Decreto 460/1997, do 21 de novembro, polo que se establece a normativa para a xestión dos residuos dos establecementos sanitarios na Comunidade Autónoma de Galicia.

Os residuos producidos polas actividades sanitarias poden constituír, pola súa especifidade e se non se xestionan adecuadamente, un risco para a saúde pública.

Agora ben, a normativa actual, tanto comunitaria como estatal, non se ocupa íntegra e unitariamente da xestión deste tipo de residuos coa especifidade e previsión que a problemática require.

En efecto, o problema maniféstase xa na Lei 42/1975, do 19 de novembro, sobre refugallo e residuos sólidos urbanos, que no seu artigo 2.1.c) inclúe dentro do seu ámbito de aplicación os residuos procedentes de actividades e situacións sanitarias en hospitais, clínicas e ambulatorios, aínda que posteriormente no seu artigo 3.3 limita esa inclusión ó establecer que cando o concello considere que os residuos sólidos presenten características que os fagan tóxicos ou perigosos, de acordo cos informes técnicos emitidos polos organismos competentes, lle esixirá ó productor ou posuidor deles, previamente a súa recollida, realice un tratamento para eliminar ou reducir no posible estas características ou que os depositen en forma e lugar adecuados.

Pola súa parte, o Real decreto 952/1997, do 20 de xuño, polo que se modifica o Regulamento para a execución da Lei 20/1986, de 14 de maio, básica de residuos tóxicos e perigosos, aprobado mediante Real decreto 833/1988, do 20 de xullo, na súa disposición adicional primeira, indica que terán a consideración de residuos tóxicos e perigosos os que figuren na lista de residuos perigosos aprobada pola Decisión 94/904/CE, do Consello, do 22 de decembro, que figura como anexo II deste real decreto, incluíndo os recipientes e envases baleiros que contivesen os ditos residuos. Nesa lista, o apartado 18 00 00 que se refire a residuos de servicios médicos ou veterinarios e/ou de investigación asociada (excluídos residuos de cociña e restaurantes que non son de procedencia directa de coidados sanitarios) e deles considéranse como perigosos soamente aqueles residuos dos que a recollida e eliminación son obxecto de requisitos especiais para previr infeccións tanto se se trata dos residuos procedentes de maternidades, diagnóstico, tratamento ou prevención de enfermidades humanas como de animais (códigos 18 01 03 e 18 02 02, respectivamente), así como os productos químicos desbotados (código 18 02 04).

Considerando que se debe fomentar en toda a rede sanitaria de Galicia a introducción de sistemas adecuados de minimización, recollida selectiva, envasado e almacenamento intracentro de residuos sanitarios de acordo co que se establece no presente decreto.

Debido a estas circunstancias sinaladas anteriormente, pénsase, polo tanto, que se debe establecer un réxime xurídico particular para a xestión dos residuos das actividades sanitarias, da mesma forma que fixeron a maioría das CC.AA. que xa lexislaron sobre o particular.

En consecuencia, de acordo co exposto anteriormente, por proposta da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, visto o dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa sesión celebrada o vinteún do novembro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

 

Disposicións xerais

 

1. Obxecto.

O obxecto do presente decreto é regular, dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, a xestión dos residuos procedentes da actividade sanitaria co fin de previ-los riscos que a dita xestión xera, tanto para as persoas directametne expostas como para a saúde pública e o ambiente.

 

2. Definicións.

Para os efectos do presente decreto entenderase por:

2.1. Residuos sanitarios. Calquer substancia ou obxecto xerados polas actividades sanitarias do cal se desprenda ou teña a intención ou obriga de desprenderse o seu posuidor, en virtude das disposicións legais en vigor nesta materia.

2.2. Actividades sanitarias. As desenvolvidas en hospitais, clínicas, consultas médicas, centros socio-sanitarios, laboratorios de análises clínicas, de saúde pública e de investigación médica, centros de atención primaria e de planificación familiar, centros de saúde e calquera outro que teña relación coa saúde humana. Para efectos do presente decreto serán consideradas, así mesmo, actividades sanitarias, as correspondentes a centros, servicios e establecementos veterinarios asistenciais e centros de investigación animal.

2.3. Centro sanitario. Establecemento, de titularidade pública ou privada, onde se realizan actividades sanitarias.

2.4. Xestión. Conxunto de actividades encamiñadas a darlles ós residuos o destino final máis adecuado de acordo coas súas características. Comprende as operacións de manipulación, segregación, recollida, envasado, almacenamento, transporte, tratamento e eliminación.

2.4.1. Xestión intracentro. Comprende as operacións de xestión que se leven a cabo no interior dos centros sanitarios.

2.4.2. Xestión extracentro. Comprende as operacións de xestión que se leven a cabo no exterior dos centros sanitarios e especialmente as desenvolvidas a partir da recollida destes, incluíndo o transporte, tratamento e eliminación.

2.5. Tratamento. Toda actividade que, a través de procesos químicos, físicos ou biolóxicos, persegue a anulación da toxicidade e demais características nocivas e perigosas para a saúde humana, recursos naturais e medio ambiente, contidas potencialmente nos residuos xerados polas actividades sanitarias.

