Número 3: Vacinación fronte ao herpes zóster - Enfermidade polo virus marburgo

Número 3: Vacinación fronte ao herpes zóster - Enfermidade polo virus marburgo

VENRES EPIDEMIOLÓXICO (OLAIA).png



VACINACIÓN FRONTE AO HERPES ZÓSTER AOS 65 E 80 ANOS



Durante 2022, en Galicia notificáronse 10.198 casos de herpes zóster (HZ), que supoñen unha taxa de incidencia de 377 casos por cen mil habitantes. Dende 2012 ata 2022, a taxa de incidencia en Galicia medrou un 24%, cun maior aumento en mulleres (29%), nas que o HZ é máis frecuente [1], que en homes (18%). Ademais, como é ben sabido, a incidencia e as complicacións do HZ medran [Apéndice], como está a ocorrer noutros países, debido ao envellecemento da poboación e ao aumento de persoas con factores de risco para HZ [2] [3], [4].

Por estes motivos, durante este 2023 a Dirección Xeral de Saúde Pública (DXSP) acaba de incluír a vacinación sistemática fronte ao herpes zóster (HZ) no Calendario de vacinación ao longo de toda a vida ao cumprir 65 ou 80 anos. Así, dende este pasado 10 de abril, xa se pode administrar esta vacina ás persoas nadas no ano 1958 e 1943. Posteriormente, cada ano, incluiranse ás persoas segundo vaian cumprindo tamén os 65 ou 80 anos de idade.

Así mesmo, mantense a recomendación de vacinar fronte ao HZ ás persoas de 18 ou máis anos que pertenzan a algún dos grupos de alto risco introducidos o pasado ano 2022 [Apéndice].​


A pauta de vacinación consiste en dúas doses da vacina HZ/su (Shingrix®) intramusculares separadas dous meses unha da outra. A vacina amosou nos ensaios clínicos boa tolerancia e seguridade, cunha efectividade superior ao 90% fronte ao HZ, á neuralxia postherpética e a outras complicacións. Para obter más información, pode consultar a instrución dispoñible na páxina web da DXSP.

Cómpre salientar que esta vacina tamén se lle debe recomendar ás persoas que xa tiveron un episodio anterior de HZ (esperando un ano tras o episodio), malia que a recorrencia só sexa dun 6% aos 8 anos de seguimento [5]. Así mesmo, non será preciso o antecedente de ter padecido varicela para recomendar a vacina, posto que os datos de seroprevalencia mostran que máis do 97% das cohortes de idade que teñen recomendada a vacina teñen este antecedente [Apéndice].

Para rematar, recordar que o HZ é unha enfermidade de declaración obrigatoria rutineira en atención primaria. Para notificala, é necesario codificar o motivo de consulta co código S70 da CIAP-2 que inclúe a neuralxia postherpética e o HZ oftálmico [6]. Non obstante, as consultas relativas á vacinación do HZ correspóndelles o código S44.



ENFERMIDADE POLO VIRUS MARBURGO: ABROCHOS EN GUINEA ECUATORIAL E TANZANIA


A enfermidade polo virus Marburgo (EVM) é unha febre hemorráxica vírica que se transmite ás persoas a través dos morcegos da froita. Entre persoas, propágase a través do contacto directo cos fluídos corporais, superficies ou materiais infectados. A EVM comeza de forma aguda con febre alta, cefalea intensa ou malestar xeral, podendo provocar síntomas hemorráxicos graves nos primeiros 7 días. Actualmente non existen vacinas nin tratamentos antivirais aprobados, presentando unha letalidade en torno ao 50%. A rehidratación e o tratamento sintomático melloran a súa supervivencia [1], [2], [3].

O pasado 13 de febreiro, as autoridades sanitarias de Guinea Ecuatorial (GE) notificaron o primeiro abrocho de EVM no país. Na recente actualización epidemiolóxica publicada por GE o 10 de abril, indican a presenza de 15 casos confirmados, distribuídos en diversas zonas do país e dos cales faleceron 11. Pouco despois do inicio en GE, o 21 de marzo, as autoridades sanitarias de Tanzania (TZ) informaron tamén sobre o seu primeiro abrocho de EVM. Segundo o informe de situación publicado polo Centro de Coordinación de Alertas y Emergencias Sanitarias o 21 de marzo, detectáronse un total de 8 casos confirmados no noroeste dese país, na rexión de Kagera. Faleceron 5 dos casos, incluíndo un traballador sanitario, e identificaron 161 contactos.

