Número 1: Aumento da infección gonocócica en Galicia - Coberturas vacinais na poboación adulta

Número 1: Aumento da infección gonocócica en Galicia - Coberturas vacinais na poboación adulta

VENRES EPIDEMIOLÓXICO 11-01.png
 
AUMENTO DA INFECCIÓN GONOCÓCICA EN GALICIA
 
A gonococia é unha das principais infeccións de transmisión sexual (ITS) a nivel mundial [1]. No caso de Europa, na última década existe unha tendencia crecente no número de casos, tanto en homes coma en mulleres. Non obstante, o incremento relativo das mulleres é maior nos últimos anos, asociándose principalmente ao aumento de casos entre a poboación heterosexual [2]. Na nosa comunidade, o Boletín Epidemiolóxico de Galicia indica que ata 2022 tamén seguimos estas tendencias, con aumentos no número de casos e cunha redución relevante da razón de masculinidade, chegando a 4.1 homes contaxiados por cada muller.
Cos datos preliminares do ano 2023 [Apéndice] vemos como este aumento está lonxe de corrixirse, chegando a cifras de gonococia moi superiores ás detectadas nos últimos 20 anos. Así mesmo, o grupo de idade de 20-24 anos volve ser o de maior incidencia de casos e as mulleres tamén presentar aumentos rechamantes, cunha razón de masculinidade que descende ata 3.2, pese a que as incidencias de homes continúan a ser moi superiores.
Coma a maioría das ITS, o gonococo pode previrse mediante o uso de métodos de barreira coma o preservativo, existindo unha porcentaxe de persoas con conductas de risco coñecidas susceptibles de usar estes métodos para evitar a infección e tamén mellorar o seu diagnóstico. No caso de Galicia, durante o ano 2022, o 35% dos casos tiñan rexistrado algún outro factor de risco (VIH, PrEP, vacinación contra mpox ou antecedentes doutra ITS) [3].
Tendo en conta a importante porcentaxe de persoas asintomáticas (50% mulleres e 10% homes), a busca activa de contactos resulta fundamental. Para isto, debe trasladárselle ao caso a importancia de notificarlle o posible contaxio a todas as parellas sexuais que tivese nos últimos 2 meses para que poidan ser adecuadamente diagnosticadas e tratadas, evitando así complicacións destes contactos, posibles novos contaxios ou reinfeccións do propio caso.
En canto ao diagnóstico, cómpre salientar que a proporción de casos nos que se realizou un cultivo diminuíu con respecto ao que se viña observando, o cal dificulta a identificación de posibles resistencias antibióticas que poden levar a fallos terapéuticos e á perda de identificación de gonococos extremadamente resistentes. Estas cifras danse porque se duplicou a proporción de probas de diagnóstico molecular.
En canto ao tratamento, en Galicia continúase recomendando ceftriaxona (500 mg en dose única intramuscular) e azitromicina (2 g en dose única oral) á espera da actualización da guía terapéutica do Plan Nacional fronte á Resistencia aos Antibióticos. O uso deste tratamento recomendado no 2022 diminuíu un 5% a respecto de 2019 [Apéndice]. Cómpre recordar tamén que, para dar por finalizado o tratamento debería realizarse unha proba de curación, especialmente relevante en mulleres embarazadas, risco de gonococo resistente, pautas antibióticas alternativas, síntomas persistentes ou infeccións farínxeas [3].
 
COBERTURAS VACINAIS NA POBOACIÓN ADULTA
 
A poboación galega está moi concienciada cos beneficios das vacinas, o cal se reflicte nunhas das coberturas vacinais máis altas do Estado. A pesar disto, mentres que na poboación infantil as coberturas achéganse ao 100% (excepto gripe), no adulto teñen un amplo marxe de mellora. Isto obsérvase especialmente nas vacinas do adulto de incorporación recente: herpes zóster (HZ) e pneumococo conxugada 20 valente (VNC20).
Os datos actuais de Galicia [Apéndice] mostran unhas coberturas fronte ao HZ nas cohortes de 65 e 80 anos moi baixas, cun 26% e 24% respectivamente. Esta cifra diminúe aínda máis na pauta completa con 2 doses, con coberturas menores ao 18%. Así mesmo, a vacina fronte ao pneumococo na idade adulta atópase por debaixo do 25%, o cal implica que as coberturas de ambas vacinas son francamente mellorables. Pola contra, nas mulleres embarazadas, obsérvanse diferencias entre as vacinas indicadas durante o seguimento do embarazo e as indicadas en campañas de vacinación poboacional. Deste xeito, mentres que a vacinación fronte a tose ferina (dTpa) ten unha boa cobertura acadando o 88%, no caso da vacina fronte á gripe non se acada o obxectivo fixado do 60%, perdendo así a oportunidade de protección tanto da nai coma do neno.
Concluíndo, é preciso un traballo conxunto de concienciación na vacinación do adulto para acadar tanto unha protección individual coma de grupo. Polo tanto, compre recordar que:
  • Este ano deberíanse vacinar fronte ao HZ os nados no 1959 e no 1944, recaptándose aos nados no 1958 e 1943 que non recibisen a vacina.
  • Na poboación xeral só se precisa administrar unha única dose de vacina VNC20V aos 65 anos.
  • Cada consulta, tanto en atención primaria coma hospitalaria, é unha oportunidade para recomendar as vacinas indicadas a cada persoa.
Image_003.png 
 
AUMENTO DA INFECCIÓN GONOCÓCICA EN GALICIA
Captura de pantalla 2024-01-11 103429.png
Figura 1. Porcentaxe de tratamentos con ceftriaxona (CTX), azitromicina (AZT) ou cefixima (CFX) e as súas combinacións en Galicia de 2012/13 a 2022 (esquerda) e porcentaxe de diagnóstico mediante cultivo, diagnóstico molecular e sen toma de mostra en Galicia de 2019 a 2022 (dereita).
 
Captura de pantalla 2024-01-11 103458.png
 
Figura 2. Evolución da incidencia e do número de casos de gonococia declarados en Galicia desde o ano 2000 anta o 2023 (esquerda) e incidencia de casos por sexo e grupo de idade nos anos 2022 e 2023 (dereita).
 
 
COBERTURAS VACINAIS NA POBOACIÓN ADULTA
 
Captura de pantalla 2024-01-11 103522.png
Figura 3. Porcentaxe de poboación vacinada en función da indicación de vacinación contra diferentes enfermidades en Galicia (coberturas vacinais actualizadas en xaneiro de 2024).
 
 
 
 
 


1. Pie de página_V1.png