Número 5: Actualización vacinación fronte ao pneumococo - Informes 2022 Rede Galega Vixilancia de Vectores (ReGaViVec)

Número 5: Actualización vacinación fronte ao pneumococo - Informes 2022 Rede Galega Vixilancia de Vectores (ReGaViVec)


v10-n05.png


ACTUALIZACIÓN DAS RECOMENDACIÓNS DE VACINACIÓN FRONTE AO PNEUMOCOCO​


O pneumococo (Streptococcus pneumoniae) é unha bacteria que posúe unha cápsula polisacárida que confire a súa virulencia e define o serotipo, existindo máis de 90 serotipos que varían en función da xeografía [1]. Habitualmente coloniza a farinxe de forma asintomática, pero pode producir unha ampla variedade de patoloxías. Entre as máis graves atopamos a pneumonía, a meninxite ou a sepse [2].

A vacinación antipneumocócica diminúe a morbimortalidade e contribúe a reducir o uso de antibióticos e as súas resistencias [2], [3]. Por isto, ao longo dos anos fóronse incluíndo novas vacinas en Galicia que melloraron a protección da poboación:

  • No ano 2000 iniciouse a vacinación para todas as persoas de 65 anos e para determinados grupos de risco coa vacina de polisacáridos de 23 serotipos (VNP23).

  • No 2011 incluíuse a vacina conxugada de 13 serotipos (VNC13) a menores nados no 2010. Posteriormente, trala súa autorización en adultos, incluíronse pacientes de risco.

  • No 2017 estendeuse a indicación da vacina VNC13 para todas as persoas ao cumprir 65 anos (nadas dende o 1 de xaneiro do 1952) completándose coa vacinación con VNP23 aos 66 anos de idade (pauta secuencial).

  • En setembro de 2020 ampliouse a vacinación con VNC13 a persoas institucionalizadas de 65 ou máis anos.

Recentemente véñense de aprobar dúas novas vacinas conxugadas VNC15 (Vaxneuvance®) e VNC20 (Apexxnar®) con 15 e 20 serotipos respectivamente. Algúns destes novos serotipos teñen especial relevancia epidemiolóxica [3]. Ademais, estas vacinas ofrecen unha inmunidade superior e de maior duración en comparación coas vacinas de polisacáridos. Así mesmo, inducen memoria inmunolóxica e inmunidade local a nivel das mucosas, polo que diminúe a colonización nasofarínxea reducindo a súa transmisión [4].

Por todo isto, a partir do 12 de xuño o Programa Galego de Vacinación actualiza a súa instrución de vacinación para persoas de 18 ou máis anos, modificando o seguinte:

  • Substitución da vacina VNC13 pola VNC20 nas súas indicación e tendo en conta as vacinas antipneumocócicas administradas previamente.

  • Administración dunha soa dose, excepto en receptores de transplante de proxenitores hematopoéticos (TPH)

  • Suspensión da vacinación con VNP23.

Esta vacina permite o seu uso de forma concomitante con calquera vacina do Calendario ao longo de toda a vida e debe administrarse vía intramuscular, preferiblemente no deltoides. Podes consultar unha táboa resumo das indicacións de vacinación con VNC20 no Apéndice.



INFORMES 2022 DA REDE GALEGA DE VIXILANCIA DE VECTORES (ReGaViVec)​


Os mosquitos e carrachas poden ser vectores de enfermidades se están infectados e, polo tanto, é relevante coñecer a súa presenza. Tendo en conta isto, en Galicia creouse ReGaViVec co obxectivo de coñecer a densidade, distribución espazo-temporal, grao de infestación e detectar a chegada de novos vectores ao noso territorio. Recentemente aprobouse o Plan Nacional de Vectores e publicáronse tamén os informes da ReGaViVec do ano 2022.

En relación aos mosquitos, identificáronse 8.339 dípteros con potencial interese vectorial en 64 concellos [Apéndice]:

  • Culícidos: son os máis frecuentes (6.200 exemplares). Do xénero Aedes non se detectou o A. albopictus (mosquito tigre) nin A. aegypti, transmisores de arboviroses (dengue, febre amarela, zika e chikungunya). Do xénero Anopheles, non se atoparon mosquitos infectados, polo que existe baixo risco de ser vector da malaria. Do xénero Culex: o máis frecuente é o mosquito común ou Culex pipiens (59% dos concellos con trampas), principal vector da febre do Nilo Occidental que actualmente non está presente en Galicia, pero si no sur de España.

  • Phlebotomus: detección de 2 especies posibles vectores da leishmaniose, tanto en cans coma en humanos.

  • Culicoides: especies con posibles implicacións veterinarias.

Como cidadáns podemos colaborar nestas tarefas mediante o uso da App Mosquito Alert, que permite notificar picaduras e lugares de cría mediante unha simple fotografía.

Con respecto ás carrachas, realizáronse 169 mostraxes identificando 171 carrachas en 50 delas. Destaca a Ixodes ricinus (maioritaria e transmisora da enfermidade de Lyme, endémica en Galicia), seguido pola Rhipicephalus sanguineus (tranmisora da febre botonosa mediterránea) e a Dermacentor reticulatus (enfermidades veterinarias). A colaboración de clínicas veterinarias e centros de recuperación de fauna silvestre, permitiu tamén a colleita de carrachas en animais (cans, gatos e fauna silvestre) con predominio de R.sanguineus e I.hexagonus (anaplasmose).

En relación as carrachas procedentes de persoas, obtivéronse 165 exemplares en 144 pacientes grazas a colaboración de 50 centros de saúde. A meirande parte das carrachas pertencen a especie I.ricinus (77%), pero destaca a detección de 3 Hyalomma marginatum na provincia de Ourense [Apéndice], posto que aínda que non estaban infectadas, son posibles vectores da febre hemorráxica Crimea-Congo. Se desexas colaborar desde o teu centro só tes que enviar un correo electrónico a regavivec@sergas.es.


Image_003.png​​



ACTUALIZACIÓN DAS RECOMENDACIÓNS DE VACINACIÓN FRONTE AO PNEUMOCOCO​


t1.png

INFORMES 2022 DA REDE GALEGA DE VIXILANCIA DE VECTORES (ReGaViVec)​


t2b.png




Pie de página.png