Uso prudente dos antibióticos

Uso prudente dos antibióticos

Como cada ano a Organización Mundial da Saúde (OMS) celebra na semana do 13 ao 19 de Novembro a Semana Mundial de Concienciación sobre o Uso dos Antibióticos que este ano ten como lema: “Busque o consello dun profesional da saúde antes de tomar antibióticos”. (OMS)

Pola súa parte, o Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades (ECDC), para a celebración do Día Europeo da Sensibilización para o Uso Prudente dos Antibióticos, o 18 de Novembro de 2017, vén de lanzar unha campaña co lema: “Manteñamos os antibióticos funcionando” (ECDC)

Que poden facer os pacientes?

• Non usar os antibióticos fronte ás infeccións víricas (catarros, gripes).

• Buscar consello médico antes de tomar antibióticos.

• Tomalos de forma responsable. Seguir os consellos do médico en canto a dose e á duración do tratamento.

• Evitar a automedicación.

• Non compartir os antibióticos sobrantes con outras persoas.

• Non conservar os tratamentos sobrantes. Falar cos farmacéuticos de como desbotar as doses restantes.

• Para as enfermidades relacionadas co inverno, beber moitos líquidos e descansar un pouco para axudar a mellorar os seus síntomas.

Que poden facer os médicos de atención primaria (AP)?

• Prescribir os antibióticos responsablemente, xa que un 80-90% de todas as prescricións de antibióticos realízanse en AP, principalmente para patoloxías respiratorias.

• Evitar as prescricións innecesarias. Hai evidencia de que en moitas enfermidades respiratorias os antibióticos non son necesarios, e o sistema inmune do paciente é o suficientemente competente coma para combater infeccións leves.

• Establecer unha boa comunicación co paciente e influír na súa percepción e actitude sobre a súa enfermidade e a necesidade percibida de antibióticos.

Que poden facer os farmacéuticos?

• Asesorar os pacientes sobre síntomas menores e derivalos cando sexa necesario ao seu médico.

• Desmitificar a necesidade de usar antibióticos para tratar a gripe, os catarros e outras enfermidades menores.

• Aconsellar sobre como usar os antibióticos con prudencia.

• Administrar servizos de recollida de residuos de medicamentos, para contribuír á redución dos antibióticos dispoñibles nos fogares.

 

 

Antibioticos_imaxes.PNG