Decreto 160/1996, do 25 de abril, de configuración e introducción no Estatuto de persoal non sanitario de institucións sanitarias da Seguridade Social da categoría de persoal de servicios xerais.

A categoría que se constitúe refléctese no Decreto 200/1993, do 29 de xuño, de ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, que, nos seus artigos 2 e 3 refire dentro do persoal que presta servicios nas unidades e servicios de atención primaria, creadas pola norma, ó persoal non sanitario e de servicios xerais.

A introducción desta clase de persoal no decreto obedeceu á consideración da necesidade de dispoñer dun persoal, dalgún xeito polivalente, para prestar servicios nas novas unidades e servicios de atención primaria. Tal persoal aglutinaría funcións, fundamentalmente, das categorías estatutarias de auxiliar da función administrativa e celador.

As dúas categorías estatutarias sinaladas, de xeito separado e sen a simbiose propugnada, resultan inadecuadas para a prestación de servicios que, por esta clase de persoal, se pretende desenvolver nas aludidas unidades e servicios de atención primaria. Por iso, unha nova categoría que comprenda no seu ámbito funcións correspondentes ás dúas categorías mentadas en plena interdependencia, parece óptima para tratar de cubri-las necesidades existentes, cun maior nivel de garantía.

A posibilidade de creación de novas categorías estatutarias que se inclúan no estatuto pertinente, vén explicitamente recollida no Real decreto 118/1991, do 25 de xaneiro, sobre selección e provisión de prazas de persoal estatutario de área.

Así, en efecto, a disposición transitoria adicional terceira da norma dispón que «la creación, supresión, unificación o modificación de categorías se efectuará en cada Administración Pública, mediante norma del rango que, en cada caso, proceda, preva negociación en la correspondiente Mesa Sectorial».

Por iso, de acordo co precepto trascrito, procedeuse á negociación no marco da Mesa Sectorial de persoal sanitario, coas organizacións sindicais integrantes da mesma.

Así mesmo, a presente disposición normativa ten como virtualidade a introducción da nova categoría no Estatuto de personal non sanitario.

Na súa virtude e logo da negociación coas organizacions sindicais presentes na Mesa Sectorial de Negociación de persoal sanitario ó servicio da Comunidade Autónoma, por proposta da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e logo do informe das Consellerías da Presidencia e Administración Pública e Economía e Facenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de abril de mil novecentos e seis,

 

DISPOÑO:

 

1. Créase a categoría estatutaria de persoal de servicios xerais que se inclúe dentro das de persoal non sanitario que integran o grupo D segundo o establecido no Real decreto-lei 3/1987, do 11 de setembro, sobre retribucións de persoal estatutario do Instituto Nacional da Saúde.

 

2. A dita categoría engádese á relación de categorías estatutarias regulamentadas polo Estatuto de persoal non sanitario ó servicio das institucións sanitarias da Seguridade Social.

 

3. Funcións:

As funcións que desenvolverá esta categoría de persoal, coa garda imprescindible do deber de sixilo e respecto á confidencialidade no seu cometido, incluiranse en tres áreas:

a) Administrativa e de apoio á xestión,

b) De recepción, atención e información ós usuarios,

c) De mantemento e apoio ás funcións xerais.

a) Dentro da primeira área o cometido concretaríase no apoio á xestión administrativa e organización do traballo das unidades e servicios respectivos.

Como funcións desta área procede refer-las seguintes:

- Materialización do programa da cita previa.

- Cumprimentación dos datos administrativos dos usuarios nas follas de asistencia sanitaria e de atención urxente.

- Vehiculación das follas de asistencia médica e historias clínicas.

- Tramitación dos pedidos de material necesario para o servicio ou unidade.

- Levar a efecto, baixo a supervisión e dirección de quen competa, a adecuada ordenación, mantemento e xestión do arquivo de historias clínicas.

- Mecanización e transcrición dos informes administrativos e clínicos.

- Calquera outras de análogo contido ou que teña relación coas funcións administrativas e de apoio á xestión.

b) No que respecta á segunda área indicada, as funcións que se desempeñarán serán as relativas á recepción, información e atención precisa ós usuarios das unidades e servicios correspondentes segundo os criterios e directrices establecidos.

Como funcións desta área cabe sinalar:

Atención e apoio físico ós usuarios cando resulte preciso.

- Información ós usuarios da carteira de servicios asistentes.

- Atención telefónica coa información precisa.

- Execución, baixo as directrices e supervisión procedentes, do programa da tarxeta sanitaria.

- Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coa recepción, atención e información ós usuarios.

c) Finalmente, dentro da terceira área encadraranse as funcións de mantemento e control das instalacións, na procura de que estas evidencien un aspecto idóneo e sirvan perfectamente para o cumprimento dos seus fins.

Dentro delas refírense as seguintes:

- Apertura e pechamento das unidades e servicios.

- Procura-lo correcto funcionamento das instalacións, solicitando os servicios do persoal de mantemento cando a complexidade da reparación o requira.

- Control das instalacións e vixilancia da adecuada limpeza destas durante a xornada laboral.

- Calquera outra de análogo contido ou que teña relación co mantemento e apoio ás funcións xerais.

 

4. Retribucións.

As retribucións que percibirá o persoal de servicios xerais serán as que se establecen na norma de ordenación do sistema retributivo de atención primaria para esta categoría de persoal.

 

DISPOSICIÓN TRANSITORIA

 

As prazas cubertas por persoal con vínculo temporal que, polas súas características de necesaria atención polivalente nas unidades ou servicios de atención primaria, se considere oportuno, poderán transformarse en prazas de persoal de servicios xerais co asinamento dun contrato destas características polos profesionais que actualmente as veñen desempeñando.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

 Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido no presente decreto.

 

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

 

Primeira.- Autorízase a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para dicta-las ordes e adopta-las medidas necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

 

Segunda.- O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.