2.6. Eliminación. Toda actividade que supoña o confinamento definitivo dos residuos.

2.7. Productor. O titular do centro do que como consecuencia da súa actividade se derivare a xeración de residuos sanitarios.

2.8. Transportista. Toda persoa física ou xurídica que efectúe operacións de recollida e transporte exterior de residuos sanitarios desde os centros que o xeran ata unha instalación de tratamento ou eliminación.

2.9. Tratador. Toda persoa física ou xurídica que efectúe operacións de tratamento de residuos sanitarios, tanto se os xera ela mesma como se actúa por conta doutros.

2.10. Eliminador. Toda persoa física ou xurídica que efectúe operacións de eliminación de residuos sanitarios, tanto se os xera ela mesma como se actúa por conta doutros.

2.11. Xestor. Persoa física ou xurídica que realiza as operacións de xestión extracentro recollidas no apartado 2.4.2.

2.12. Desinfección. Proceso mediante o cal se destrúen os xermes patóxenos dun obxecto, material ou producto.

2.13. Esterilización. Proceso mediante o cal se destrúen non só os xermes patóxenos senón tamén calquera forma elemental de vida patóxena ou saprofita e mesmo as formas de resistencia (esporas de bacterias, fungos ou levaduras).

 

3. Clasificación dos residuos xerados polas actividades sanitarias.

Para os efectos do presente decreto, os residuos xerados polas actividades sanitarias defínense e clasifícanse do seguinte modo:

Clase I. Residuos sólidos urbanos. Son os xerados nas áreas dos centros sanitarios nas que non se realizan actividades especificamente sanitarias e que, por non presentaren risco específico para a saúde, non requiren precaucións especiais para a súa xestión nin no interior nin no exterior deles. Inclúense nesta clase de residuos os xerados en estancias tales como: oficinas, almacéns, salas de espera, cafeterías, comedores, etc. Pertencen a esta clase os seguintes residuos: papel, cartón, vidro, madeira, restos de comida, material de xardinería e outros residuos similares ós domésticos. Inclúense, así mesmo, os procedentes de pacientes non infecciosos, de pacientes infecciosos non incluídos nas clases II e III, así como daqueles outros incluídos na clase III que se someteron a algún proceso de desinfección, previo a súa eliminación.

Clase II. Residuos sanitarios asimilables a urbanos. Son aqueles xerados como resultado da actividade sanitaria propiamente dita, procedentes de pacientes non infecciosos ou de infecciosos non incluídos na clase III, dos que o risco específico se limita ó interior dos centros sanitarios. Inclúen residuos tales como: material de curas, tubuladuras, xesos, filtros de diálises, sondas, guantes e outros desbotados cirúrxicos e en xeral calquera material contaminado con sangue, secrecións ou excrecións, e de características similares de pacientes non incluídos na clase III.

Clase III. Residuos sanitarios especiais. Son aqueles nos que, por representar un risco específico para a saúde laboral e pública ou para o medio ambiente, ou por consideracións de tipo ético ou estético, deben observarse especiais medidas de prevención, tanto na súa xestión intracentro como na extracentro.

Inclúense nesta clase os seguintes grupos de residuos:

Grupo 1. Infecciosos. Aqueles potencialmente capaces de transmitir, de forma fecal-oral, por medio de aerosois ou de calquera outra forma, algunha das enfermidades infecciosas que figuran no anexo I do presente decreto. Inclúe os residuos procedentes de pacientes afectados polas ditas enfermidades, así como o material de refugallo en contacto.

Grupo 2. Cultivos e reservas de axentes infecciosos e o material de refugallo en contacto con eles: placas de petri, hemocultivos, extractos líquidos, caldos, instrumental contaminado, etc.

Grupo 3. Filtros de diálises de pacientes infecciosos. Filtros de diálises de máquinas reservadas a pacientes portadores das seguentes infeccións de transmisión sanguínea: hepatites B; hepatites C; outras hepatitis de transmisión parenteral e Sida.

Grupo 4. Líquidos corporais, sangue e hemoderivados en forma líquida envasados en cantidades superiores a 100 ml.

Grupo 5. Residuos cortantes e punzantes utilizados na actividade sanitaria con independencia da súa orixe.

Grupo 6. Residuos anatómicos humanos, procedentes da actividade sanitaria, que, pola súa escasa entidade, queden excluídos do regulado no Regulamento de policía sanitaria mortuoria (Decreto 2263/1974, do 20 de xullo) e no Decreto 108/1983, do 14 de xullo, da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, polo que se establecen as condicións sanitarias do transporte de restos humanos e a regulación sanitaria das empresas funerarias.

Grupo 7. Residuos de animais infecciosos ou inoculados con axentes infecciosos dos relacionados no anexo I así como cos virus da Sida e das hepatites B, C e outras de transmisión parenteral. Inclúe: cadáveres, restos anatómicos e residuos procedentes da súa estabulación.

Grupo 8. Residuos procedentes da actividade sanitaria de pacientes afectados pola enfermidade de Creutzfeldt-Jakob ou das súas variantes, así como dos residuos anatómicos humanos de pouca entidade de ditos pacientes.

