Dirección do Distrito Sanitario

Dirección do Distrito Sanitario

Nos casos determinados nos anexos deste decreto, á fronte da atención sanitaria do distrito sanitario estará un director ou directora. Deberá ser licenciado/a universitario/a ou equivalente segundo o Espazo Europeo de Educación Superior. O seu nomeamento e cesamento produciranse por orde da persoa titular da Consellería de Sanidade.
Son funcións da Dirección de Distrito as seguintes:
a) Será responsable da execución das directrices e proxectos establecidos para o seu ámbito.
b) Xestionar a demanda asistencial tanto de atención primaria, como hospitalaria, como sociosanitaria do distrito sanitario, baixo a coordinación da dirección asistencial da xerencia da área.
c) Desenvolver os procesos asistenciais integrados entre atención primaria e atención hospitalaria.
d) Asumir, no seu respectivo ámbito, a responsabilidade do cumprimento dos acordos de xestión asinados anualmente cos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde.
e) Asumir, no seu respectivo ámbito, a responsabilidade da xestión de todos os recursos asignados ao seu ámbito de competencias para garantir a prestación dos servizos definidos na carteira de servizos.
f) Executar os plans de calidade, seguridade e atención á cidadanía no seu respectivo ámbito.
g) Potenciar a participación social e da cidadanía, mellorando as canles de información, e potenciando o funcionamento dos consellos de saúde do distrito sanitario.
h) Instruír en tempo e forma as reclamacións e queixas.
i) Coordinar a actividade docente que se realice nos centros da súa competencia, incluída a formación especializada, conforme as acreditacións, concertos e convenios establecidos ou que se establezan, sen prexuízo das competencias atribuídas á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.
j) Impulsar e fomentar a investigación, o desenvolvemento, a innovación e a transferencia de coñecemento sanitario no seu respectivo ámbito, sen prexuízo das competencias atribuídas á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.
k) Exercer calquera outra función que lle sexa delegada polos órganos competentes.