Decreto 134/1998, do 23 de abril, sobre policía sanitaria mortuoria.

O artigo 33.1º do Estatuto de autonomía de Galicia, atribúelle á Comunidade Autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior.

Consonte ó anterior, a Comunidade Autónoma de Galicia dictou diferentes normas en materia de policía sanitaria mortuoria; así, o Decreto 133/1982, do 4 de novembro, polo que se regulan as condicións sanitarias dos cemiterios de Galicia (Diario Oficial de Galicia nº 30, do 4 de decembro de 1982); o Decreto 108/1983, do 14 de xullo, no que se fixan as condidicións sanitarias do transporte de restos humanos e regulación sanitaria de empresas funerarias (Diario Oficial de Galicia nº 96, do 30 de xullo de 1983) e o Decreto 137/1986, do 30 de abril (Diario Oficial de Galicia nº. 98, do 21 de maio) que modifica o Decreto 133/1982, do 4 de novembro.

Con fundamento en todas estas premisas e antecedentes normativos e, tendo en conta as especiais características de Galicia e os usos e costumes da súa poboación, faise necesario proceder ó establecemento dun marco normativo xeral no que se recolla o conxunto de materias que compoñen a actividade de policía sanitaria mortuoria. A tal propósito responde o presente decreto.

Por todo iso, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintetrés de abril de mil novecentos noventa e oito,

 

DISPOÑO:

 

Artigo único

 

Apróbase o Regulamento de policía sanitaria mortuoria da Comunidade Autónoma de Galicia que figura como anexo ó presente decreto.

 

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

 

Primeira.- As solicitudes de autorización referidas no presente decreto formularanse segundo os modelos que figuran no anexo I.

 

Segunda.- Consideraranse como supletorias do presente decreto as disposicións de igual ou inferior rango dictadas pola Administración central do Estado sobre a materia, con excepción do réxime de distancias establecido no Decreto 2263/1974, do 20 de xullo.

 

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

 

Primeira.- Sen prexuízo do establecido na disposición derraderira segunda empresas funerarias existentes na actualidade deberán axustarse ó establecido no Capítulo VIII do regulamento no prazo dun ano a partir da dita data.

 

Segunda.- No prazo dun ano, a partir da data de entrada en vigor deste regulamento, os tanatorios e velatorios existentes na actualidade deberán adaptarse ó establecido no seu Capítulo V del.

 

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

 

A partir da entrada en vigor deste decreto quedan derrogadas as seguintes disposicións: Decreto 133/1982, do 4 de novembro, que regula as condicións sanitarias dos cemiterios; Decreto 108/1983, do 14 de xullo, sobre condicións sanitarias de transporte de restos humanos e regulación sanitarias de empresas funerarias e a Resolución do 12 de agosto de 1997, sobre prestación do servicio de autorización de traslado de cadáveres e demais disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó establecido no presente decreto.

 

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

 

Primeira.- Autorízase ó conselleiro da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

 

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

 

ANEXO

 

Regulamento da policía sanitaria mortuoria

 

CAPÍTULO I

 

Disposicións xerais

 

1. Obxecto.

1. É obxecto do presente regulamento a regulación da policía sanitaria mortuoria na Comunidade Autónoma de Galicia, que inclúe as seguintes materias:

a) Toda clase de prácticas sanitarias sobre cadáveres, tal como as de tanatopraxia e tanatoestética.

b) As condicións técnico-sanitarias que deben reuni-las empresas funerarias, tanatorios, velatorios e crematorios de carácter público ou privado nos traballos que realizan e medios que empregan para o transporte de cadáveres e restos cadavéricos.

c) As condicións técnico sanitarias que teñen que cumpri-los cemiterios, e os demais lugares de enterramentos autorizados.

d) As normas sanitarias no tratamento dos restos cadavéricos.

2. Pola entidades propietarias os cemiterios poden ser:

a) Municipais: aqueles nos que a entidade propietaria é un concello ou varios no caso de cemiterios mancomunados.

b) Confesionais: aqueles nos que a entidade propietaria é unha confesión ou organización relixiosa, que pola súa vez poidan ser:

b.1 Parroquiais: aqueles nos que, a entidade propietaria é a parroquia e a súa administración é xestionada polo crego encargado dela.

b.2 De comunidades exentas: aqueles nos que a entidade propietaria é unha comunidade exenta de inhuma-los restos humanos dos seus compoñentes nos cemiterios comúns.

b.3 Outros nos que a entidade propietaria é unha confesión ou organización relixiosa distinta da católica.

c) Particulares: aqueles nos que a entidade propietaria é unha asociación sen ánimo de lucro e legalmente constituída.

 

2. Inspección.

As funerarias, tanatorios, velatorios, crematorios, cemiterios, así como toda clase de prácticas sanitarias sobre cadáveres poderán ser inspeccionados polas autoridades sanitarias competentes da Administración Autonómica e da municipal. A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais inspeccionará os ditos establecementos con periodicidade anual para os efectos de comproba-lo cumprimento das especificacións do presente regulamento.

 

CAPÍTULO II

 

Definicións

 

3. Definicións.

Para os fins deste regulamento enténdese por:

Ampliación dun cemiterio. -A extensión fóra dos seus muros de peche, con inmediatez física deles, ou o aumento do número total de sepulturas previstas no proxecto inicial.

