Metodoloxía

Metodoloxía

A MORTALIDADE POR CANCRO DE PULMÓN EN GALICIA, DE 1980 A 2001

 

Metodoloxía empregada no artigo publicado no Boletín Epidemiolóxico de Galicia (Vol.XVI, nº6 impreso en Abril de 2004) e no DADA

 

1.- Fonte de datos

Os datos de mortalidade por tumor maligno da tráquea, bronquios e pulmón en Galicia obtivéronse do Instituto Nacional de Estatística (INE) para o período 1980-86 e do Rexistro de Mortalidade de Galicia para o 1987-2001. Ata o ano 1998 as defuncións corresponden ó código 162 da 9ª Clasificación Internacional de Enfermidades (CIE-9); a partir de 1999 corresponden ós códigos C33 e C34 da CIE-10.

As poboacións de Galicia no período 1980-1997, por grupo de idade e sexo, son estimacións intercensuais a 1 de Xaneiro, calculadas polo método de Aitkin [1], cos datos dos Censos de 1981 e 1991, e os Padróns de 1986 e 1996. Para o período 1998-2001 tomáronse os datos da Renovación Anual do Padrón.

 

2.- Análise

As taxas específicas de mortalidade por cancro de pulmón, calculáronse nos grupos de idade quinquenais 20 a 24, 25 a 29 ata 85 e mais, en tres períodos: 1980-86, 1987-93 e 1994-2000.

As taxas anuais e provinciais para cada sexo axustáronse por idade co método directo tomando como poboación estándar a europea [2]. A tendencia das taxas anuais analizouse aplicando a técnica de regresión joinpoint [3,4] que permite caracterizar unha tendencia mediante segmentos lineais en escala logarítmica. Este método identifica de xeito automático os puntos de cambio, e proporciona unha estimación da porcentaxe de cambio anual para cada segmento. A interpretación da porcentaxe de cambio anual (PCA) é a seguinte:

 

Valores de PCA​ ​Interpretación
​-0,5 < PCA < 0,5 ​ESTABLE
​ 0,5 ≤ PCA < 1,5​ ​LEVEMENTE CRECENTE
​-1,5 < PCA ≤ -0,5 ​LEVEMENTE DECRECENTE
​PCA ≥ 1,5 ​CRECENTE
​PCA ≤ -1,5 ​DECRECENTE
 

 

Para analizar a mortalidade a nivel municipal calculáronse as razóns de mortalidade estandarizadas (RME) mediante un modelo xerárquico bayesiano [5] e, cunha pequena variante, obtívose a tendencia temporal (TT) para cada concello, no período 1980-2000 a fin de poder considerar tres subperíodos co mesmo número de anos: 1980-86, 1987-93, 1994-2000. Fíxose a análise utilizando dous modelos, o modelo baseado na proposta de Besag, York e Mollie [6] (1991) sen covariables e con covariables, sendo as covariables o nivel socio-cultural e a densidade de poboación. O criterio para a comparación dos modelos é o Deviance Information Criterion (DIC) proposto por Spiegelhalter et al [7], que avalía simultaneamente o axuste e a complexidade do modelo.

Para analizar o impacto da mortalidade por cancro de pulmón en Galicia no período 1980-2001 aplicáronse dous métodos, desenvolvidos por Arriaga [8,9], que permiten analizar o impacto da mortalidade por cancro de pulmón en termos de esperanza de vida.

En primeiro lugar, o número de anos de esperanza de vida perdidos (AEVP) [8] representa a diferencia entre o máximo posible de anos que se poden vivir entre dúas idades (neste caso 20 e 85 anos) e os que realmente se viven. O total de AEVP atribuíbles á forza da mortalidade nunha poboación pódese descompoñer por grupo de idade e causa de morte. Os AEVP debido á mortalidade por cancro de pulmón en Galicia calculáronse en tres trienios: 1980-82, 1990-92 e 1999-2001 e nos seguintes grupos de idade: 20 a 44, 45 a 54 e 55 e máis.

En segundo lugar, o aumento observado na esperanza de vida ó nacemento dunha poboación entre dous períodos pode descompoñerse nunha suma de efectos debidos ó cambio na mortalidade de cada grupo etáreo e por causas de morte [9]. Este método aplicouse á mortalidade por cancro de pulmón para comparar os trienios anteriores e nos mesmos grupos de idade.


Referencias

[1] Aickin M, Dunn CN, Flood TJ. Estimation of Population Denominators for Public health Studies at the Tract, Gender, and Age-Specific Level. Am J Public Health 1991; 81: 918-20.

[2] Waterhouse et al. Editores. Cancer incidence in five continents. Vol. 3 (anexo III). Lyon: IARC; 1976. p.456.

[3] Kim HJ, Fai MP, Feuer EJ, Midthune DN. Permutation tests for joinpoint regression with applications to cancer rates. Stat Méd 2000; 19: 335-51.

[4] Nacional Cáncer Institute. Joinpoint Regression Program versión 2.5 [Software]. March 2000. Available at http://surveillance.cancer.gov/

[5] Clayton D, Kaldor J. Empirical Bayes Estimates of Age-standardized Relative Risks for Use in Disease Mapping. Biometrics 1987; 43: 671-81.

[6] Besag J, York J, Mollie A. Bayesian image restoriation, with applications in spatial statistics (with discussion) Ann Inst. Stat Math 1991; 43: 1-59.

[7] Spiegelhalter DJ, Best NG, Carlin BP. Bayesian deviance, The effective number of parameters, and the comparison of arbitrarily complex models. Unpublished, March 1998.

[8] Arriaga EE. Los años de vida perdidos: su utilización para medir el nivel y cambio de la mortalidad. Notas de Población CELADE 1996; 24( 63): 7-38.

[9] Arriaga EE. Measuring and explaining the change in life expectancies. Demography 1984; 21(1): 83-96.