A Subdirección Xeral de Farmacia

A Subdirección Xeral de Farmacia

A Subdirección Xeral de Farmacia é o órgano ao cal lle corresponde o exercicio das seguintes funcións:

a) Execución da lexislación sobre produtos farmacéuticos e desenvolvemento de programas orientados á racionalización e calidade do emprego dos recursos farmacoterapéuticos nos centros asistenciais e nos centros residenciais de atención sociosanitaria con criterios de efectividade, seguridade, equidade e custo.
b) Desenvolvemento e seguimento da prestación farmacéutica, análise do consumo de recursos farmacoterapéuticos e desenvolvemento de estratexias de control do gasto farmacéutico, en coordinación con outros órganos do Servizo Galego de Saúde.

Adscríbense á Subdirección Xeral de Farmacia a Comisión Autonómica Central de Farmacia e Terapéutica, a Comisión Autonómica Central para o seguimento do concerto para a prestación farmacéutica coas oficinas de farmacia, os comités asesores da utilización terapéutica da hormona do crecemento, da esclerose múltiple, do tratamento de pacientes con déficit de alfa-1-antitripsina e cantas comisións se constitúan referentes a produtos farmacéuticos ou a áreas terapéuticas concretas.

Así mesmo, quedan adscritos tamén á Subdirección Xeral de Farmacia o Centro de Información Farmacoterapéutica, a Unidade de Apoio á Prescrición e o Centro de Farmacovixilancia de Galicia.
 
Para o desenvolvemento das súas funcións, contará con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:
  • Servizo de Xestión da Prestación Farmacéutica (Funcións):

 

  • a) A xestión, coordinación e avaliación da prestación farmacéutica e os produtos dietéticos no Sistema público de saúde de Galicia e nos centros residenciais de atención sociosanitaria, así como do Concerto para a prestación farmacéutica polas oficinas de farmacia.
  • b) A análise e o seguimento do gasto farmacéutico destinado á cobertura farmacoterapéutica das persoas usuarias do Servizo Galego de Saúde nas áreas sanitarias.
  • c) O deseño, o desenvolvemento e a xestión dos sistemas de prescrición e información da prestación e consumo farmacéutico, o seu mantemento e actualización.
  • d) A avaliación e autorización dos estudos observacionais con medicamentos de seguimento prospectivo que se leven a cabo na Comunidade Autónoma de Galicia, así como as modificacións substanciais dos protocolos autorizados.
  • e) En xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

 

  • Servizo de Uso Racional do Medicamento e Atención Farmacéutica (Funcións):

  • a) A planificación, o desenvolvemento e avaliación de programas e medidas dirixidas ao uso racional de medicamentos e produtos sanitarios e, en especial, aqueles dirixidos á abordaxe da cronicidade, así como a xestión da homologación sanitaria e da atención farmacéutica nas áreas sanitarias.
  • b) A coordinación da Comisión Autonómica Central de Farmacia e Terapéutica e os comités asesores, co fin de establecer criterios homoxéneos de utilización de medicamentos e produtos sanitarios e protocolos farmacoterapéuticos, consensuados con base en principios
    de eficiencia, seguridade e equidade.
  • c) A coordinación do Centro de Información Farmacoterapéutica para a avaliación de novos medicamentos, así como a coordinación da unidade de apoio á prescrición como axuda ao profesional para facilitar as mellores prácticas de prescrición e bo uso dos medicamentos.
  • d) En xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

 

  • Servizo de Calidade e Seguridade de Medicamentos e Produtos Sanitarios (Funcións):

  • a) A coordinación do Centro Autonómico de Farmacovixilancia e de Vixilancia de Produtos Sanitarios para desenvolver e impulsar programas dirixidos á prevención e detección de riscos relacionados coa utilización de medicamentos e produtos farmacéuticos.
  • b) A xestión da Rede galega de alerta sobre riscos relacionados cos medicamentos e produtos sanitarios de uso humano, así como dos defectos de calidade detectados neles.
  • c) O seguimento de medidas destinadas a garantir e controlar o abastecemento e a rastrexabilidade de medicamentos e produtos sanitarios.
  • d) O establecemento dos procedementos das condicións de acceso a medicamentos e produtos sanitarios conforme a normativa vixente.
  • e) En xeral, aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.