Cadáver.- O corpo humano durante os cinco primeiros anos seguintes á morte. Esta computarase desde a inscrición de defunción no Rexistro civil.

Cemiterio.- O recinto pechado adecuado para inhumar restos humanos, que conta coa oportuna autorización sanitaria e demais requisitos regulamentarios.

Cremación ou incineración.- É a reducción a cinzas do cadáver ou resto cadavérico por medio da calor.

Crematorio.-Establecemento para a cremación de cadáveres, que conta cos requisitos regulamentarios.

Conducción ordinaria.-Transporte dun cadáver, criatura abortiva ou membro procedente de amputación, en ferétro, caixa de restos, desde o domicilio mortuorio, lugar do aborto ou amputación, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia a un depósito funerario ou directamente a un cemiterio ou crematorio do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Depósito de cadáveres.- Lugar intermedio entre o domicilio mortuorio e o destino final do cadáver, restos cadavéricos, criaturas abortivas ou de membro procedente de amputación sen velación deles.

Domicilio mortuorio.- Lugar do óbito que, para os efectos da presente regulamentación, é unha vivenda, un centro hospitalario ou un tanatorio.

Empresas funerarias.- Entidades autorizadas para a prestación dun ou varios servicios funerarios recollidos no presente decreto.

Putrefacción.- Proceso que conduce á destrucción da materia orgánica do cadáver por microorganismos.

Refrixeración.- Os métodos que mentres dura a súa actuación evitan o proceso de putrefacción do cadáver por medio do descenso artificial da temperatura.

Restos cadavéricos.- O que queda do corpo humano, acabados os fenómenos de destrucción da materia orgánica unha vez transcorridos os cinco anos seguintes á morte.

Sepultura.- Calquera lugar destinado á inhumación dos restos humanos dentro dun cemiterio. Inclúense neste concepto:

a) Fosas: excavacións practicadas directamente en terra.

b) Nichos: cavidades construídas artificialmente, que poden ser subterráneas ou aéreas, simples ou múltiples.

c) Columbarios: construccións para o depósito das urnas de cinzas.

Servicios funerarios.- Enténdese como tales as operacións encamiñadas ó transporte, manipulación, prácticas mortuorias e calquera outra das recollidas no presente decreto co fin de cumpri-lo destino final dos cadáveres.

Tanotoestética.- Conxunto de técnicas de cosmética e modelado que permiten mellora-la aparencia do cadáver.

Tanatopraxia.- Conxunto de técnicas aplicadas ó cadáver que atrasan ou impiden os fenómenos putrefactivos a través de prácticas de conservación transitoria ou embalsamamento.

Tanatorio.- Establecemento funerario habilitado como lugar de etapa do cadáver, entre o lugar do falecemento e o de inhumación ou cremación, debidamente acondicionado para a realización das prácticas de tanatopraxia, tanatoestética e para a exposición dos cadáveres.

Traslados.- Transporte dun cadáver, criatura abortiva, membro procedente dunha amputación ou restos cadavéricos en féretro ou caixa de restos, desde o domicilio mortuorio, lugar do aborto, amputación ou cemiterio, a un depósito de cadáveres ou directamente a un cemiterio ou crematorio fóra do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tamén terán o carácter de traslados os transportes de cadáveres exhumados e restos cadavéricos dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Velatorios.- Establecementos para a exposición de cadáveres que contan coa oportuna autorización sanitaria e demais requisitos regulamentarios.

 

CAPÍTULO III

 

Clasificación sanitaria dos cadáveres e o seu

destino final

 

4. Clasificación sanitaria dos cadáveres.

Para os efectos deste regulamento, os cadáveres clasifícanse en dous grupos, segundo as causas de defunción:

Grupo 1º.- Comprende os das persoas falecidas por causa radioactiva ou infecciosa, que supoñan risco sanitario, como o cólera, carbunco e aqueloutras que, no seu momento, poida determina-la Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, cando excepcionais circunstancias epidemiolóxicas o fagan necesario.

Grupo 2º.- Comprede tódo-los falecidos por calquera outra causa.

 

5. Destino final dos cadáveres.

O destino final de todo cadáver será:

a) Enterramento en lugar autorizado.

b) Cremación.

c) Utilización para fins científicos e de ensino de acordo coas disposicións vixentes.

d) Preservación mediante as prácticas que regulamentariamente autorice a Consellería de Sanidades e Servicios Sociais.

 

6. Destino final dos restos humanos procedentes de abortos, amputacións e intervencións cirúrxicas.

Tamén terán un dos destinos expresados no artigo anterior os restos humanos de entidade suficiente procedentes de abortos, amputacións e intervencións cirúrxicas, sen outro requisito na orde sanitaria, que o certificado facultativo en que se acredite a causa e procedencias de tales restos.

Cando o médico que o estenda deduza a existencia dos posibles riscos de contaxio, poñerao inmediatamente en coñecemento do delegado provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que adoptará as medidas oportunas.

 

CAPÍTULO IV

 

Prácticas de tanatopraxia e estética dos

cadáveres

 

7. Prohibición.

Non poderán realizarse prácticas de tanatopraxia nin de tanatoestética sobre cadáveres cando o seu falecemento se producise por algunha das causas sinaladas no grupo 1º do artigo 4º.

 

8. Observación de normas xerais.

Os encargados da manipulación dos cadáveres deberán, no desenvolvemento das súas funcións, observa-las normas xerais de manipulación de productos biolóxicos.