Grupo 9. Residuos de citostáticos e todo material utilizado na súa preparación ou en contacto con eles.

Clase IV.-Residuos de natureza química así como outros residuos tipificados en normativas singulares e que, na súa xestión, están suxeitos a requirimentos especiais desde o punto de vista sanitario e ambiental, tanto dentro como fóra do centro sanitario. Esta clase inclúe:

a) Os residuos xerados nas unidades de radioloxía, laboratorios e outras actividades sanitarias así como residuos de productos farmacéuticos, medicamentos e productos veterinarios.

b) Outros residuos tóxicos e perigosos que, xerándose en actividades sanitarias, non son específicos delas, tales como aceites usados, disolventes, ou similares.

c) Residuos radiactivos.

d) Cadáveres e restos humanos de suficiente entidade, procedentes de abortos, mutilacións e operacións cirúrxicas.

 

4. Ámbito de aplicación.

4.1. O ámbito de aplicación do presente decreto comprende os residuos incluídos nas clases II e III que se produzan ou xestionen dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da actividade sanitaria.

4.2. Quedan excluídos do réxime xurídico do presente decreto:

4.2.1. A xestión extracentro dos residuos incluídos nas clases I e II que se rexerán pola Lei 42/1975, do 19 de novembro, sobre refugallo e residuos sólidos urbanos e normativa complementaria.

4.2.2. Os residuos radiactivos que se xestionarán de conformidade co Real decreto 1522/1984, do 4 de xullo, de creación da Empresa Nacional de Residuos Radiactivos, S.A. (Enresa).

4.2.3. Os restos humanos de suficiente entidade que se xestionarán de acordo co Regulamento de policía sanitaria mortuoria (Decreto 2263/1974, do 20 de xullo) e co Decreto 108/1983, do 14 de xullo, da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia polo que se establecen as condicións sanitarias do transporte de restos humanos e a regulación sanitaria das empresas funerarias.

4.2.4. Os restantes residuos da clase IV que se rexerán pola súa normativa específica: Lei 20/1986, do 14 de maio, básica de residuos tóxicos y peligrosos, Real decreto 833/1988, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 20/1986 e Real decreto 952/1997, do 20 de xuño, polo que se modifica o Regulamento para a execución da Lei 20/1986.

 

CAPÍTULO II

 

Procedementos de xestión

 

SECCIÓN PRIMEIRA

 

Operacións de xestión intracentro sanitario

 

5. Segregación, acumulación e envasado.

5.1. A recollida dos residuos sanitarios no interior dos centros que os xeran deberá atender a criterios de segregación, hixiene, inocuidade e economía, evitando traslada-la contaminación ou a deterioración ambiental a outro receptor.

5.2. Implantarase un sistema de recollida selectiva para os residuos das clases II e III separando claramente os residuos dos grupos 8 (enfermidade de Creutzfeldt-Jakob o das súas variantes) e 9 (citostáticos) debido a que os residuos pertencentes a estes dous grupos soamente se poden eliminar despois de sometidos a un tratamento de incineración.

5.3. Os residuos da clase I que se produzan nas áreas clínicas e de hospitalización poderán recollerse conxuntamente nos mesmos envases cos residuos da clase II sempre que se adopten na súa manipulación dentro do recinto do establecemento sanitario, as precaucións que correspondan ós residuos desta última clase.

5.4. A segregación, identificación e envasado dos residuos xerados realizarase en orixe.

5.5. As características técnicas e de identificación dos envases establécense no anexo III do presente decreto.

5.6. Queda prohibido depositar nun mesmo contedor residuos das diferentes clases das establecidas na clasificación recollida no artigo 4, salvo o indicado no apartado 5.3.

 

6. Almacenamento intermedio.

Os residuos sanitarios, debidamente segregados e etiquetados, poderán almacenarse, en espera do seu traslado ó local de almacenamento final, en lugares especificamente habilitados para este fin ou nos propios lugares de producción.

 

7. Transporte interior.

O transporte interior de residuos sanitarios deberá responder a criterios de rapidez, hixiene, inocuidade e seguridade, evitando accións ou manipulacións que impliquen calquera tipo de risco para o persoal encargado da súa recollida e transporte interior, persoal sanitario, pacientes e visitantes.

No interior dos establecementos sanitarios os residuos das clases II e III manipularanse coas mesmas precaucións que se se tratase de residuos perigosos. Non obstante, fóra dos ditos establecementos soamente os residuos da clase III requirirán tratamento especial, xa que os da clase II se poden tratar como residuos sólidos urbanos.

 

8. Almacenamento final.

Os residuos biosanitarios da clase III deberán ser almacenados, finalmente, en espera de ser trasladados a un centro de tratamento ou de eliminación, en locais especificamente destinados para este fin.

Os ditos locais deberán:

a) Estar separados das zonas nas que se realice actividade sanitaria.

b) Estar correctamente sinalizados.

c) Contar con puntos de auga e sumidoiro.

d) Dispoñer de mecanismos de protección fronte a incendios.

e) Te-los seus paramentos de materiais impermeables, de fácil limpeza e desinfección.

f) Estar ventilados.

g) Estar protexidos fronte a artrópodos e roedores.

h) Permanecer pechados e con acceso restrinxido a persoal autorizado mentres non se realicen operacións de traslado de residuos.

