Dispensación en farmacia hospitalaria

Dispensación en farmacia hospitalaria

APROXIMACIÓN AO USO HOSPITALARIO DE ANTIBIÓTICOS EN GALICIA DURANTE 2018

Introdución. O uso hospitalario de antibióticos (ie, dos dispensados por unha farmacia hospitalaria), aínda que cuantitativamente é de menor importancia que o uso comunitario (ie, dos dispensados por unha farmacia comunitaria), cualitativamente ten moita relevancia porque no hospital é onde se empregan os antibióticos considerados como última liña terapéutica. Por iso, o Plan estratéxico e de acción para reducir o risco de selección e diseminación da resistencia aos antibióticos en España (PRAN) [1] ten, entre as súas estratexias, a vixilancia do uso dos antibióticos nos hospitais, e ten previsto definir uns indicadores de calidade de uso como xa definiu para o uso comunitario [2].

Para que esta vixilancia sexa completa é preciso que dispoña de datos sobre todo o uso hospitalario do territorio ao que afecta, mais en Galicia disponse só de datos dos antibióticos dispensados polas farmacias dos hospitais públicos. Non se dispón, pois, dos datos dos hospitais privados, nos que en 2018 ocorreron o 23% das altas e o 11% das estadías rexistradas polo Conxunto mínimo básico de datos de hospitalización de agudos de Galicia (CMBD) [3]. Por iso, este informe non pode ser máis que unha aproximación ao uso hospitalario de antibióticos en Galicia durante 2018, con referencia aos tres anos previos.

 

Materias e métodos. Para estudar o uso de antibióticos, a OMS recomenda empregar os "antibacterianos para uso sistémico", e expresalo en dose habitante día (DHD), que se define como dose diaria definida (DDD) por 1.000 habitantes e día. A DDD é a media asumida da dose diaria de mantemento para a súa indicación principal en adultos. A clasificación ATC/DDD [4], que ten os antibióticos sistémicos agrupados na rúbrica J01, proporciona a DDD para cada presentación farmacéutica dos distintos antibióticos, que é un valor fixo para cada presentación establecido por expertos que se actualiza periodicamente.

Neste informe, as DHD calculáronse cos datos de DDD utilizadas nos hospitais públicos de 2015 a 2018 que proporcionou a Subdirección Xeral de Farmacia, e coa poboación de Galicia do padrón continuo de habitantes para cadanseu ano que proporciona o Instituto Galego de Estatística [5]. Como en 2019 houbo unha actualización moi importante do valor das DDD, os resultados deste informe non coinciden cos do informe previo [6].

Ademais da DHD, neste informe emprégase un segundo indicador, as DDD por 1.000 estadías (DE), dos hospitais públicos de 2015 a 2018, que tamén proporcionou a Subdirección Xeral de Farmacia. Coa razón entre o valor deste indicador para os hospitais públicos en 2017 e o do hospital Povisa no mesmo ano, e o número de estadías ao ano en hospitais privados durante 2018, estimouse o número de DDD nestes hospitais neste ano. Esta estimación asume, pois, ademais da validez dos datos, que o uso no resto de hospitais privados é cuantitativamente semellante ao de Povisa.

Para os hospitais públicos, os antibióticos trátanse conxuntamente (J01) e nos dous agrupamentos seguintes: antibióticos con actividade fronte a S. aureus resistente meticilina de especial seguimento (AS): vancomicina, teicoplanina, linezolid, daptomicina, tigeciclina, ceftarolina e dalbavancina; e antibióticos con actividade fronte a P.aeruginosa de especial seguimento (AP): imipenem-cilastatina, meropenem, cefepime, piperacilina-tazobactam, ceftazidima, ceftazidima-avibactam, aztreonam, cefotozolano-tazobactam.
Para poñer en perspectiva o uso de antibióticos nos hospitais de Galicia, empregáronse os datos de dispensación nos diferentes países de Europa en 2018 publicados polo ECDC [7].

 

Resultados. Ao longo de 2018, nos hospitais públicos de Galicia usáronse 2’00 DHD, ou 1.01 DE, que a respecto dos anos anteriores supoñen a continuación dunha tendencia lixeiramente crecente dende as 1’89 DHE, ou 1.000DE, usadas en 2015 (Figura 1). Pola súa banda, o uso de antibióticos AS amosa tamén unha tendencia lixeiramente crecente (0’13 DHE en 2015 e 0’15 en 2018; ou 71 e 78 DE, respectivamente), mentres o uso de AP mantívose estable (0’26 DHD ou 135 DE tanto en 2015 como en 2018).
O uso en hospitais privados durante 2018 estímase en 218.205 DDD, que supoñen 0’22 DHD. Deste xeito, a dispensación hospitalaria de antibióticos en Galicia durante 2018 acadaría as 2’22 DHD.

O valor mediano da dispensación hospitalaria no conxunto dos 25 países europeos que enviaron datos de 2018 ao ECDC foi de 1’70 DHD, cun rango que variou das 0’84 DHD de Holanda ás 2’47 do Reino Unido, mentres que a do conxunto de España foi de 1’73 DHD. Na Figura 2 mírase que a dispensación hospitalaria de antibióticos en Galicia durante 2018 fica por riba da mediana dos países de Europa, e lonxe da dos países con menor dispensación.

 

Figura 1. DHD (esquerda) e DE (dereita) dos AS, AP e do resto de antibióticos dispensados nos hospitais públicos de Galicia en cadanseu ano, de 2015 a 2018.

 Uso_antibioticos_figura1.PNG

Figura 2. Rango e mediana das DHD dos antibióticos dispensados nos hospitais dos países de Europa que notificaron ao ECDC en 2018, xunto á DHD dos dispensados en Galicia nese ano.

 

Uso_antibioticos_figura2.PNG

 

 

Referencias.

[1] Plan Nacional frente a la Resistencia a los Antibióticos (PRAN) 2019-2021. [Ligazón]

[2] PRAN. Indicadores de uso de antibióticos en Atención Primaria. [Ligazón]

[3] Datos proporcionados pola Subdirección xeral de Avaliación Asistencial e Garantías.

[4] WHO Collaborating Centre for Drug Statistics Methodology. [Ligazón]

[5] Instituto Galego de Estatística. Poboación: cifras de poboación. [Ligazón]

[6] DXSP-SERGAS. Aproximación ao uso hospitalario de antibióticos en Galicia durante 2018. [Ligazón]

[7] ECDC. Antimicrobial consumption database (ESAC-Net). [Ligazón]