Xerencia de Área Sanitaria

Xerencia de Área Sanitaria

Á fronte da atención sanitaria de cada área sanitaria estará un ou unha xerente de área. A persoa titular da Xerencia deberá ser licenciado/a universitario/a ou equivalente segundo o Espazo Europeo de Educación Superior, e o seu nomeamento ou cesamento produciranse por orde da persoa titular da Consellería de Sanidade, de conformidade co previsto no artigo 76.h) da Lei 8/2008, do 10 de xullo.
A Xerencia da Área Sanitaria estará baixo a dependencia da Xerencia do Servizo Galego de Saúde.
Son funcións da Xerencia da Área Sanitaria as seguintes:
a) Desempeñar a representación da respectiva área sanitaria e a superior responsabilidade dentro dela.
b) Presidir a Comisión de Dirección, o Consello de Dirección da Área, a Comisión de Atención Primaria da Área e as comisións específicas que sexan creadas no seu ámbito.
c) Elaborar o plan estratéxico dentro do seu ámbito e establecer os obxectivos dos servizos integrados e a súa avaliación, de acordo coas directrices emanadas da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde.
d) Cumprir e facer cumprir, no seu ámbito, os acordos de xestión asinados anualmente cos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde.
e) Xestionar todos os recursos da respectiva área sanitaria para garantir a prestación dos servizos definidos na carteira de servizos.
f) Propoñer á Xerencia do Servizo Galego de Saúde, con carácter facultativo, a subscrición e resolución dos contratos de servizos sanitarios necesarios para cubrir a demanda asistencial no seu ámbito, sendo a unidade encargada da xestión e seguimento da execución ordinaria do contrato, de maneira que se adapte ás necesidades reais da poboación coa utilización eficiente de todos os recursos.
g) Xestionar, no seu respectivo ámbito, as prestacións básicas e complementarias recollidas no Catálogo de prestacións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde.
h) Programar, dirixir e controlar a execución da actividade, a través dos medios persoais e materiais dispoñibles e a coordinación das súas unidades. Para estes efectos poderá facer uso dos mecanismos previstos no artigo 124 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, en relación coa expedición de nomeamentos ou ditar ordes de servizo necesarias, así como exercer as competencias resolutorias, propias ou delegadas, en relación co persoal da área.
i) Organizar os recursos humanos, materiais, tecnolóxicos e financeiros no seu respectivo ámbito.
j) Coordinar e elaborar a proposta de anteproxecto de orzamentos dos servizos asistenciais do seu ámbito de xestión.
k) Coordinar e elaborar a proposta integrada do plan anual de investimentos e dar cumprimento do plan aprobado.
l) Xestionar os plans de calidade, seguridade e atención ao/á paciente, no seu respectivo ámbito.
m) Potenciar a participación social e da cidadanía, mellorando as canles de información, propoñendo accións de formación á cidadanía para a toma de decisións e potenciando a xestión eficaz e o funcionamento do Consello de Saúde da Área.
n) Instruír e resolver os procedementos de reclamacións, suxestións e agradecementos.
o) Propoñer e executar, logo da aprobación pola dirección xeral con competencias en asistencia sanitaria, a reorganización asistencial que se considere necesaria para mellorar a equidade, accesibilidade e autonomía de elección do/da paciente.
p) Fomentar a investigación, o desenvolvemento e a transferencia de coñecementos do ámbito sanitario na súa área.
q) Potenciar a cooperación en materia de investigación, desenvolvemento, innovación e transferencia de coñecementos entre o sistema sanitario público, outras administracións, as empresas e as universidades, sobre todo coas da Comunidade Autónoma, sen prexuízo das competencias atribuídas á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.
r) Supervisar a actividade docente que se realice nos centros da súa competencia, incluída a formación especializada, conforme as acreditacións, concertos e convenios establecidos ou que se establezan, sen prexuízo das competencias atribuídas á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.
s) Resolver os procedementos e recursos nos casos establecidos pola normativa vixente que se susciten no ámbito da competencia da Xerencia da Área Sanitaria.
t) Asumir as tarefas de encargado de tratamento, nos termos definidos na lexislación en materia de protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais. Estas tarefas aplicaranse a todos aqueles tratamentos que conteñan datos de tal carácter nos centros ou servizos abranguidos no seu respectivo ámbito e realizaranse seguindo as instrucións corporativas emitidas pola persoa titular da Consellería de Sanidade, na súa condición de responsable destes tratamentos, sen prexuízo das funcións atribuídas neste ámbito á Subdirección Xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información.
u) Determinar a suplencia temporal das persoas titulares dos postos directivos recollidos no artigo 4, para os casos de vacante, ausencia ou enfermidade, e tamén para os casos en que sexa necesario designar suplente como consecuencia da concorrencia de causas de abstención ou recusación, nas situacións previstas legalmente.
v) Corresponderalle ao titular da xerencia, ou persoa en quen delegue, presidir as reunións cos representantes dos traballadores nas respectivas comisións de centro.
w) Exercer calquera outra función que lle sexa encomendada ou delegada polos órganos competentes.