O período máximo de almacenamento final non excederá de 72 horas, salvo que se dispoña de mecanismos de refrixeración adecuados que garantan o mantemento dunha temperatura entre 4ºC e 7ºC caso no que o almacenamento poderá prolongarse ata quince días.

Queda prohibido calquera almacenamento á intemperie.

 

9. Desinfección.

O productor poderá proceder á desinfección dos residuos incluídos na clase III (salvo os dos grupos 8 e 9, que só poderán tratarse por incineración), no mesmo centro sanitario, para o que requirirá a autorización expresa da Dirección Xeral de Saúde Pública, sen prexuízo das autorizacións que en razón do tipo de instalación e en aplicación da normativa vixente sexan preceptivas.

 

SECCIÓN SEGUNDA

 

Operacións de xestión extracentro

sanitario

 

10. Transporte exterior.

10.1. Condicións xerais. As actividades relativas ó transporte exterior de residuos levaranse a cabo mediante o empleo duns medios tales que garantan, en todo momento, a estanqueidade, a seguridade e a hixiene das operacións de carga e descarga e transporte propiamente dito, evitando o traslado da contaminación ou a deterioración ambiental a outro medio receptor e protexendo a saúde dos traballadores.

a.- Para as operacións de carga e descarga dos envases que conteña residuos da clase III fomentarase a utilización de medios mecánicos. No caso de que estas operacións teñan que realizarse manualmente os traballadores utilizarán pezas de roupa adecuadas de protección persoal.

b.- Durante o seu traslado, os residuos da clase III non poderán ser obxecto de compactación.

10.2. Condicións específicas do transporte exterior de residuos da clase III. No transporte exterior de residuos da clase III, rexerá o disposto na normativa vixente sobre o transporte de mercadorías perigosas por estrada que sexa de aplicación e no indicado no Regulamento para a execución da Lei 20/1986, do 14 de maio, de residuos tóxicos y perigosos (Real decreto 833/1988, do 20 de xullo).

 

11. Tratamento e eliminación.

11.1. Condicións xerais. O tratamento e a eliminación de residuos sanitarios deberá atender a criterios de inocuidade, hixiene e salubridade, co fin de garanti-la eliminación dos xermes patóxenos e a protección da saúde pública e do ambiente.

11.2. Eliminación de residuos biosanitarios líquidos. Pequenas cantidades de residuos líquidos tales como mostras de sangue, hemoderivados, e outros líquidos biolóxicos específicos, con excepción dos procedentes de pacientes ou animais afectados por algunha das enfermidades infecciosas relacionadas no anexo I do presente decreto, poderán ser eliminados mediante vertido a un desaugadoiro conectado á rede de saneamento xeral do centro sanitario, sen que sexa preciso realizar un tratamento previo. Cando se trate de cantidades envasadas superiores a 100 ml, estas terán que ser eliminadas como residuos da clase III.

11.3. Tratamento de residuos da clase III. Os residuos da clase III poderán ser tratados por calquera dos seguintes procedementos:

1) Incineración.

2) Desinfección.

3) Outros tratamentos.

11.3.1. Incineración. Os sistemas de incineración destinados especificamente á eliminación de residuos sanitarios da clase III deberán cumprir tódalas especificacións establecidas na normativa en vigor.

As escouras, cinzas e outros materiais procedentes do sistema de recuperación de gases someteranse, previamente a seren evacuados, ás análises establecidas na Orden de 13 de outubro de 1989, pola que se determinan os métodos de caracterización dos residuos tóxicos e perigosos, co fin de definir o seu ulterior sistema de tratamento ou eliminación.

11.3.2. Desinfección. Os residuos sanitarios incluidos na clase III, que non sexan incinerados, previamente a seren eliminados como asimilables a urbanos, someteranse a algún proceso de desinfección mediante vapor quente a presión, por técnica de autoclave, é dicir, á acción desinfectante producida por un proceso fraccionado de vapor ó valeiro. Este sistema deberá cumpri-los seguintes requisitos técnicos:

a) Garantirá a eliminación de xermes patóxenos.

b) Utilizará autoclaves de baleiro, cun mínimo de dúas fases: baleiro-vapor-baleiro.

e) Empregará vapor saturado.

d) Calqueira envase que conteña residuos da clase III e susceptible de ser sometido a este tratamento, deberá permiti-la entrada e saída de aire e vapor. No suposto de utilización de bolsas, a capa impermeable deberá romperse na primeira fase de baleiro.

e) Unicamente poderán utilizarse envases pechados hermeticamente se conteñen líquidos. A cantidade de líquidos contida nestes envases debe se-lo suficientemente pequena para que a súa totalidade alcance a temperatura de desinfección durante a fase de actuación do vapor.

f) O nivel de enchedura da cámara de carga do autoclave será inferior ós dous tercios da súa capacidade total.

g) En cada ciclo de desinfección deberán medirse os seguintes parámetros:

- Presión de baleiro alcanzada en cada unha das fases.

