Calendario de Vacinación de Adultos

Calendario de Vacinación de Adultos

Neste calendario, que está vixente desde o 3 de xullo do 2017, destaca a incorporación da vacina antipneumocócica conxugada que se administrará ás persoas que vaian cumprindo os 65 anos (nadas a partir do 1 de xaneiro de 1952) e se manteñen, ó mesmo tempo, as indicacións para os grupos de risco de calquera idade. A vacina polisacárida pasará a administrarse ós 66 anos.

No calendario tamén se especifican as recomendacións de vacinación para a poboación adulta fronte ao tétano, difteria, tose ferina, sarampelo, rubéola, parotidite, hepatite B, gripe, varicela, virus do papiloma humano (VPH) e meningococo C.

A vacinación fronte ao tétano/difteria indicarase a todos os adultos non vacinados previamente ou coa primovacinación incompleta, así como para a profilaxe antitetánica en feridas.

As mulleres embarazadas entre a semana 28 e 36 de xestación, preferiblemente na semana 32, deberán recibir unha dose da vacina difteria-tétano-tose ferina acelular de baixa carga antixénica.

Anualmente vacinaranse da gripe as persoas de 60 ou máis anos de idade e as que presenten risco de complicacións. A vacinación antigripal do persoal sanitario resulta imprescindible para evitar a transmisión da enfermidade a pacientes con alto risco de complicacións así como o seu propio padecemento.

A vacinación con tripla vírica recoméndase segundo a data de nacemento, o padecemento previo da enfermidade e o estado inmunitario, e se establece a pauta de vacinación segundo o caso; tamén se realizan as recomendacións para a vacinación das mulleres embarazadas susceptibles despois do parto.

Por outra banda, a vacina fronte ao VPH indicaráselle a todas as mulleres nacidas a partir do 1994 que non fosen vacinadas previamente. Cabe destacar, pola súa importancia, a vacinación das mulleres conizadas nos 6 últimos meses por lesións intraepiteliais de grado CIN 2 ou superior, debido ao maior risco de recorrencia ben por reinfección ou reactivación.

 

 

Cartel_calendario_vacinación_adultos.jpg