Diagnóstico e tratamento do VIH garantidos en Galicia

Diagnóstico e tratamento do VIH garantidos en Galicia

O acceso ao sistema sanitario e ao tratamento é fundamental para mellorar a saúde, prolongar a vida e previr a transmisión sexual do VIH e outras infeccións de transmisión sexual (ITS). A Consellería de Sanidade habilitou vías que aseguran o acceso a todas as persoas residentes en Galicia con infección polo VIH ou outra ITS e que non teñen dereito á asistencia sanitaria a través da condición de asegurado ou beneficiario recoñecida polo Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) ou polo Instituto Social da Mariña (ISM) e que non poidan acollerse a un convenio especial.

Estas vías son o Programa galego de protección social da saúde pública e o Programa de vixilancia epidemiolóxica. Este último está destinado a aquelas persoas que non poidan acceder ao sistema sanitario polas vías ordinarias, non teñan recursos económicos e acudan a un centro sanitario pola sospeita de padecer algunha enfermidade infecciosa suxeita a vixilancia epidemiolóxica, control ou eliminación a nivel da comunidade, estatal ou internacional. Dentro destas enfermidades inclúense, entre outras, a infección polo VIH, a clamidiase, as hepatites A e B, a gonococia ou a sífilis. Neste caso, a atención sanitaria cubrirá o diagnóstico e seguimento da enfermidade ata a alta médica do proceso.

A Instrución 17/2012 é o documento que recoñece o dereito á asistencia sanitaria dentro do Programa de vixilancia epidemiolóxica e podes consultalo e descargalo aquí:
https://www.sergas.es/Saude-publica/Documents/222/Instruccion%2017%20de%202012.pdf.

Se sospeitas que poidas estar infectado polo VIH, non tes ningún seguro de asistencia sanitaria nin recursos económicos, imprime a Instrución 17/2012 e acode á consulta do traballador/a social do centro de saúde máis próximo ao teu domicilio para que che tramite a inclusión no Programa de vixilancia epidemiolóxica. Deste xeito, poderás realizar as probas diagnósticas necesarias para confirmar ou non a infección polo VIH ou outra ITS. No caso de que esteas infectado polo VIH, tamén che dará acceso ao tratamento que precises.