Preguntas frecuentes Concurso de Traslados

Preguntas frecuentes Concurso de Traslados

29 de novembro de 2017

CONCURSO DE TRASLADOS ABERTO E PERMANENTE:
 
 
 

CONCURSO DE TRASLADOS ABERTO E PERMANENTE:

Como se realiza a inscrición no concurso de traslados?
Cada concursante deberá cubrir unha única solicitude de participación por categoría/especialidade, en modelo normalizado, a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides/Expedient-e/Sección de Procesos), á cal se accederá seguindo as instrucións que se establecen no Anexo IV da convocatoria, e que logo de confirmada deberá asinar mediante sinatura dixital (DNI electrónico ou certificado dixital) e presentar mediante o rexistro electrónico habilitado a través de Fides/Expedient-e.​

​Cando podo presentar a solicitude de inscrición?
Ao tratarse dun concurso de traslados aberto e permanente pode presentar a solicitude de participación en calquera momento, sen suxeición de prazo, a partir do día seguinte á publicación da convocatoria da súa categoría. En cada ciclo anual de adxudicación incluiranse as solicitudes que consten rexistradas en Fides/Expedient-e e formalmente presentadas ata o 15 de xaneiro do ano en curso.
Onde se presenta a solicitude de inscrición?
No momento de confirmar a solicitude de inscrición no concurso aberto e permanente, debe elixir unha unidade de validación das relacionadas no propio formulario e deberá presentarse unicamente mediante o REXISTRO ELECTRÓNICO habilitado no Fides/Expedient-e, consignando a súa sinatura dixital, sen necesidade de ter que acudir a ningún rexistro presencial.

Cal é a vixencia da inscrición no concurso aberto e permanente?
Unha vez presentada, a solicitude de participación manterá a súa vixencia nos sucesivos ciclos anuais de adxudicación ata que o/a profesional resulte adxudicatario/a dalgún dos destinos seleccionados, sen prexuízo da posibilidade de desistencia ou modificación da mesma.

Que destinos podo seleccionar?
No formulario de inscrición poderá visualizar para a súa selección, os potenciais destinos, que son as prazas básicas do cadro de persoal das institucións sanitarias, ás que poderá optar o/a profesional en función da súa categoría/especialidade de pertenza, con independencia da súa ocupación na data de solicitude por persoal temporal ou fixo.
Os potenciais destinos se identificarán por centro, localidade, e no seu caso, quenda de traballo.

Que sucede se na solicitude de inscrición non selecciono ningún potencial destino?
A súa inscrición quedará excluída do ciclo de adxudicación en curso, aínda que poderá modificala despois de finalizado o ciclo anual, seleccionando os destinos desexados e terá efectos para o seguinte ciclo de adxudicación.

Cando se publicará a oferta de prazas por cada categoría?
No primeiro trimestre de cada ano natural a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, previo o seu tratamento na Mesa Sectorial de Negociación,  publicará no Diario Oficial de Galicia así como na páxina web do Servizo Galego de Saúde a oferta de prazas correspondente ao ciclo de adxudicación do ano en curso, co detalle do seu número por categoría, centro, localidade, e no seu caso, quenda de traballo. Esta oferta incluirá tamén as prazas de necesaria cobertura ocupadas por persoal fixo que poidan ser adxudicadas en resultas.

Pode  modificarse a selección de destinos despois do 15 de xaneiro?
Si, se abrirá un prazo de 15 días naturais seguintes á publicación no Diario Oficial de Galicia da oferta de prazas correspondente a cada ciclo anual de adxudicación para que os/as concursantes poidan modificar a selección de prazas efectuada.
Esta modificación deberá presentarse por REXISTRO ELECTRÓNICO,  consignando a súa sinatura dixital, sen necesidade de ter que acudir a ningún rexistro presencial, e non requirirá a entrega de documentación.

Podo desistir da participar no concurso de traslados?
Poderase desistir da solicitude de participación no concurso de traslados aberto e permanente en calquera momento, mediante escrito dirixido á mesma unidade de validación da inscrición e que deberá presentar por rexistro electrónico.
Teña en conta que as renuncias á participación presentadas entre o 16 de xaneiro de cada ano e a data de publicación da resolución definitiva de adxudicación de destinos correspondente a ese ciclo anual de adxudicación, producirán efectos no seguinte proceso anual de adxudicación.

Podo renunciar á praza adxudicada?
O destino adxudicado será irrenunciable agás que a renuncia estea motivada pola obtención de praza en virtude da resolución dun procedemento de mobilidade voluntaria convocado por outra Administración Pública ou servizo de saúde.

Que acontece coa inscrición no concurso aberto e permanente despois da resolución do proceso?
Se resulta adxudicatario/a dalgún dos destinos seleccionados, aínda que non sexa a súa primeira opción,  a solicitude de inscrición será automaticamente dada de baixa. Para poder participar en próximos ciclos de adxudicación deberá presentar unha nova solicitude. Teña en conta que segundo a normativa vixente, para poder participar nun novo concurso de traslados requírese que tomase posesión da praza estatutaria desempeñada cun ano de antelación como mínimo, á data límite de cumprimento dos requisitos de participación (15 de xaneiro para cada ciclo anual).
Se non resulta adxudicatario/a dalgún dos destinos solicitados, a solicitude de participación no concurso de traslados coa última selección de prazas efectuada polo/a interesado/a manterase vixente para o seguinte ciclo anual de adxudicación, agás renuncia expresa do/da interesado/a.