 

9. Técnicas de tanatopraxia e tanatoestética.

Aplicarase a técnica de tanatopraxia e tanatoestética adecuada ó destino do cadáver e ó seu estado físico, que poderá ser supervisada polas autoridades sanitarias competentes.

 

10. Realización.

As prácticas de tanotopraxia efectuaranse en lugares autorizados baixo a supervisión e responsabilidade dun licenciado en medicina e cirurxía.

O facultativo responsable certificará a súa actuación con descrición das técnicas empregadas así como o precintado final do féretro.

 

11. Embalsamamento e conservación transitoria dun cadáver.

O embalsamamento e conservación transitoria dun cadáver poderá realizarse unha vez obtidas a certificación médica de defunción e a licencia de enterramento, despois das 24 horas do falecemento e, en calquera caso, antes das 48 horas posteriores ó falecemento.

 

12. Obrigatoriedade de embalsamamento e conservación transitoria do cadáver.

1. O embalsamamento dun cadáver será obrigatorio nos seguintes casos:

a) En que a inhumación non poida realizarse antes das noventa e seis horas desde o momento do falecemento.

b) En traslados ó estranxeiro.

c) Nos traslados por vía aérea ou marítima.

d) Nos enterramentos en lugares especiais debidamente autorizados.

O transporte dun cadáver embalsamado efectuarase en féretro hermético coas características fixadas no artigo 36, apartado b), deste regulamento, excepto nos casos de conducción ordinaria.

2. A conservación transitoria dun cadáver será obrigatoria nos seguintes casos:

a) Cando a inhumación vaia realizarse despois das corenta e oito horas e antes das noventa e seis.

b) Cando vaia ser trasladado a outras Comunidades Autónomas.

c) En cadáveres conxelados ou refrixerados que non vaian ser conducidos nas 24 horas inmediatas á súa retirada das cámaras ó cemiterio ou crematorio.

 

13. Supostos de catástrofes ou mortes colectivas.

No caso de catástrofes ou mortes colectivas deberán aplicarse, excepcionalmente, as técnicas de conservación que para estes casos especiais dicten as autoridades competentes.

 

CAPÍTULO V

 

Tanatorios e velatorios

 

14. Instrucción de expedientes de construcción.

Os expedientes de construcción dun tanatorio serán instruídos polos concellos. A súa construcción queda sometida ó réxime de autorizacións previstas nos artigos 53º e 55º do presente regulamento.

 

15. Requisitos.

1. Os tanatorios deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) Terán acceso directo á vía pública.

b) Os accesos así como as dependencias de tránsito e estancia do público terá accesos e circulacións independentes das de tránsito, permanencia, tratamento e exposición dos cadáveres.

c) Deberán dispor de persoal, material e equipamento necesario para atende-los servicios ofertados, garantindo un adecuado nivel de hixiene e cumprimentos da normativa vixente en materia de seguridade e hixiene no traballo.

2. Os hospitais tanto públicos como privados poderán dispor de tanatorios, propios ou contratados, que se axustarán ó establecido no presente regulamento.

 

16. Dependencia.

Os tanatorios disporán das dependencias e requisitos seguintes:

1. Zona de exposición de cadáveres: a zona destinada á exposición de cadáveres constará, como mínimo, de dúas áreas incomunicadas entre sí; unha para a exposición do cadáver e outra para o público. A separación entre ambas disporá dunha cristaleira impracticable ou suficientemente ampla que permita a visión directa do cadáver ó público.

A área destinada á exposición do cadáver contará con refrixeración para asegurar unha temperatura entre 2 e 5 (+2) graos centígrados e disporá dun termómetro indicador visible desde o exterior.

2. Sala de tanatopraxia: estará deseñada e construída de forma que favoreza a realización hixiénica de tódalas operacións; as paredes serán lisas e o seu revestimento lavable; o solo impermeable terá un sumidoiro para a evacuación de augas de limpeza; disporá de lavabo. Contará co material e equipamento apropiados para as actividades de tanatopraxia. A sala contará con instalación de ventilación e refrixeración.

3. Sala de tanatoestética: non será obrigatoria, podendo utilizarse para estes efectos a sala de tanatopraxia. Cando exista, estará deseñada e construída de forma que favoreza a realización hixiénica de tódalas operacións e disporá de ventilación e refrixeración.

 

17. Instalacións.

As instalacións deberán contar con:

a) Medios necesarios para a desinfección de vehículos, utensilios, roupas e demais material.

b) Adecuado sistema de eliminación de roupas e outros obxectos.

c) Auga potable cun sistema de eliminación de augas residuais á rede de sumidoiros, ou outro sistema autorizado.

d) Duchas e aseos para o persoal da empresa.

 

18. Libro de rexistro oficial.

Os tanatorios disporán dun libro rexistro oficial de servicios prestados, onde se inscribirán os datos que se determinen regulamentariamente.

 

19. Velatorios.

Poderase autoriza-la instalación de velatorios para a exposición de cadáveres, para darlles servicios, unicamente, ós falecidos no municipio ou os que se vaian inhumar nel.

Reunirán as mesmas condición esixidas polos tanatorios neste regulamento, coa excepción do establecido nos apartados 2 e 3 do artigo 16º.

O procedemento de autorización será o mesmo que o fixado para os tanatorios.