- Temperatura durante a fase de desinfección, unha vez alcanzada a temperatura de réxime. Realizaranse como mínimo 10 medidas. A temperatura medirase nun punto representativo da cámara.

- Tempo de duración da fase de desinfección.

A información citada deberá rexistrarse, xunto coa data en que se realizase, para cada ciclo de desinfección.

Cunha periodicidade trimestral realizarase unha análise microbiolóxica co fin de comprobar que se cumpren as condicións de desinfección en toda a masa de residuos. Utilizarase o
Bacillus stearothermophilus ou outro que se xustifique como adecuado para esta proba, sempre que sexa autorizado pola Dirección Xeral de Saúde Pública.

11.3.3. Outros tratamentos. Ademais dos procesos de tratamento anteriormente indicados, poderá autorizarse o emprego doutros que, en función do desenvolvemento tecnolóxico, se mostren adecuados e garantan a súa efectividade en cumprimento das condicións xerais establecidas no apartado 11.1 logo de informe do organismo competente e sen prexuízo das autorizacións que en aplicación da normativa vixente sexan preceptivas.

11.4. Tratamento de residuos dos grupos 8 e 9 da clase III. Os residuos sanitarios incluídos nestes grupos deberán ser eliminados unicamente despois de seren sometidos a un proceso de incineración.

 

CAPÍTULO III

 

Obligacións

 

SECCIÓN PRIMEIRA

 

Obligacións do productor

 

12. Obligacións do productor.

12.1. Xenéricas. Con independencia das obligacións derivadas do cumprimento do Regulamento para a execución da Lei 20/1986, do 14 de maio, básica de residuos tóxicos e perigosos, os productores de residuos sanitarios deberán adopta-las medidas necesarias para asegurar que tódalas operacións de xestión dos residuos sanitarios comprendidos no ámbito de aplicación do presente decreto, se leven a cabo de conformidade coas disposicións establecidas e as normas que, se é o caso, desenvolvan.

12.2. Específicas. Os productores de residuos sanitarios terán que cumprir coas seguintes obrigacións específicas:

12.2.1. Elaborar un plan de xestión intracentro. O productor estará obligado a elaborar un plan de xestión intracentro que será aprobado pola Dirección Xeral de Saúde Pública de acordo co contido indicado no anexo II. A aprobación deste plan de xestión supón a inclusión automática nun rexistro de productores.

12.2.2. Levar un Rexistro de Producción de Residuos Sanitarios. Os centros sanitarios xeradores de residuos comprendidos no ámbito de aplicación do presente decreto, deberán ter, e levar ó día, un Rexistro de Producción que estará á disposición das autoridades sanitarias e outras competentes, no que constarán os seguintes datos:

a) Orixe, cantidade e identificación dos residuos segundo a clasificación establecida no artigo 3º.

b) Empresa/s transportista/s cesionaria/s.

c) Empresa/s de tratamento ou de eliminación cesionaria/s e métodos de tratamento ou de eliminación empregados.

d) Datas de xeración e de cesión dos residuos.

e) Nº de documento de aceptación de residuos e dos documentos de seguimento e control.

f) Descrición de incidencias e accidentes en relación coa xestión.

12.2.3. Elaborar un balance anual de producción. Os productores deberán elaborar un balance anual de producción, desagregado por tipos de residuos, dos residuos sanitarios comprendidos no ámbito de aplicación do presente decreto, no que tamén deberán facer consta-los transportistas, tratadores e eliminadores cesionarios; este balance deberán remitilo, antes do 1 de marzo do ano seguinte, á Dirección Xeral de Saúde Pública.

O productor deberá conservar copia do balance anual durante un período de 5 anos.

12.2.4. Limitacións para contratar servicios. O productor, para as operacións relativas á xestión extracentro (recollida, transporte e tratamento dos residuos xerados), deberá contratar, exclusivamente, os servicios de xestores debidamente autorizados. Non obstante, o productor tamén poderá actuar como xestor, para o que precisará contar coa autorización pertinente.

 

SECCIÓN SEGUNDA

 

Obrigacións do transportista

 

13. Obligacións do transportista.

13.1. Xenéricas. Os transportistas de residuos sanitarios deberán adopta-las medidas necesarias para asegurar que as operacións de carga e transporte, se leven a cabo de conformidade coas disposicións establecidas na vixente normativa de transporte de mercadorías por estrada que sexa aplicable en cada caso.

13.2. Autorización de transportistas de residuos sanitarios. As persoas físicas ou xurídicas que efectúen operacións de recollida e transporte de residuos sanitarios da clase III, tanto se as xeran elas mesmas como se actúan por conta doutros, terán a consideración de xestores de residuos perigosos, tendo que axustarse ó disposto na Lei 20/1986, do 14 de maio, básica de residuos tóxicos e perigosos e normativa complementaria, así como ó establecido na normativa vixente sobre o transporte de mercadorías que sexa de aplicación, e no presente decreto.

13.3. Condicións que deben cumpri-los vehículos de transporte de residuos da clase III:

a) Ser impermeables á agua.

b) Facilmente lavables e desinfectables.

e) Non disporán de sistemas de compactación.

d) Disporán de material absorbente para a recollida de posibles perdas accidentais.

e) Limparanse e desinfectaranse despois de cada servicio.

f) Non transportarán no mesmo vehículo outros residuos ou productos.