Cales son os requisitos de admisión?
Requisito xeral:
    • Ter a condición de persoal estatutario fixo da mesma categoría/especialidade nun servizo de saúde do Sistema Nacional de Saúde.
Requisitos adicionais:
    • Para o persoal en activo ou con dereito a reserva de praza: Ter tomado posesión da praza estatutaria desempeñada cun ano de antelación, como mínimo, á finalización do prazo de presentación de solicitudes para participar no concurso.
    • Para o persoal estatutario fixo en situación distinta á de activo e que non teña reserva de praza da mesma categoría/especialidade: reunir os requisitos legais e regulamentarios para incorporarse ao servizo activo o último día do prazo de presentación de solicitudes para participar no concurso.
O persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde que solicite participar no concurso de traslados non terá que rexistrar electronicamente no formulario de inscrición o cumprimento dos requisitos de participación, que aparecerán cubertos no formulario. Así mesmo, non terá que presentar ningunha documentación acreditativa do cumprimento de tales requisitos.

Como teño que facer para participar no concurso e que documentos acreditativos de requisitos teño que aportar, se son persoal dun Servizo Saúde distinto ao Servizo Galego de Saúde?
O persoal estatutario fixo procedente doutro servizo de saúde que solicite participar no proceso deberá rexistrarse electronicamente no Expedient-e, cumprimentar os requisitos de admisión e acreditalos mediante a presentación da seguinte documentación:
Persoal en activo:
    • Copia compulsada do nomeamento como persoal estatutario fixo na categoría/especialidade desde a que concursa.
    • Copia compulsada da dilixencia de toma de posesión no último destino definitivo obtido ou, de ser o caso, resolución de reingreso provisional.
    • Certificación orixinal de servizos prestados expedida pola Unidade de Recursos Humanos do centro en que actualmente presta os seus servizos con carácter definitivo.
Situación distinta á de activo:
    • Para o persoal que participe desde unha situación distinta á de activo, copia compulsada da resolución pola que se declara a situación administrativa desde a que concursa.
A falta de acreditación pola persoa interesada do cumprimento dos requisitos de admisión determinará a súa exclusión do proceso de provisión.
É responsabilidade do/da profesional procedente doutros servizos de saúde comunicar á Unidade de Validación á que dirixiu a solicitude de participación no concurso calquera cambio na situación administrativa reflectida no formulario de inscrición, no momento en que esta se produza. En particular, dentro do prazo de reclamación contra a lista provisional de admitidos/excluídos deberá informar de calquera modificación que se  tivese producido na súa situación administrativa.

Quen ten que participar obrigatoriamente no concurso de traslados?
Terá a obriga de participar no concurso de traslados o persoal estatutario fixo que estea en situación de reingreso provisional ao servizo activo no Servizo Galego de Saúde, que deberá solicitar necesariamente, por orde de preferencia, todas as prazas da súa categoría/especialidade convocadas na área de saúde á que pertenza a praza que desempeña con carácter provisional.
Os profesionais nesta situación, deberán presentar a solicitude de participación no concurso antes de que finalice o prazo de inscrición no primeiro ciclo anual de adxudicación posterior á data na que se produza a súa reincorporación ao servizo activo.

Que pasa se un profesional do Servizo Galego de Saúde en reingreso provisional non participa no concurso de traslados ou non solicita todas as prazas da súa categoría/especialidade da área de saúde na que está reingresado?
O ingresado provisional que non participe no concurso ou non obteña praza e non solicitase todas as da súa categoría/especialidade, convocadas na área de saúde de pertenza será declarado de oficio en situación de excedencia voluntaria.) e presentar mediante o rexistro electrónico habilitado a través de Fides/Expedient-e.​

En que consiste a solicitude condicionada por razón de convivencia familiar?
En que dous/dúas concursantes, que sexan matrimonio ou parella de feito, poderán condicionar a súa petición por razón de convivencia familiar, á circunstancia de que ambos/as obteñan destino na mesma localidade. Mentres non se produza, en aplicación do baremo, a adxudicación de posto na mesma localidade aos dous/dúas concursantes, ningún deles resultará adxudicatario de destino.

Que méritos se teñen en conta no concurso e como os acredito?
Os méritos a valorar en cada ciclo anual de adxudicación serán os causados ata o 15 de decembro do ano anterior, inclusive, que consten debidamente rexistrados en Fides/Expedient-e e acreditados documentalmente pola persoa interesada a data 15 de xaneiro.

Que pasa se consigno datos falsos?
A falsidade na acreditación documental de calquera requisito ou mérito así como a participación no procedemento en fraude de lei determinará a exclusión do/da profesional de participación no concurso, logo de resolución motivada do órgano convocante, sen prexuízo das demais responsabilidades que procedan.

Cadro resumo de prazos: 
 
Cómputo de méritos
Data límite de cómputo de méritos: 15 de decembro do ano anterior.
Inscrición
Data límite de inscrición: 15 de xaneiro do ano en curso.
Acreditación requisitos e méritos
Data límite acreditación requisitos e méritos: 15 de xaneiro do ano en curso.
Cómputo de prazas
Data límite de cómputo de prazas : 31 de decembro do ano anterior
Destinos ofertados
Publicidade dos destinos ofertados: 1º trimestre de cada ano natural.
A través de Diario Oficial e páxina web do Servizo Galego de Saúde.
Con apertura dun prazo de 15 días naturais para poder modificar EXCLUSIVAMENTE o apartado de selección de destinos. Esta modificación se realizará mediante o REXISTRO ELECTRÓNICO e NON requirirá a entrega de ningunha documentación.