 

CAPÍTULO VI

 

Cremación de cadáveres

 

20. Requisitos de autorización.

A cremación de cadáveres poderá realizarse unha vez obtido o certificado médico de defunción e a certificación de inscrición de falecemento expedida polo Rexistro Civil, despois das 24 horas e antes das 48 horas posteriores ó falecemento.

En casos excepcionais o delegado provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais poderá autoriza-la cremación de cadáveres transcorrido o prazo de 48 horas establecido no parágrafo anterior.

 

21. Sala de manipulación de cadáveres.

Os crematorios disporán dunha sala para a manipulación dos cadáveres que estará deseñada e construída de forma que favoreza a realización hixiénica de tódalas operacións; as paredes serán lisas e o seu revestimento lavable; o solo impermeable, terá un sumidoiro para evacuación de augas de limpeza e disporá de lavabo.

No caso de prestar algún tipo de servicio funerario complementario dos recollidos no presente decreto solicitaranse as correspondentes autorizacións sanitarias.

 

22. Prohibición de reutilización de féretros.

Prohíbese a reutilización dos féretros que non se incineren na cremación, que serán destruídos inmediatamente.

 

23. Cinzas.

As cinzas resultantes da cremación serán colocadas en urnas apropiadas, figurando obrigatoriamente no exterior o nome do defunto, e entregadas á familia, ou ó seu representante legal, para o seu posterior depósito, á súa conveniencia, en sepultura, columbario, propiedade privada ou esparcidas ó aire libre, con excepción das vías e demais zonas públicas sen outra esixencia sanitaria.

 

24. Libro de rexistro oficial.

Os crematorios disporán dun libro rexistro oficial de cremacións, onde se inscribirán os datos que determine a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

 

CAPÍTULO VII

 

Inhumacións, exhumacións e transporte

de cadáveres

 

25. Requisitos para o transporte do defunto.

Unha vez obtido o certificado médico de defunción, salvo nos casos de intervención xudicial ou cadáveres do grupo 1º do artigo 4º, poderá procederse ó transporte inmediato e directo ó domicilio do defunto, tanatorio ou lugar autorizado, dentro da Comunidade Autónoma.

 

26. Inhumación do cadáver.

A inhumación dun cadáver poderá realizarse, unha vez obtidas a certificación médica de defunción e licencia de enterramento, despois das 24 horas do falecemento e, en calquera caso, antes das 48 horas posteriores ó falecemento.

Nos casos en que previamente se practicase a autopsia ou se obtivesen órganos para trasplantes, poderase autoriza-la inhumación do cadáver antes de que trancorran as 24 horas do falecemento.

 

27. Conducción no caso de doazón de órganos e tecidos.

No territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, cando o cadáver sexa considerado doador de órganos e tecidos, non será obrigatoria a conducción e o traslado de cadáveres en féretro e vehículo mortuorio desde o depósito ou centro sanitario ó centro autorizado para a extracción de tecidos, conforme a Lei 30/1979, do 27 de outubro.

Levarase a cabo, para os ditos efectos, en vehículos de transporte sanitario, extremando as condición hixiénicas, mediante acondiciona-mento do cadáver con material impermeable e sempre que non transcurran máis de oito horas desde o falecemento ata a chegada ó centro autorizado para a extracción.

 

28. Exposición do cadáver en lugar público.

Poderá autorizarse a exposición do cadáver en lugar público, logo do embalsamamento, por un período superior ás corenta e oito horas desde que se produxo a defunción. O delegado provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais fixará as condicións sanitarias.

 

29. Suposto de inhumación inmediata.

Cando existan razóns sanitarias que aconsellen a inhumación inmediata dun cadáver ou, nos casos de cadáveres do grupo 1º do artigo 4º, a autoridade sanitaria ordenará, agás nos casos de intervención xudicial, o seu traslado urxente ó depósito do cemiterio do municipio onde ocorreu o falecemento, para proceder á súa inhumación tan pronto sexa posible.

Os cadáveres contaminados por productos radioactivos serán obxecto dun tratamento especial acordado polo órgano sanitario competente en conexión cos servicios correspondentes do Centro de Investigación Medioambientais, Enerxéticas e Tecnolóxicas.

En casos de excepcionais situacións epidemiolóxicas ou de catástrofes, o órgano sanitario competente poderá autorizar que se efectúen enterramentos nas condicións que determinen.

 

30. Lugar de inhumación.

As inhumacións de cadáveres verificaranse sempre en lugares de enterramento autorizados.

 

31. Utilización de féretros.

Prohíbese a conducción, traslado e enterramento de cadáveres sen o correspondente féretro das características que para cada caso se indican no artigo 36º deste regulamento.

Os féretros, unha vez pechados, non se poderán abrir, agás orde xudicial ou a petición dos familiares, sempre que se realice nun tanatorio, velatorio ou establecemento autorizado e sempre que se trate de cadáveres do grupo 2º do artigo 4º.

Nestas mesmas condicións poderá ser autorizado o cambio de féretros, quedando prohibido en todo caso a reutilización deles.

Os féretros deberán conter exclusivamente o cadáver para o que se autorizou o enterramento non podendo depositarse dous ou máis no mesmo féretro agás non casos seguintes:

a) Nais e neonatos falecidos ambos no momento do parto.

b) Catástrofes ou situacións epidemiolóxicas excepcionais.

