Dentro das infeccións de transmisión sexual (ITS) previbles pola vacinación atópase a infección polo virus do papiloma humano (VPH).
Hai moitos serotipos do VPH responsables de ITS, dos cales uns están relacionados con verrugas anoxenitais (condilomas) e outros poden provocar cancro. Estímase que o VPH é o axente causal do 5% dos casos de cancro, sendo causa necesaria para o desenvolvemento de cancro cervical e responsable tamén doutros cancros de menor incidencia, como o de vulva, vaxina, pene, ano e orofarinxe, de aí a importancia da súa prevención.
O VPH transmítese polo contacto entre mucosas, ou pel con pel, cunha persoa infectada por este virus, fundamentalmente durante as relacións sexuais. As infeccións prodúcense principalmente durante a mocidade.
Normalmente as persoas infectadas non teñen síntomas, podendo persistir a infección durante meses ou anos. A infección polo VPH adoita desaparecer soa, pero unha pequena porcentaxe evoluciona a lesións precancerosas ou cancro.
A vacina utilizada en Galicia ata este momento foi a vacina bivalente fronte ao VPH (Cervarix®), que proporciona protección directa fronte aos VPH de alto risco oncoxénico, 16 e 18, e ademais demostrou nos seus estudos a protección cruzada fronte a outros oncovirus, como o 31, 33, 39, 45 e 51, como consta na súa ficha técnica.
A Dirección Xeral de Saúde Pública, a pesar da boa eficacia da vacina bivalente utilizada en Galicia, estima que é necesario o cambio á vacina nonavalente Gardasil 9®, do laboratorio MSD, que contén na súa composición os virus de alto risco 16, 18, 31, 33, 45, 52 e 58, ademais dos virus non oncoxénicos 6 e 11 responsables das verrugas xenitais, xa que pode achegar unha porcentaxe de arredor do 10% máis de prevención de casos de cancro, o que supón unha cifra nada desdeñable, ademais da protección fronte aos serotipos 6 e 11, responsables das verrugas xenitais, como un valor engadido.
No mes de xullo de 2019, a Consellería de Sanidade publicou o documento “Vacinación en grupos de risco de todas as idades e en determinadas situacións” que se pode consultar aquí: https://www.sergas.es/Saude-publica/Vacinacion-en-Grupos-de-Risco-e-en-determinadas-situacions
Dentro deste documento inclúese a recomendación da vacinación de VPH en homes que teñen sexo con homes (HSH) ata os 45 anos ademais da hepatite B e hepatite A en todas as idades.
O número de doses de vacina recomendado en HSH é o seguinte:
Recomendámosche que acudas ao teu médico/a de cabeceira para actualizar o teu calendario vacinal.