Número 6: Zonas de baño en Galicia - Cribado para o virus da hepatite C - Recollida de mostras en enfermidades alimentarias - Fin da crise sanitaria da COVID-19

Número 6: Zonas de baño en Galicia - Cribado para o virus da hepatite C - Recollida de mostras en enfermidades alimentarias - Fin da crise sanitaria da COVID-19

 v10-n06_2.png


INFORMACIÓN SOBRE AS ZONAS DE BAÑO EN GALICIA

 


Defínense as augas de baño como calquera elemento de augas superficiais onde se prevexa o baño dun número importante de persoas ou exista unha actividade próxima relacionada directamente co baño e no que non exista unha prohibición nin se formulase unha recomendación permanente de absterse e non exista perigo obxectivo.

A Lei 8/2008 de saúde de Galicia, inclúe o establecemento de estándares de produción e medidas de protección da saúde fronte a riscos medioambientais, como os derivados do uso das zonas de baño. Por este motivo, a Dirección Xeral de Saúde Pública executa o Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño durante a tempada de baño (1 de xuño a 30 de setembro), co obxectivo principal de minimizar os riscos de contraer enfermidades ao bañarse nas augas marítimas ou continentais. Dispón dos resultados dos controis quincenais no mapa de zonas de baño de Galicia.

 


CRIBADO ETARIO OPORTUNISTA PARA A DETECCIÓN PRECOZ DO VIRUS DA HEPATITE C

 


 

A hepatite C (HC) é un grave problema de saúde pública que constitúe unha das causas máis importantes de enfermidade hepática crónica no mundo. O seu tratamento mediante antivirais de acción directa logra unha resposta viral sostida (“curación”) despois de 12 semanas en máis do 95% das persoas tratadas. Actualmente, non existe vacina eficaz contra a HC, polo que resulta fundamental a prevención para reducir o risco de exposición ao virus, así como fortalecer as estratexias de detección precoz da enfermidade [1].

Tendo en conta o anterior, a Dirección Xeral de Saúde Pública presentou a finais do ano 2022 a Estratexia para a eliminación da HC como problema de saúde pública en Galicia, dentro da cal se expón a elaboración dun cribado etario oportunista en persoas de 40 a 69 anos (grupo de maior prevalencia). Polo tanto, a poboación diana son as persoas ás que se lles solicite unha análise de sangue por calquera outro motivo e cumpran as seguintes condicións:

  • Durante o ano 2023: persoas nacidas entre 1964 e 1973.

  • Durante o ano 2024: persoas nacidas entre 1954 e 1963.

  • Durante o ano 2025: persoas nacidas entre 1974 e 1983.

Para garantir e facilitar este cribado ás persoas de cada cohorte de nacemento e ano, incluiráselle por defecto e de forma automatizada a determinación do virus da HC cando se solicite unha analítica por calquera outro motivo, tanto en atención primaria coma hospitalaria.

Unha vez recollido o consentimento verbal por parte da persoa, enviarase a mostra ao laboratorio de microbioloxía correspondente para realizar a determinación da carga viral da HC mediante unha estratexia de agrupación de 100 mostras (pooling). Os resultados negativos serán comunicados mediante SMS e, no caso dun positivo, cada hospital porase en contacto coa persoa para informarlle do resultado e facilitarlle unha cita sen demora no servizo asistencial correspondente. Deste xeito, garántese un dos obxectivos da estratexia: conseguir que non pasen máis de 21 días entre o diagnóstico e o inicio do tratamento.

Para calquera dúbida, pode consultar coa unidade de coordinación da Estratexia no teléfono 881.542.960 ou no correo prevencion.enfermedades.transmisibles@sergas.es

RECOLLIDA DE MOSTRAS CLÍNICAS EN ENFERMIDADES DE ORIXE ALIMENTARIA

 


O pasado domingo 28 de maio, notificáronse no concello de Betanzos un número elevado de casos de gastroenterite aguda onde a única exposición común semellaba ser o consumo de auga da traída. Dende ese momento estudáronse 851 casos e, aínda a día de hoxe, séguense realizando controis adicionais do auga e facendo vixilancia das consultas en Atención Primaria. En total, das mostras clínicas analizáronse 71 coprocultivos, detectando 36 mostras positivas a rotavirus e 14 a norovirus.

 

Compre recordar que toda sospeita de abrocho debe declararse de forma obrigatoria e urxente ao SAEG, incluídos os abrochos de enfermidade de orixe alimentaria (EOA). Deste xeito, pode iniciarse o Protocolo de actuación nos abrochos de EOA e tomar as mostras clínicas dos enfermos e do alimento ou auga precisas para a confirmación do axente implicado epidemioloxicamente no abrocho. As probas diagnósticas máis frecuentes son os coprocultivos e, nalgúns casos, a criterio do equipo de investigación poden realizarse análises específicas non incluídas na batería habitual do laboratorio, como a detección de norovirus ou rotavirus. Para a recollida de mostras clínicas, resulta fundamental empregar o bote axeitado á proba solicitada. O máis habitual é usar un recipiente estéril de boca ancha (bote de urocultivos), que ademais é o único que permite estudar antíxenos virais. Se está dispoñible o hisopo con medio, tamén podería empregarse para o cultivo e PCR de bacterias e virus gastrointestinais.​


Image_003.png 
 

CRIBADO ETARIO OPORTUNISTA PARA A DETECCIÓN PRECOZ DO VIRUS DA HEPATITE C

 


 
t1v10n06.png 
 
O procesado de mostras basease no método de 3 pasos que se ve na Figura 1. Soamente se realiza a determinación do ARN-VHC ao pool de 100 mostras e, se este fose positivo, analízanse por separado os 2 de 50 mostras, a continuación os 5 de 10 mostras que forman o pool positivo. Despois faise unha seroloxía convencional a cada mostra do pool de 10 que resultou positivo e, por último, a determinación de ARN-VHC soamente a mostra positiva na seroloxía. Así, por cada pool de 100 que resulte positivo, soamente se precisan 10 seroloxías e 8 determinacións de ARN-VHC para detectar a mostra positiva.


f1v10n06.png

Figura 1. Metodoloxía seguida para a agrupación das mostras mediante pooling. Fonte: Aguilera A, et al. Real-life validation of a sample pooling strategy for screening of hepatitis C. Clinical Microbiology and Infection.



FIN DA SITUACIÓN DE CRISE SANITARIA OCASIONADA POLA COVID-19

 

​​

O pasado 4 de xullo, o goberno de España aprobou a Orde SND/726/2023 pola que se declara a finalización da situación de crisis sanitaria ocasionada pola COVID-19. Tendo en conta isto, a Dirección Xeral de Saúde Pública, como autoridade sanitaria competente no noso territorio, estableceu as seguintes medidas de prevención e control en centros sanitarios de Galicia.

Así mesmo, o Ministerio de Sanidade publicou novos documentos, incluído o novo marco estratéxico para a vixilancia da COVID-19 no que indica que deberá facerse unha vixilancia conxunta das infeccións respiratorias agudas. Polo tanto, durante os próximos días iranse actualizando os documentos relacionados con esta enfermidade e publicaranse novos protocolos, guías e procedementos para unha adecuada vixilancia, prevención e control das infeccións respiratorias agudas en Galicia.

Pola súa banda, o SERGAS publicará estes días documentos específicos para atención hospitalaria, atención primaria e riscos laborais. Para estar ao día das novidades de relevancia en relación á COVID-19, poderás consultar a páxina web específica do coronavirus ou no apartado específico da páxina web da DXSP.​ 



Pie de página.png