 

32. Transporte do cadáver e restos cadavéricos dentro do territorio de Galicia.

1. Os cadáveres sen inhumar, do grupo 2º do artigo 4º, poderán ser transportados en féretros comúns, dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, e terán que ser transportados en féretro de traslados cando o transporte teña lugar pasadas as 48 horas dende o falecemento. Nos casos en que se dean circunstancias excepcionais, o facultativo que certifique a defunción establecerá as condicións de traslado e inhumación.

2. Os restos cadavéricos, as criaturas abortivas e membros procedentes de amputacións serán transportados en caixas de restos, tal como dispón o artigo 36º apartado d).

 

33. Comunicación do traslado sen inhumar e prohibicións de traslado.

Non se poderán realizar traslados de cadáveres clasificados no grupo 1º, do artigo 4º, excepto cando se proceda á súa cremación e a causa da morte non sexa de orixe radioactivo.

Non precisan de autorización sanitaria os traslados de cadáveres sen inhumar, criaturas abortivas ou membros procedentes de amputacións clasificados no grupo 2º, do artigo 4º, así como os restos cadavéricos. Non obstante, a empresa funeraria comunicarllo previamente ó delegado provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da provincia na que se orixine o traslado, mediante o modelo de comunicación que determine regulamentariamente, ó que xuntará copia do certificado de defunción. Cando se realicen prácticas de tanatopraxia xuntarase ademais, a certificación do médico a que se refire o artigo 10º do presente regulamento.

 

34. Reinhumación.

As delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais autorizarán a exhumación e transporte de cadáveres do grupo 2º do artigo 4º para a súa reinhumación no mesmo cemiterio utilizando féretro común, ou en cemiterio distinto empregando para iso arcón de traslado. No caso de restos cadavéricos serán depositados en caixas de restos.

Á solicitude acompañarase a partida de defunción literal dos cadáveres dos que a súa exhumación se pretenda.

En caso de non dispor da certificación literal de inscrición da defunción no Rexistro Civil deberá achegarse certificación en extracto e certificado médico da defunción, onde conste a causa da morte.

Cando como resultado da morte exista un procedemento xudicial en curso, terá que solicitarse ademais a autorización xudicial.

 

35. Traslado ó estranxeiro

O traslado dun cadáver ó extranxeiro realizarase, previamente embalsamado, segundo o disposto na normativa vixente.

 

36. Características dos féretros.

Os féretros terán as seguintes características:

a) Féretros comúns: estarán construídos con material adecuado sen aberturas, dun espesor mínimo de 15 milímetros. A tapa encaixará convenientemente no corpo inferior da caixa. Non se poderá empregar ningún tipo de material, revestimentos, bolsas, etc. de características impermeables que impidan a normal putrefacción dos cadáveres.

b) Féretros de traslado: estarán compostos por dúas caixas. A exterior, de características análogas ás dos féretros comúns, cun espesor mínimo de 20 milímetros e reforzada. A caixa interior poderá ser de láminas de chumbo ou de cinc soldadas entre si. Excepcionalmente, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais poderá aprobar outro tipo de construcción de caixa interior.

Os féretros de traslados serán acondicionados de forma que impidan os efectos da presión dos gases no seu interior mediante a aplicación de filtros depuradores e outros dispositivos adecuados.

c) Féretros para incineración: as súas condicións virán fixadas polas necesidades de eliminación de residuos alleos ó cadáver e polas do forno crematorios.

d) Caixas para restos cadavéricos, restos humanos procedentes de abortos, intervencións cirúrxicas e amputacións: serán metálicas ou de calquera outro material impermeable ou impermeabilizado. As súas dimensións serán as precisas para conte-los restos con folgura.

e) Arcón de traslado: caixa con tapa de material resistente e impermeable, fácil de desinfectar e de dimensións suficientes para conter un féretro común.

 

37. Conducción de cadáveres e restos cadavéricos.

A conducción e traslado de cadáveres e restos cadavéricos poderá efectuarse en :

a) Coches fúnebres.

b) Furgóns de ferrocarril das características que sinalen os ministerios competentes.

c) Avións ou buques de acordo coas normas que rexan nos convenios internacionais e que esixan as compañías de navegación aérea ou marítima.

d) Só en casos excepcionais valorados e autorizados polo delegado provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, poderán utilizarse vehículos de tracción animal.

 

38. Supostos de prohibición de transporte do cadáver.

Queda totalmente prohibido o transporte de cadáveres e restos cadavéricos en ambulancias, taxis, coches de aluguer ou de particulares ou calquera outro medio que non sexan dos sinalados do artigo anterior.

Non terá o carácter de transporte, a conducción de cadáveres que se realice por orde xudicial para a súa retirada da vía pública a un domicilio mortuorio ou a un instituto de medicina legal, se a urxencia do caso así o aconsellase.

 

39. Características dos coches fúnebres.

1. Os coches fúnebres terán as seguintes características:

a) A separación ou distancia desde a cabina do conductor ata a porta traseira do vehículo será a necesaria para que unha ver introducido o féretros quede o habitáculo hermeticamente pechado.

b) A cabina ou habitáculo para o féretro será construído con material impermeable para permitir un rápido e efectivo lavado e desinfección. Os elementos de adorno serán impermeables e susceptibles dun rápido lavado e desinfección.

2. A autorización para o seu uso será concedida pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, así como a comunicación de baixa para o servicio, sen prexuizo do cumprimento do establecido por outras disposicións nesta materia.

