Breve descrición do proxecto
A intervención consistirá na práctica regular de exercicio físico grupal, 2 días por semana, 1 hora por sesión, mediante a técnica de marcha nórdica. Realizárase no entorno xeográfico do Centro de Saúde, procurando camiñar zona urbana e terreo non pavimentado. Tamén se estudan as zonas cubertas próximas, no caso de que a climatoloxía non permita andar ao aire libre, para facer exercicios técnicos relacionados. Proporase de inicio un horario de media mañá, acadable para a maioría das persoas maiores. Cada sesión iniciarase con exercicios de quecemento os primeiros 10 minutos, seguidos da camiñada nórdica durante 30 – 40 minutos, durante os cales faranse exercicios específicos de forza muscular, coordinación e equilibrio, para finalizar con exercicios de estiramento os últimos 10-15 minutos. A parte da técnica será impartida e supervisada por un/unha licenciado/a en INEF que sexa instructor de marcha nórdica, mentres que dúas fisioterapeutas do Sergas atenderán os subgrupos/ou persoas mais fráxiles ou con necesidades especiais durante toda a actividade.