 

SECCIÓN TERCEIRA

 

Obrigacións do tratador

 

l4. Réxime de autorizacións e obrigas xenéricas do tratador.

Con relación a estes dous apartados rexerá o nos artigos 23 ó 30 do Real decreto 833/1988, do 20 de xullo.

 

15. Outras obrigas do tratador.

15.1. Mante-lo correcto funcionamento da actividade e das instalacións.

15.2. Aceptar exclusivamente residuos sanitarios de transportistas autorizados.

15.3. Se entre a recepción de residuos e o seu tratamento efectivo transcorren máis de 24 h, o tratador estará obrigado a mantelos, en todo momento, en almacéns refrixerados a unha temperatura igual ou inferior a 4ºC; neste caso poderá mantelos almacenados nas condicións indicadas, por un período máximo de 7 días a contar dende a recepción dos residuos.

15.4. Elaborar e aplicar un programa de mantemento e control de calidade dos seus equipos e instalacións que garanta o seu bo funcionamento, efectividade dos procesos de tratamento, e verifique que as emisións e efluentes resultantes deles se atopan dentro dos límites esixidos pola normativa vixente en materia de protección ambiental.

15.5. Garantir, en todo momento, a información do persoal operativo, sobre os riscos reais asociados ós residuos que manipula e as precaucións e medidas de seguridade que debe adoptar para previlos e dotalos dos medios necesarios para elo, de conformidade co indicado na Lei 35/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais e demais normativa que a desenvolve.

 

16. Eliminación dos residuos asimilables a urbanos.

16.1. Unha vez tratados e garantida a súa asimilación a residuos sólidos urbanos, os residuos procedentes das actividades sanitarias deberán ser introducidos no ciclo definido para aqueles polo Plan de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos de Galicia.

16.2. Como norma xeral, serán eliminadores aquelas persoas físicas ou xurídicas que a norma de xestión sobre residuos sólidos urbanos defina como responsables do destino final destes residuos.

16.3. Para a aceptación destes residuos tratados no ciclo correspondente a residuos sólidos urbanos, será necesario que o tratador certifique documentalmente que os residuos tratados son asimilables a residuos sólidos urbanos.

16.4. Non se-poderá introducir dentro do ciclo de residuos sólidos urbanos ningún residuo sanitario da clase III que non fose tratado convenientemente e non posea certificación deste feito; neste caso será obriga do tratador a súa retirada.

 

CAPÍTULO IV

 

Das administracións públicas

 

17. Da administración da Xunta de Galicia.

17.1. Actuación da Xunta de Galicia: a Administración da Xunta de Galicia, sen prexuízo das competencias doutras administracións e institucións públicas nesta materia, adoptará as medidas necesarias para asegurar que as actividades de xestión dos residuos sanitarios se efectúen en condicións adecuadas no que respecta á protección da saúde humana, do medio ambiente e a preservación dos recursos naturais

17.2. A Administración da Xunta de Galicia axustará á súa actuación ós seguintes obxectivos:

a) Fomenta-la introducción en toda a rede sanitaria de Galicia de sistemas adecuados de minimización da producción de residuos sanitarios, recollida selectiva, envasado e almacenamento intracentro dos residuos sanitarios de acordo co establecido no presente decreto.

b) Promover, con criterios de eficacia e economía, a implantación en Galicia dos sistemas de xestión extracentro máis adecuados tecnoloxicamente para os residuos xerados.

c) Colaborar con organismos públicos e privados en programas de investigación, de desenvolvemento e control de calidade de novas tecnoloxías no ámbito da xestión dos residuos sanitarios.

d) Crear e desenvolver programas específicos de formación para o persoal dedicado á xestión intracentro de residuos sanitarios.

17.3. Son funcións da Dirección Xeral de Saúde Pública:

a) A elaboración das directrices e a aprobación e verificación do seu cumprimento dos plans de xestión intracentro dos establecementos, centros e servicios xeradores de residuos sanitarios, así como o recoñecemento de que as características técnicas dos envases e recipientes utilizados para a súa acumulación se axustan ás disposicións establecidas no presente decreto e a súa normativa de desenvolvemento.

b) A verificación de que os medios de transporte exterior, os sistemas de tratamento e de eliminación dos residuos sanitarios da clase III se axustan, desde o punto de vista técnico-sanitario, ás esixencias contidas neste decreto.

c) A aplicación do réxime sancionador, na parte que lle sexa de aplicación, de acordo co disposto neste, decreto.

17.4. Son funcións da consellería competente en medio ambiente:

a) A autorización dos transportistas de residuos sanitarios.
b) A autorización das instalacións de tratamento de residuos sanitarios.

 

18. Da Administración local.

18.1. Os concellos, por si sós ou mancomunadamente, de acordo co disposto na Lei 42/1975, do 19 de novembro, de desechos y residuos sólidos urbanos e normativa complementaria, deberán asegurar que a recollida, o transporte, o tratamento e a eliminación dos residuos sanitarios das clases I e II que se xeren no seu ámbito territorial se leven a efecto nas condicións previstas neste decreto.