 

CAPÍTULO VIII

 

Empresas funerarias

 

40. Establecemento de empresas funerarias.

En virtude do establecido no artigo 25, apartado j), da Lei reguladora de bases de réxime local, correspóndelles ás corporacións locais a facultade de outorgar licencia para establecemento de empresas para a prestación de servicios funerarios, logo do informe da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

As empresas funerarias disporán como mínimo dos medios seguintes:

a) Persoal para o traslado do féretro, dotado con roupa adecuada.

b) Vehículo/s para o traslado de cadáveres.

c) Féretros e demais material funerario necesario, con stock mínimo en función da media
dos servicios anuais.

d) Medios precisos para a desinfección de vehículos, utensilios, roupas e demais material.

 

41. Libro de rexistro.

As empresas funerarias disporán dun libro rexistro oficial dos servicios prestados onde se inscribirán os datos que determine a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

 

42. Catálogo de servicios.

As empresas funerarias disporán dun catálogo adecuado ós usos e costumes do lugar, compresivo de tódolos servicios que presten, con indicación detallada das características dos cadaleitos, coches fúnebres e das tarifas vixentes situado en lugar visible ó público.

 

43. Responsabilidade.

As empresas funerarias serán responsables do material que subministren, así como do funcionamento do servicio.

 

CAPÍTULO IX

 

Normas sanitarias dos cemiterios

 

44. Número e características mínimas.

Cada municipio terá polo menos un cemiterio de características adecuadas á súa densidade de poboación e ós usos e costumes do lugar.

 

45. Cemiterios confesionais ou particulares.

Poderán establecerse cemiterios confesionais ou particulares, sempre que reúnan os requisitos e autorizacións establecidos neste regulamento.

 

46. Localización dos cemiterios de nova construcción.

A localización dos cemiterios de nova construcción corresponderá ó prevido para cada municipio no planeamento urbanístico.

 

47. Zona de protección.

Arredor do solo destinado á construcción dun novo cemiterio establecerase como zona de protección unha franxa de 50 metros de largo totalmente libre de todo tipo de construcción, medida a partir do peche exterior do cemiterio.

 

48. Instalación mínimas.

Todo cemiterio deberá necesariamente posuí-las seguintes instalacións:

1. Un local destinado a depósito de cadáveres que terá as características seguintes:

a) Capacidade mínimas: terá como mínimo 5x4x3 metros.

b) Paredes: serán lisas e impermeables para que poidan ser lavadas con facilidade; as arestas e vértices interiores suavizaranse de xeito que resulten superficies curvas.

c) Solos: serán impermeables e con inclinación suficiente para que discorran facilmente as augas de limpeza, que verterán a unha rede de sumidoiros ou, no seu defecto, a unha fosa séptica.

d) Auga: disporán de auga potable en cantidade suficiente.

e) Mesa de material impermeable e lavamáns.

Cando se acredite documentalmente que no mesmo municipio existe un depósito de cadáveres noutro cemiterio, poderá eximirse da necesidade de instalación no de nova creación.

2. Tódolos cemiterios disporán dun número de sepulturas dispoñibles e axeitadas á poboación á que vaian servir.

3. Un sistema axeitado para a eliminación de roupas e útiles, madeiras, e demais residuos procedentes da evacuación e limpeza de sepulturas ou da limpeza de cemiterios.

4. Servicios sanitarios adecuados.

 

49. Condicións das sepulturas.

As sepulturas deberán reunir como mínimo as condicións seguintes:

1. Fosas: a profundidade das fosas será como mínimo de dous metros, o seu largo de 0,80 metros e a súa lonxitude como mínimo de 2,40 metros, cun espacio de medio metro de separación entre unhas e outras, e con reserva de fosas de medidas especiais.

2. Nichos:

a) O nicho terá como mínimo 0,75 metros de largo, por 0,65 metros de altura e 2,40 metros de profundidade, e con reserva de nichos de medidas especiais.

b) Se os nichos son construídos polo sistema tradicional, a súa separación será de 0,10 metros en vertical e 0,07 metros en horizontal.

c) Se se utilizan sistemas prefabricados previamente homologados polo Ministerio de Sanidade e Consumo, a separación horizontal e vertical entre nichos virá dada polas características técnicas de cada sistema constructivo concreto.

d) As galerías destinadas a defender das choivas as cabeceiras dos nichos terán 2,50 metros de largo, contados desde o seu máis saínte parámetro interior e o seu telladiño apoiarase nun entramado vertical, sen limita-los espacios abertos con ningunha clase de construcción.

e)Aínda que os materiais utilizados na construcción de nichos e sepulturas sexan impermeables, cada unidade de enterramento e o sistema no seu conxunto será permeable, asegurándose unha drenaxe adecuada e unha expansión dos gases en condicións de inocuidade e saída ó exterior pola parte máis elevada.

3. Columbarios: terán como mínimo 0,40 metros de largo, 0,40 metros de alto e 0,60 metros de profundidade.

 

50. Osario e forno incinerador de residuos.

Todo cemiterio deberá contar cun osario xeral destinado a recolle-los restos provenientes das exhumacións e, a poder ser, un forno incinerador de residuos.

