Infección gonocócica (ou gonorrea)

Infección gonocócica (ou gonorrea)

Que é a infección gonocócica?

É unha infección de transmisión sexual (ITS) producida por unha bacteria chamada Neisseria Gonorrhoeae (ou gonococo).


Epidemioloxía

No ano 2016, declaráronse case 200 casos de infección gonocócica en Galicia. Os novos casos de infección gonocócica aparecen con moita máis frecuencia nos homes ca nas mulleres, tamén son máis frecuentes na terceira década da vida e nas zonas con maior densidade de poboación como as grandes cidades.

 

Figura: Incidencia (c/100.000 hab.) anual de infección gonocócica declarada en Galicia de 2004 a 2016.

 

Gonococia_abril_2018.png

 

 

Sintomatoloxía

- Sensación de ardor ao ouriñar.

- Secreción no extremo do pene.

- Pode haber dor nos testículos.

Non obstante, o 10% dos homes con infección gonocócica non presentan síntomas.


Transmisión

A infección gonocócica pode contraerse cando se manteñen relacións sexuais sen preservativo cunha persoa que ten a infección a través do sexo anal, vaxinal ou oral.

A felación é tamén unha práctica de risco para contraer infección gonocócica. Esta práctica pode transmitir a infección gonocócica da uretra infectada á gorxa da persoa que fai a felación; e viceversa, unha persoa con infección gonocócica na gorxa pode transmitir a infección gonocócica á uretra do home que recibe a felación.

Aínda que se tivera infección gonocócica no pasado, e se tratara correctamente, é posible volver a infectarse porque pasar a infección non xera protección.


Como se pode previr?

Empregando sempre o preservativo durante as relacións sexuais anais, vaxinais ou orais.


Diagnóstico

Para diagnosticar unha infección gonocócica é preciso obter unha mostra da zona xenital, farínxea (gorxa) ou anal, segundo o tipo de práctica sexual mantida. En ocasións, pode solicitarse a maiores unha mostra de ouriños. Se vostede ten infección gonocócica debe descartar outras infeccións de transmisión sexual como a sífilis, a clamidia e o VIH xa que pode ter máis dunha ITS ao mesmo tempo.

Mediante o sexo oral, o gonococo pode infectar a gorxa e as amígdalas da persoa que realiza a felación. Esta infección gonocócica faringo-amigdalar pode resultar difícil de diferenciar do resto das infeccións de gorxa e amígdalas que están producidas por outros tipos de xérmenes. Non obstante, para eliminar a infección gonocócica é preciso un tratamento antibiótico específico e diferente do tratamento doutras infeccións bacterianas comúns da gorxa e amígdalas. A infección gonocócica non tratada correctamente favorece a aparición de gonococos resistentes aos antibióticos. Polo tanto, se vostede presenta síntomas de infección na gorxa ou nas amígdalas e realizou unha felación de risco recentemente é aconsellable comentalo co seu médico/a para descartar que se trate dunha infección gonocócica por precisar un tratamento antibiótico específico.


Tratamento

Neste momento, o tratamento antibiótico recomendado para a infección gonocócica é unha dose de Ceftriaxona 500 mg intramuscular xunto cunha dose de Azitromicina 2 g por vía oral. Non obstante, esta pauta pode modificarse por diversos factores. Se non se toma correctamente este tratamento a infección gonocócica pode non curar e favorece a aparición de gonococos resistentes aos antibióticos. Deben evitarse as relacións sexuais, incluso con preservativo, ata que tanto a persoa afectada como a súa parella sexual rematen o tratamento e os síntomas desaparezan.


Posibles complicacións da infección gonocócica

A infección gonocócica non tratada correctamente pode estenderse a outras partes do organismo como os testículos, a pel ou as articulacións.


Debo dicirllo á miña parella?

Se vostede ten infección gonocócica é esencial que a súa parella actual e as anteriores consulten ao seu médico/a. De esta forma, vostede evita contaxiarse de novo da infección e ademais a súa parella poderá tratarse se o precisa e non desenvolverá as complicacións da infección gonocócica.