INFORMACIÓN POLÍNICA DE GALICIA
As alerxias constitúen unha causa importante de morbilidade, afectando entre un 10-30% da poboación e aumentando a súa prevalencia a nivel mundial [1], [2]. Entre os alérxenos estacionais máis frecuentes, atópanse os grans de pole, pequenas "sementes" que dispersan as flores con fins reprodutivos.
O cambio climático pode provocar cambios nas precipitacións, diminución das xeadas, aumento das temperaturas estacionais ou do CO2 na atmosfera. Estes cambios poden afectar ao comezo e remate da estación polínica, á cantidade de pole, a súa "alerxenicidade" e ao noso risco de experimentar síntomas de alerxia e outras enfermidades relacionadas [3], [4].
Polo tanto, como xa se comentou en números previos de VENRES, dende o punto de vista da saúde pública é importante coñecer os niveis de pole na atmosfera ao supoñer un indicador de risco útil tanto para profesionais sanitarios coma para persoas alérxicas. Deste xeito, pódese coñecer o momento oportuno para adoptar as medidas para evitar a exposición ao pole e para tomar a medicación profiláctica, a cal resulta máis efectiva antes da exposición.
A cantidade e o tipo de pole no aire depende da estación e da rexión xeográfica. Aínda que os recontos de pole son normalmente máis altos durante as estacións máis cálidas, algunhas plantas polinizan durante todo o ano [3]. A diferencia do resto de España, en Galicia prodúcense dous picos de pole ao longo do ano:
Primeiro pico: entre marzo e abril con especies arbóreas como Betula, Cupressus e Platanus.
Segundo pico: entre xuño e xullo con especies herbáceas como Parietaria, Plantago e Poaceae.
Por estes motivos, a Rede Galega de Aerobioloxía determina semanalmente os niveis dos principais tipos polínicos con capacidade alerxénica en Galicia, publicando todos os mércores de marzo a xullo os niveis de pole dos principais tipos polínicos alerxénicos para o total de Galicia e para cada provincia [Apéndice], así coma a predición da concentración polínica para a vindeira semana [Apéndice]. Podes consultar esta información na páxina web da Dirección Xeral de Saúde Pública (DXSP), no apartado de información polínica de Galicia. Nas sesións técnicas da DXSP tamén dispós de información sobre a Rede Galega de Aerobioloxía.
ABROCHOS DE VARICELA EN POBOACIÓN EN IDADE ESCOLAR
A varicela é unha enfermidade exantemática altamente contaxiosa de distribución mundial. Aínda que a súa evolución soe ser benigna e autolimitada, pode ocasionar complicacións graves en lactantes, embarazadas e adultos con inmunosupresión ou enfermidades crónicas [1]. Presenta ademais unha estacionalidade característica, con maior incidencia na primavera e a comezos do verán [2].
Na actualidade estanse notificando abrochos de varicela en centros escolares, os cales poderían afectar a nenas/os con pauta completa de vacinación. Isto explicaríase por unha certa inefectividade da vacina, posto que a efectividade directa da pauta completa é do 90% (IC95%: 81-94) [3] e por unha probable interrupción da transmisión debida á COVID-19. Por este motivo, a DXSP acaba de publicar o Protocolo de resposta ante un abrocho de varicela na poboación en idade escolar en Galicia no que se reflicten as accións a seguir ante a identificación dun abrocho de varicela nese ámbito: exclusión de casos e persoas susceptibles con factores de risco de varicela grave (FRVG), administración de profilaxe postexposición e notificación.
En relación á vacinación postexposición, salientar que debe
administrarse o antes posible (prazo máximo de 5 días tras a exposición) e que vai dirixida a protexer ás persoas susceptibles con FRVG, estando indicada en:
Poboación en idade escolar exposto susceptible con FRVG ou que convivan con persoas susceptibles con FRVG e que teñan a vacina contraindicada.
Traballador exposto susceptible relacionado co ámbito.
Convivente de caso, exposto susceptible con FRVG ou que poderían transmitir a infección a outras persoas con FRVG (Ex.: traballador de centro sanitario).
Os nados entre os anos 2011-2014 que no momento do abrocho non teñan antecedentes de ter pasado a varicela, non serán vacinados coa dose dos 12 anos salvo que teñan esa idade ou presenten FRVG.
Por último, recordar que a varicela é unha enfermidade de declaración obrigatoria rutineira en atención primaria que se notifica codificando o motivo de consulta co código A72 da CIAP-2. Así mesmo, os abrochos son de declaración obrigatoria urxente e deben notificarse telefonicamente cando existan sospeitas da súa presenza ao Sistema de Alerta Epidemiolóxica de Galicia (SAEG).