 

51. Documentación de expedientes para a autorización de nova construcción e ampliación de cemiterios.

1. Os expedientes para a autorización de nova construcción e ampliación dos cemiterios serán instruídos polos concellos. O expediente deberá contar coa seguinte documentación:

a) Instancia da entidade propietaria.

b) Lugar de radicación.

c) Informe urbanístico favorable do concello.

d) Autorización da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, nos supostos en que esta sexa preceptiva, de conformidade co disposto no artigo 77.4º da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do Solo de Galicia.

e) Informe xeolóxico favorable dos terreos, profundidade da capa freática, dirección das correntes de augas subterráneas, permeablilidade do terreo e demais características que acrediten que non hai perigo de contaminación de ningún establecemento de auga.

f) Memoria e planos subscritos por técnico competente, no que se farán consta-la extensión e capacidade previstas, distancia mínima en liña recta á construcción existente máis próxima ou ó terreo urbanístico apto para ela, comunicacións coa zona urbana, distribución dos distintos servicios, recintos, edificios e xardíns, e clase de obra e materiais que se han de empregar nos muros de cerramento e nas edificacións.

2. Nos expedientes relativos ós cemiterios municipais e mancomunados a instancia será substituída pola certificación de acordo adoptado polo órgano competente de realiza-la súa construcción, e a autorización sanitaria confirmará a licencia de obras implícita naquel acordo.

 

52. Reclamacións.

Concluído o expediente, o concello exporalle ó público durante un prazo de quince días, para efectos de reclamacións que, en cada caso de producirse, se remitirán debidamente informados polos concellos.

 

53. Autorización sanitaria.

Terminada a instrucción e rematado o período de exposición, o expediente e o proxecto remitiranse ó delegado provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, o cal, de axustarse o proxecto e o expediente á normativa sanitaria vixente, outorgará a correspondente autorización sanitaria, dando conta da dita resolución á entidade propietaria e ó concello correspondente para efectos de outorgamento da licencia de obras.

 

54. Proxecto de ampliación.

Para a aprobación dun proxecto de ampliación dun cemiterio existente teranse que observa-los mesmos trámites e condicións que para os de nova construcción, excepto no referente á distancia prescrita no artigo 47º para aqueles cemiterios autorizados antes da entrada en vigor do presente decreto, da que quedan eximidos, así como do establecido no punto e) do artigo 51º. Respecto dos exceptuados emitirá informe preceptivamente a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

 

55. Autorización de apertura.

Rematadas as obras de construcción ou ampliación dun cemiterio, a entidade propietaria, a través do concello, comunicarallo ó delegado provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, o cal ordenará a realización da visita de inspección de fin de obra co obxecto de comproba-lo cumprimento das condicións sanitarias aplicables ó caso e concederá ou non a autorización de apertura.

 

56. Cambio de destino.

Non poderá cambiarse o destino dun cemiterio, ata despois de transcorrer como mínimo cinco anos desde a derradeira inhumación, agás que razóns de interese público o aconsellen.

 

57. Declaración de estado de ruína das sepulturas.

O delegado provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e por razóns sanitarias, de oficio ou por instancia de particulares, poderá propoñer que, polo concello, se declare o estado de ruína das sepulturas mediante expediente contradictorio previsto na normativa urbanística, considerándose para tales efectos, como parte intesado ó propietario do dereito de uso delas.

O Concello do que depende aquel cemiterio farallo saber á entidade propietaria e ó público cunha antelación de tres meses, mediante publicación nos boletíns e diarios oficiais e os xornais de maior circulación no municipio, co fin de que as familias dos inhumados poidan adopta-las medidas que o ordenamento xurídico lles permita.

Para os efectos deste artigo, considerarase como sepultura en estado de ruína a que como tal se define no artigo 171 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

 

58. Requisitos.

A declaración do estado de ruína dunha sepultura requirirá que a entidade propietaria, logo da autorización do delegado provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, dispoña a exhumación dos cadáveres existentes para a súa inmediata reinhumación no lugar en que o propietario do uso da sepultura dispuxese; se non constase o dito acto de disposición, a reinhumación efectuarase nun osario xeral.

 

59. Suspensión de enterramentos.

No suposto en que por razóns sanitarias ou de esgotamento transitorio ou definitivo da súa capacidade, se estime necesario, os concellos ou entidades de quen dependan os cemiterios afectados poderán suspende-los enterramentos neles, logo da resolución de clausura temporal da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e provendo o necesario para o cumprimento do disposto nos artigos 44º e 54º do presente regulamento.

 

60. Clausura definitiva dos cemiterios.

Sen prexuízo do establecido na lexislación vixente, resultante dos convenios celebrados coa Santa Sé, e demais igrexas, confesións e comunidades relixiosas, corresponderalle á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais a competencia para autoriza-la clausura definitiva dos cemiterios e o traslado total ou parcial dos restos.

 

61. Autorización de recollida e traslados de restos humanos.

A recollida e traslado total ou parcial dos restos humanos dun cemiterio, por petición da entidade propietaria, será autorizada polo delegado provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, sempre que transcorresen, polo menos cinco anos desde a derradeira inhumación efectuada. Os restos recollidos serán inhumados noutro cemiterio.

A entidade propietaria farallo saber ó público na forma e con efectos establecidos no artigo 57º do presente regulamento.

 

62. Panteóns especiais.

1. O conselleiro de Sanidade e Serviciós Sociais poderá autoriza-la construcción de panteóns especiais, tales como criptas, bóvedas ou similares, en igrexas e en recintos distintos dos cemiterios, logo do informe favorable do proxecto, informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e da información pública practicada polo prazo de quince días.