Actualmente, non se detectou a existencia de casos de EVM fóra destes dous países, nin existe evidencia de que os abrochos estean relacionados [3]. Polo tanto, a vía máis probable de introdución da EVM en España son persoas procedentes dun dos países afectados. Vale a pena comentar que, no caso de GE, España ten voos directos con GE debido ás estreitas relacións económicas e de cooperación ao desenvolvemento. Esta información podería variar segundo a evolución dos abrochos, pero actualmente débense considerar como áreas de risco de transmisión toda GE continental e a rexión de Kagera en TZ.

Por último, é importante recordar que ante a sospeita dun caso de EVM, deberán utilizarse as medidas de prevención e control recomendadas así como facer a oportuna notificación ao SAEG para poder xestionar o caso e seus contactos. No apéndice dispón das ligazóns aos documentos de referencia para a identificación e manexo de casos e contactos, así coma as últimas actualizacións epidemiolóxicas dispoñibles sobre a EVM.​ 




Image_003.png 

VACINACIÓN FRONTE AO HERPES ZÓSTER AOS 65 E 80 ANOS



Grupos de alto risco. Transplante de proxenitores hematopoéticos (TPH), transplante de órgano sólido (TOS), tratamento con fármacos anti-JAK, VIH en persoas estables con terapia antirretroviral durante ao menos un ano, hematopatías malignas e tumores sólidos en tratamento con quimioterapia.

Antecedente de varicela. As enquisas de seroprevalencia de Galicia en 2001, 2007 e 2013 acharon unha prevalencia de anticorpos IgG específicos fronte o virus da varicela-zóster nos nados de 1936 a 1961 do 97.5% (IC95: 96.4-98.6%), de 1943 a 1967 do 98.5% (IC95: 97.8-99.3%) e do 1949 a 1973 do 98.6% (IC95: 97.8-99.3%) respectivamente, sen diferenzas entre mulleres e homes.

Incidencia de HZ en Galicia. No gráfico de abaixo a esquerda móstrase a taxa anual de incidencia (casos por cen mil habitantes) bruta e axustada por idade (grupos decenais) de HZ notificado en Galicia dende 2012, ano no que comezou a notificación, a 2022. Nel obsérvase que a incidencia foi medrando linealmente ata 2019, cun descenso posterior entre 2020 e 2021 presumiblemente por mor do impacto da pandemia da COVID-19 na asistencia en atención primaria. No 2022 volve medrar a incidencia ata niveis de 2019. Os datos proceden da codificación de atención primaria do Sergas e só se considera a primeira consulta por HZ. No gráfico da dereita amósase a taxa de incidencia (casos por cen mil habitantes) media de HZ notificada en Galicia de 2012 a 2022 por grupos de idade (en anos) e por sexo. Nel pódese observar o característico aumento exponencial da incidencia a medida que aumenta a idade, a maior incidencia nas mulleres e que ambas as dúas son máis importantes a partir dos 50 anos.


1.png


 

ENFERMIDADE POLO VIRUS MARBURGO: ABROCHOS EN GUINEA ECUATORIAL E TANZANIA



Información da Dirección Xeral de Saúde Pública: nesta páxina web dispón dos documentos nos cales se establece a definición dun caso posible de EVM (doente con febre e algún dos seguintes síntomas: cefalea intensa, vómitos, diarrea, dor abdominal, dor muscular ou manifestación hemorráxica non explicada E durante os 21 días previos ao comezo de síntomas estivo nunha zona de risco en contacto cun enfermo con clínica compatible con EVM ou cos seus fluídos corporais/mostras biolóxicas) e as pautas para o seu manexo (poñerlle unha máscara cirúrxica ao doente, illalo nun cuarto con baño propio e notificalo ao SAEG para asegurar o procedemento a seguir e proceder a identificación de contactos). Tamén dispón de información para a identificación e manexo de contactos dun caso de EVM.

Información do Ministerio de Sanidad: nesta páxina web dispón dos documentos nos cales se actualiza a situación epidemiolóxica da enfermidade nos países afectados polos abrochos actuais, así coma do Protocolo de actuación para la detección precoz y manejo de casos de enfermedad por virus Marburgo.

Información do Center for Disease Control and Prevention: nesta páxina web pode consultar os mapas dispoñibles no marxe dereito nos cales se visualiza a distribución xeográfica dos abrochos de EVM que existen na actualidade. Tamén pode consultar o histórico de abrochos de EVM dos que existe rexistro.

2.png


3.png




Pie de página.png​​