Febre hemorráxica de Crimea-Congo

Febre hemorráxica de Crimea-Congo

A febre hemorráxica de Crimea-Congo (FHCC) é unha enfermidade debida ao virus do mesmo nome. Os humanos adquiren a infección fundamentalmente pola picadura de carrachas duras (Ixodiae) principalmente do xénero Hyalomma, aínda que tamén poden adquirila por contacto directo con sangue ou fluídos de animais infectados (feito que explica o maior incidente en profesións como a de gandeiro ou matarife), e mesmo de humanos enfermos, máis pola experiencia dos países endémicos, parece que non é nada fácil e adoita quedar limitada ás persoas que coidan dos enfermos na fase hemorráxica da enfermidade (feito que explica o risco dos traballadores sanitarios).

Non todas as infeccións producen enfermidade e, cando a producen, esta comeza despois dun período de incubación de 5-6 días. Os primeiros síntomas (fase prehemorráxica) son febre elevada (39-40ºC) de aparición brusca (aínda que a febre pode non ser sempre tan elevada e mesmo pode haber unha pequena fracción de casos sen febre), cefalea, mialxia, e mareo. Tamén se pode presentar diarrea, hiperemia facial, do pescozo e do tórax, conxestión ocular ou conjuntivite. Despois de 3-4 días aparecen as manifestacións hemorráxicas (fase hemorráxica), dende petequias e grandes hematomas na pel e mucosas ata as hemorraxias, fundamentalmente polo nariz, dixestivo, útero, tracto urinario ou respiratorio. Prodúcese tamén fallo hepático e renal. A taxa de letalidade varía entre o 3 e o 40 %.


Risco de infección co virus da FHCC en España

O risco de infección co virus da FHCC nun territorio depende, entre outros factores, da densidade de carrachas do xénero Hyalomma que haxa nese territorio, xa que para o mantemento do virus precísanse densidades elevadas.

Entre 2013 e 2022 confirmáronse un total de 12 casos de FHCC con 4 falecementos en España: 1 en 2013 en Ávila, 2 en 2016, un deles en Ávila e un caso secundario a leste nun traballador sanitario, 2 en 2018 en Badaxoz e Salamanca, 3 en 2020 en Salamanca, 2 en 2021 en Salamanca e León (o Bierzo) e 2 en 2022 en León (o Bierzo).

Coñécese a circulación do virus no noso país desde 2010. Realizáronse estudos en carrachas e animais silvestres e domésticos para coñecer a extensión da circulación, detectándose en áreas extensas de Castela-León, Castela-A Mancha, Estremadura e Andalucía. Tamén se detectaron recentemente en estudos de seroloxías de animais realizados en Galicia e en Cataluña. A provincia de León e en particular a comarca do Bierzo considerábase de baixo risco, dada a baixa presenza de Hyalomma e a baixa prevalencia de anticorpos fronte ao virus en animais silvestres e domésticos nos estudos serolóxicos realizados, nos que se situaba en torno ao 1-2%.

O risco de que se produzan máis casos esporádicos de FHCC en zonas onde hai presenza de carrachas do xénero Hyalomma, especialmente na poboación que resida ou frecuente ditas zonas e que realice actividades cunha maior exposición ás súas picaduras, considérase moderado. O impacto da enfermidade considérase baixo dado que, aínda que poida ser nunha baixa porcentaxe de infeccións unha enfermidade grave, o número de persoas afectadas non sería elevado e disponse de medios adecuados de illamento e control dos casos. Na parte dereita desta páxina atópanse as ligazóns ás avaliacións do risco que para o conxunto de España realizou o Centro de coordinación de alertas sanitarias (CCAES) e o Centro europeo para a prevención e o control das enfermidades (ECDC). Tamén se pode consultar o último informe elaborado polo Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias en relación á Detección de Casos de Fiebre Hemorrágica de Crimea-Congo en el Bierzo (León).


Risco de infección co virus da FHCC en Galicia

Os datos que hai de Galicia indican que, no últimos catro anos, detectáronse só uns poucos exemplares de carrachas do xénero Hyalomma, que se recolleron en persoas, cabalos, can e cabra e non se evidenciou a circulación do virus nas ditas carrachas. Deste xeito, o risco de adquirir a enfermidade por picadura de carrachas en Galicia poderíase cualificar de extremadamente baixo.

Non obstante e debido á detección de casos na comarca do Bierzo, é preciso intensificar a vixilancia entomolóxica na nosa comunidade autónoma, así como realizar estudos de seroprevalencia en animais e humanos para ter maior coñecemento da posible circulación do virus na nosa comunidade

Tamén hai que ter en conta o risco da transmisión secundaria a partir dunha persoa infectada noutro lugar, que non se pode descartar debido á presenza de casos na nosa contorna próxima (o Bierzo).


Prevención

Recoméndase intensificar as medidas de saúde pública nas áreas con presenza do virus, especialmente na zona onde se detectaron recentemente os casos, salientando as recomendacións á poboación para a prevención e manexo de picaduras de carrachas, vixilancia activa e pasiva de casos, e estudo entomolóxico e de circulación do virus en animais e humanos.

Pode acceder á información de como retirar unha carracha na seguinte ligazón.

Máis información sobre a febre hemorráxica de Crimea-Congo na seguinte ligazón.


Resposta

Na parte inferior atópase o procedemento para identificar posibles casos de FHCC coa resposta inmediata que hai que dar, que inclúe o traslado ao hospital do Meixoeiro.

Tamén pode encontrar o procedemento para o manexo dos contactos de esos casos posibles.