciados para cualificar as zonas de baño:

 • Durante a tempada de baño en cada control realizado.

 • Ao final da temporada cos resultados de todos os controis.

 

En relación coa cualificación sanitaria durante a tempada de baño, tivéronse en conta os parámetros microbiolóxicos analizados nos controis quincenais (Enterococos intestinais e Escherichia coli). Se superábase o valor de 1.500 UFC/100 mL nalgún destes parámetros cualificouse como auga non apta para o baño, comunicouse ao concello para que adoptara as medidas oportunas e tomouse unha nova mostra o antes posible. Se na segunda mostra se superaba de novo o valor de 1.500 UFC/100 mL nalgún dos parámetros, cualificouse como auga non apta para o baño neste control.

 

No relatorio de Sanidade Ambiental intentouse chegar a un acordo sobre o valor límite para considerar unha auga apta para o baño, pero non se acadou un consenso polo que cada comunidade autónoma decide este valor límite. En Galicia, na tempada 2008 estableceuse como límite microbiolóxico para ambos os dous parámetros 2.000 UFC/100 mL. Na tempada 2009 decidiuse reducir este límite a 1.500 UFC/100 mL nos controis quincenais para instar aos concellos a mellorar a calidade das augas de baño das zonas con maior contaminación, xa que coa nova directiva terán calidade insuficiente.
 
En canto á cualificación sanitaria ao final da tempada de baño, para a súa determinación, a Directiva 2006/7/CE establece un sistema de cálculo que ten en conta os resultados microbiolóxicos das catro últimas tempadas. Estes datos non estarán dispoñibles ata o ano 2011, polo que, neste período transitorio, o cálculo da cualificación final das zonas de baño se realizará tendo en conta os criterios que se indican na Directiva 76/160/CEE, pero cos resultados microbiolóxicos dos novos parámetros analizados (adoptaranse os criterios de estreptococos fecais e coliformes fecais nesta lexislación, para os parámetros Enterococos intestinais e Escherichia coli, respectivamente).
 

Segundo esta directiva, existen tres tipos de cualificación sanitaria das augas de baño:

 • Augas aptas para o baño de calidade moi boa ou AUGAS 2. 
 • Augas aptas para o baño de calidade boa ou AUGAS 1. 
 • Augas non aptas para o baño ou AUGAS 0.

Estas cualificacións baséanse nos resultados do control da calidade da auga de baño que se leva a cabo coas seguintes condicións:

 • A cualificación realízase de forma global ao finalizar a tempada de baño.
 • A cualificación é para cada punto de mostraxe.
 • Cada punto de mostraxe é representativo dunha zona de baño ou de parte dela. 
 • Establécese o valor imperativo (valor por encima do que a auga incumpre coa lexislación vixente) de 2000 UFC/100 mL. 
 • Establécese o valor guía (valor orientador de boa calidade) de 100 UFC/100 mL.

A cualificación sanitaria anual da auga de baño nun punto de mostraxe baséase no cumprimento das seguintes condicións:

 1. Polo menos o 95% das mostraxes non exceden os valores imperativos dos parámetros Enterococos intestinais e Escherichia coli. 
 2. Polo menos o 80% das mostraxes non exceden o valor guía de Escherichia coli. 
 3. Polo menos o 90% das mostraxes non exceden o valor guía de Enterococos intestinais.

Son augas aptas para o baño, de moi boa calidade ou AUGAS 2 as que cumpren simultaneamente as tres condicións. Son augas aptas para o baño, de boa calidade ou AUGAS 1 as que cumpren a primeira condición, pero non cumpren as condicións segunda e/ou terceira. Finalmente, son augas non aptas para o baño ou AUGAS 0 aquelas nas que non se cumpre a condición primeira.

Os cálculos fixéronse cos resultados obtidos nas nove mostraxes realizadas ao longo da tempada, agás no caso das zonas de baño que se atopan nas Illas Cíes e Ons das que, como a tempada de baño é máis curta, se fixeron seis mostraxes.