18.2. As entidades locais xestoras de residuos sólidos urbanos estarán obrigadas asimesmo a acepta-los residuos da clase III, sempre e cando estes fosen tratados por algún dos sistemas descritos no presente decreto e se dispoñan para a súa recollida nas condicións que se determinan na Lei 42/1975, nas ordenanzas locais e no presente decreto.

 

CAPÍTULO V

 

Responsabilidades, infraccións e sancións

 

19. Titularidade e responsabilidade.

19.1. Titular responsable: para tódolos efectos, os residuos sanitarios terán sempre un titular responsable, cualidade que lle corresponderá ó productor, transportista, tratador ou eliminador deles. A titularidade orixinaria atribuirase ós productores dos residuos. Tamén se considerará titularidade orixiria a do posuidor do residuo que non xustifique a súa adquisición conforme ó previsto neste decreto.

19.1.1. A responsabilidade de facer cumprila normativa referente á segregación, recollida, almacenamento e entrega a un transportista/tratador autorizado dos residuos sanitarios xerados correspóndelle á entidade ou administración titular do centro, servicio ou establecemento autorizado para producilos e, se é o caso, ó director xerente ou ó seu máximo responsable, quen, en todo caso, deberá desenvolve-las seguintes funcións:

a) Velar polo cumprimento, conforme ó establecido no presente decreto, das disposicións aplicables ás citadas operacións de xestión intracentro.

b) Informar ó persoal do centro dos efectos prexudiciais que poidan derivarse dos residuos
xerados e das medidas aplicables para evitalos, dotándoos dos medios necesarios, todo iso de conformidade co indicado na Lei 35/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais e demais normativa que a desenvolve.

c) Toma-las medidas oportunas para asegurarse que as obrigacións do productor respecto ó transportista, do tratador e do eliminador dos residuos sanitarios xerados, se realizan conforme o disposto no presente decreto

d) Remitir á Administración competente as informacións e datos que lle sexan solicitados, garantindo a súa exactitude.

19.2. Cesión de titularidade: as cesións de residuos sanitarios do productor ó transportista, tratador ou eliminador producirán transferencia de titularidade, sempre que a cesión se realizase conforme o previsto neste decreto, é dicir, sempre que a cesión conste en documento fidedigno, debidamente cuberto e que se leve a cabo entre productores, transportistas, tratadores e eliminadores debidamente autorizados e inscritos nos correspondentes rexistros.

A transferencia de titularidade producirase na recepción dos residuos mediante a formalización do correspondente documento de seguimento e control.

19.3. Responsabilidade solidaria: A responsabilidade será solidaria nos siguintes supostos:

a) Cando sexan varios os responsables dalgunha deterioración ambiental ou de danos ou prexuízos causados a terceiros e non fose posible determina-lo grao de participación das diferentes persoas físicas ou xurídicas na realización dos mesmos.

b) En caso de que os efectos prexudiciais ó medio ambiente ou os danos ou prexuízos causados a terceiros se produzan por acumulación de actividades debidas a diferentes persoas físicas ou xurídicas a Administración competente poderá imputar individualmente esta responsabilidade e os seus efectos económicos.

 

20. Infraccións.

20.1. Réxime sancionador: o réxime sancionador aplicable ás infraccions ó presente decreto será o definido pola Lei 42/1975, do 19 de novembro, de refugallo e residuos sólidos urbanos, Lei 20/1986 do 14 de maio, básica de residuos tóxicos e perigosos, a Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade e a Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia.

 

DISPOSICIÓN TRANSITORIA

 

Tódalas persoas físicas ou xurídicas que xeren, transporten, traten ou eliminen residuos sanitarios deberán adecuarse ó disposto no presente decreto no prazo máximo de 12 meses, contado a partir do día seguinte a súa entrada en vigor.

 

DISPOSICIÓN ADICIONAL

 

Créase o rexistro de productores de residuos sanitarios, adscrito á Dirección Xeral de Saúde Pública.

 

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

 

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó presente decreto.

 

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

 

Primeira.- Queda facultado o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

 

Segunda.- A actualización do contido dos anexos do presente decreto poderase realizar mediante orde polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais.

 

Terceira.- As incidencias e accidentes na xestión dos residuos sanitarios serán comunicados de inmediato e polo medio máis rápido á consellería competente en materia de medio ambiente, así como á Dirección Xeral de Saúde Pública.

 

Cuarta.- O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

 

ANEXO I

 

Enfermidades infecciosas transmisibles por

axentes patóxenos contidos nos residuos

sanitarios

 

Antrax

Brucelose

Cólera

Difteria

Disentería amebiana

Disentería bacilar

Enfermidade de Creutzfeldt-Jakob

Febre paratifoidea A,B,C

Febre Q

Febre tifoidea

Febres hemorráxicas causadas por virus

Lepra

Encefalite

Mieloidose

Mormo

Peste

Poliomielite

Rabia

Tuberculose activa

Tularemia

 

ANEXO II

 

Plan de xestión intracentro de residuos

sanitarios

 

En consoancia co establecido no presente decreto, os productores e pequenos productores que xeren residuos sanitarios das clases II e III veranse obrigados a elaborar e presentar ante a Dirección Xeral de Saúde Pública, para a súa aprobación, un Plan de Xestión Intracentro dos residuos xerados, co contido mínimo seguinte:

1. Datos de identificación da entidade titular ou Administración do centro, servicio ou establecemento sanitario e, se é o caso, do seu director ou xerente do mesmo.