2. Rematadas as obras de construcción, a entidade propietaria comunicarallo ó delegado provincial de Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, o cal ordenará a realización da visita de inspección de remate de obra co obxecto de comproba-lo cumprimento das condicións sanitarias aplicables ó caso.

 

63. Libro oficial.

Os lugares especiais e os cemiterios de tales características, en virtude das licencias legais correspondentes, disporán dun libro oficial onde se inscribirán os datos que se determinen regulamentariamente.

 

CAPÍTULO X

 

Infraccións e sancións

 

64. Infraccións.

Terán a consideración de infraccións de acordo co disposto no artigo 35 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, as seguintes accións e omisións:

Infraccións leves:

1ª. O incumprimento da obriga das empresas funerarias de comunica-los traslados de cadáveres á delegación provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

2ª. O incumprimento da levanza dos rexistros establecidos nos artigos 18º, 24º, 41º, e 63º.

3ª. O incumprimento do establecido para os coches fúnebres no artigo 39º.

4ª. O incumprimento dos requisitos, obrigas ou prohibicións establecidas neste decreto que, en razón dos criterios recollidos neste artigo, merezan a cualificación de leves ou non proceda a súa cualificación como faltas graves ou moi graves.

2. Infraccións graves:

1ª. Carecer dos libros rexistros establecidos nos artigos 18º, 24º, 41º e 63º.

2ª. Impedi-la actuación dos inspectores, debidamente acreditados, nos establecementos ou instalacións regulados neste decreto.

3ª. A apertura dun féretro pechado sen as autorizacións correspondentes.

4ª. O incumprimento do establecido para a exhumación de cadáveres ou resto cadavéricos no artigo 34º.

5ª. A conducción e tralado de cadáveres en medios distintos dos recollidos no artigo 37º.

6ª. A exposición de cadáveres en lugares públicos sen a autorización ou as condicións establecidas no artigo 28º.

7ª. A reincidencia na comisión de infraccións leves nos últimos tres meses.

8ª. As que, en razón dos elementos recollidos neste artigo, merezan a cualificación de graves ou non proceda a súa cualificación como faltas leves ou moi graves.

3. Infraccións moi graves.

1ª. O enterramento de cadáveres, restos cadavéricos, criaturas abortivas ou membros procedentes de amputacións en lugar non autorizado.

2ª. A realización de práticas de tanatopraxia en lugares ou por persoal non autorizados.

3ª. A conducción, traslado e enterramento de cadáveres sen o correspondente féretro.

4ª. As que, en razón dos elementos recollidos neste artigo e do seu grao de concorrencia, merezan a cualificación de moi graves ou non proceda a súa cualificación como faltas leves ou graves.

5ª. A reincidencia na comisión de faltas graves nos últimos cinco anos.

 

65. Sancións.

1. As accións ou omisións constitutivas de infraccións, segundo o previsto no artigo 64º deste decreto, serán obxecto das sancións administrativas correspondentes, logo de instrucción do oportuno procedemento, sen prexuízo das responsabilidades civís, penais ou doutra orde que poidan ocorrer. O procedemento para a imposición de sancións axustarase ós principios establecidos no título IX da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As infraccións a que se refire o artigo 64º do presente decreto serán sancionadas con multa de acordo coa gradación establecida no artigo 36 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade.

Nos supostos de infraccións moi graves, poderá ser acordado polo Consello da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 36.2 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, o peche temporal do establecemento, instalación ou servicio por un prazo máximo de cinco anos.

3. Non terá carácter de sanción a clausura ou peche do establecemento ou instalacións que non conten coas previas autorizacións ou rexistros sanitarios preceptivos, ou a suspensión do seu funcionamento ata tanto se emenden os defectos, ou se cumpran os requisitos esixidos por razóns de sanidade, hixiene ou seguridade.

 

66. Órganos competentes para a imposición de sancións.

Os órganos competentes para a imposición de sancións e medidas a que se refire o presente regulamento, sen prexuízo das facultades que lle sexan conferidas por outras disposicións son:

1. Os delegados provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, para a imposición de sancións cando a súa contía non exceda de cen mil pesetas (100.000 pesetas).

2. O director xeral de Saúde Pública para a imposición de sancións cando a súa contía estea comprendida entre cen mil unha pesetas (100.001 pesetas) e un millón de pesetas (1.000.000 de pesetas.).

3. O conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais cando a súa contía estea comprendida entre un millón unha pesetas (1.000.001 ptas.) e dous millóns cincocentas mil pesetas (2.500.000 ptas.).

4. O Consello da Xunta de Galicia para a imposición de sancións cando a súa contía sexa superior a dous millóns cincocentas mil pesetas (2.500.000 ptas.) e a clausura ou peche temporal de establecementos.

 

67. Peche temporal do establecemento, instalación ou servicios.

Nos supostos de infraccións moi graves poderá ser acordado polo Consello da Xunta de Galicia o peche temporal do establecemento, instalación ou servicio polo prazo máximo de cinco anos.

 

CAPÍTULO XI

 

Recursos

 

68. Órgano competente.

Contra as resolucións que ó abeiro do presente regulamento dicten os delegados provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e o director xeral de Saúde Pública, poderase interpor recurso ordinario no prazo dun mes ante o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, conforme o disposto nos artigos 107.1º e 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Vease también