Aumento dos casos de gonococia

Aumento dos casos de gonococia

AUMENTO DOS CASOS DE GONOCOCICA EN GALICIA, 2017.

Evolución da epidemioloxía das ITS na nosa contorna.

A sida foi unha enfermidade emerxente a principios dos anos 80 do século XX. Naquel momento, a sida era unha enfermidade mortal e sen tratamento. A persoa diagnosticada de sida tiña unha esperanza de vida dun par de anos aproximadamente dende o momento do diagnóstico. O único método para previr esta enfermidade era utilizar o preservativo. En liñas xerais, isto provocou que aumentara o uso do preservativo e que diminuíran, dun xeito importante, os casos de infeccións de transmisión sexual (ITS). Hoxe en día, grazas aos novos tratamentos contra o VIH, as persoas infectadas melloraron dun xeito moi importante a súa esperanza e calidade de vida. Esta mellora está a favorecer a banalización das prácticas sexuais de risco e a diminución do uso do preservativo, o que se traduce nun aumento dos diagnósticos de ITS. Na campaña deste mes, imos atender ao aumento de casos notificados de gonococia (gonorrea/purgacións) en Galicia nos últimos anos.

 

Evolución da gonococia.

Segundo os últimos datos publicados no Boletín Epidemiolóxico de Galicia, dende o ano 1982 ata o 2010, a gonococia en Galicia foi diminuíndo dun xeito importante ano a ano. Mais, nos seis anos seguintes, de 2011 a 2016, esta tendencia inverteuse; e ano a ano, foron aparecendo máis casos de gonococia.

 

Figura 1. Incidencia (casos/100.000 hab) anual de gonococia declarada en Galicia de 1984 a 2016.

 

Gonorrea-Figura_1.png

 

En 2017, declaráronse 248 casos de gonococia, o que supuxo un aumento do 26% a respecto de 2016. Este foi o ano que máis casos de gonococia se notificaron no que vai de século XXI, aínda que son valores inferiores ao que sucedía a finais do século XX.

 

Figura 2. Incidencia (casos/100.000 hab) anual de gonococia declarada en Galicia de 2000 a 2017.

 

Gonorrea-Figura_2.png

 

A declaración dos novos casos (incidencia) deuse maioritariamente en homes (4 veces máis ca en mulleres) e no grupo de idade entre 20 e 24 anos, como se pode ver na seguinte figura.

 

Figura 3. Incidencia (casos/100.000 hab) de gonococia declarada en Galicia en 2015, 2016 e 2017; por grupo de idade en varóns.

 

Gonorrea-Figura_3.png

 

A tendencia ao aumento no número de casos de gonococia dase principalmente nas zonas máis urbanizadas e con maior poboación. A provincia na que apareceron máis casos foi Pontevedra, como xa ocorrera en anos anteriores.

 

Aproveitamos para lembrar a sintomatoloxía, os mecanismos de transmisión e como se pode previr a gonococia:

Sintomatoloxía:

- Sensación de ardor ao ouriñar.
- Secreción no extremo do pene.
- Pode haber dor nos testículos.

Non obstante, o 10% dos homes con infección gonocócica non presentan síntomas.

Posibles complicacións da infección gonocócica

A infección gonocócica non tratada correctamente pode estenderse a outras partes do organismo como os testículos, a pel ou as articulacións.

Mecanismos de transmisión:

A infección gonocócica pode contraerse cando se manteñen relacións sexuais sen preservativo cunha persoa que ten a infección a través do sexo anal, vaxinal ou oral.
A felación é tamén unha práctica de risco para contraer infección gonocócica. Esta práctica pode transmitir a infección gonocócica da uretra infectada á gorxa da persoa que fai a felación; e viceversa, unha persoa con infección gonocócica na gorxa pode transmitir a infección gonocócica á uretra do home que recibe a felación.
Aínda que se tivera infección gonocócica no pasado, e se tratara correctamente, é posible volver a infectarse porque pasar a infección non xera protección.

Como se pode previr?

Empregando sempre o preservativo durante as relacións sexuais anais, vaxinais ou orais.

Se aprecias síntomas compatibles con gonococia acude á consulta do teu médico/a de atención primaria para che confirme ou descarte o diagnóstico; e che paute, se procede, o tratamento axeitado.
Actualmente, existe un tratamento antibiótico recomendado polo Centro Europeo para o Control e Prevención de Enfermidades (ECDC), para conseguir a máxima eficacia e que está dispoñible en todos os centros de saúde do Sergas.