2. Identificación da persoa responsable no centro, servicio ou establecemento sanitario da posta en marcha e seguimento do plan, con formación mínima de grao medio, así como cuantificación dos medios persoais, propios ou alleos, postos á disposición da súa execución material.

3. Plan de formación do persoal sanitario e non sanitario, implicado na xestión intracentro dos residuos xerados: manipulación, segregación, recollida e envasado, transporte interno e almacenamento intracentro.

4. Documento básico de xestión dos residuos xerados no que se inclúa.:

a) Compartimentación do centro, servicio ou establecemento xerador. Identificación de servicios e unidades onde se xeran, en cada centro, servicio ou establecemento sanitario, os residuos con expresión dos de cada tipo, atendendo á clasificación establecida no artigo 3º.

b) Segregación e envasado. Criterios de segregación, envasado e identificación en orixe, incluíndo certificación acreditativa de que os envases e contedores empregados para a súa acumulación se axustan ás características técnicas sinaladas no presente decreto.

c) Almacenamento intermedio. Descrición do almacenamento intermedio, se existe, indicando características técnicas dos locais e condicións de almacenamento así como tempo máximo previsto de almacenamento.

d) Transporte interior. Descrición dos medios de transporte utilizados, indicando circuítos de evacuación previstos e frecuencia de evacuación ó almacenamento final.

e) Almacenamento final. Descrición do almacenamento final, indicando características técnicas do local e condicións de almacenamento, compartimentación existente en función do tipo de residuos xerados, e especificamente existencia ou non de almacenamento refrixerado nas condicións. establecidas no presente decreto, así como tempo máximo previsto de almacenamento e frecuencia de evacuación.

f) Compactación. Descrición do equipamiento, se existe, para a compactación dos residuos das clases I e II.

g) Medidas de seguridade. Precaucións e medidas de hixiene e seguridade no traballo que deben seguir os distintos colectivos implicados nas distintas etapas de xestión intracentro, incluíndo instruccións escritas e recomendacións para situar nas distintas dependencias xeradoras de residuos.

h) Medidas de emerxencia. Descrición de equipos materiais e personais, e procedementos previstos para casos de emerxencia derivados da xestión intracentro, lesións corporais ou outras, en particular os relacionados con residuos clasificados na clase III.

i) Tratamento e eliminación. Sistema de tratamento e/ou eliminación previstos para os residuos da clase III así como fotocopia do documento de aceptación, debidamente cuberto, polo titular dunha instalación de tratamento de residuos sanitarios, debidamente autorizado e inscrito no rexistro de tratadores/eliminadores, así como alternativa prevista para o caso de que a instalación de tratamento e/ou eliminación habitualmente utilizada quede temporalmente fóra de servicio.

j) Transporte exterior. Fotocopia de contrato de cesión de residuos a un transportista debidamente autorizado, para o transporte de residuos sanitarios da clase III.

 

ANEXO III

 

Características dos envases e recipientes

destinados a conter residuos das clases II e III

 

1. Os residuos sanitarios das clases II e III recolleranse en bolsas e recipientes ríxidos ou semirríxidos, que conten coas características seguintes:

a) Estanqueidade total.

b) Opacidade.

c) Peche hermético, salvo en bolsas e recipientes semirríxidos, os cales terán un peche que impida a apertura accidental.

d) Resistencia á carga.

e) Asépticos no exterior.

f) Composición que garanta que na súa destrucción se eviten ou minimicen emisions tóxicas.

2. Cando os residuos sanitarios incluídos na clase III se recollan en bolsas, deberán ser de cor vermella, con galga mínima de 200 e que cumpran a norma UNE 53-147-85. Os da clase II recolleranse en bolsas de cor verde.

3. Os residuos cortantes e punzantes, previamente á súa introducción nas bolsas e/ou os recipientes mencionados no apartado 1 deste anexo, depositaranse en envases dun só uso, ríxidos, imperforables e impermeables.

4. Os residuos dos grupos 8 e 9 da clase III e material contaminado por eles recolleranse en recipientes ríxidos dun só uso, de material que permita a súa destrucción completa, resistentes, impermeables e imperforables e con peche hermético, evitando ou minimizando a emisión de substancias tóxicas para o ambiente. Rotularanse cos pictogramas de Biorrisco (grupo 8), Citotóxico (grupo 9) ou con ambos, cos seus textos asociados, cando conteñan residuos de ambos grupos, tales como os que aparecen no anexo IV.

5. Os recipientes e/ou bolsas indicados para os residuos dos restantes grupos da clase III, rotularanse cun pictograma de Biorrisco e o seu texto asociado tal como figura no anexo IV.

Asimesmo, os contedores utilizados no almacenamento intracentro contarán cos mesmos
pictogramas cás bolsas e/ou recipientes neles contidos.

Vease también