Información Xeral

Información Xeral

Tarxeta Sanitaria é un sistema de información tanto da cidadanía como de recursos sanitarios. É o sistema de referencia para a Consellería de Sanidade e para o Servizo Galego de Saúde.
Teléfono de Tarxeta Sanitaria de información á cidadanía
Para calquera dúbida relacionada con temas de tarxeta sanitaria os/as cidadáns/ás poden contactar co Teléfono de Tarxeta Sanitaria de atención á cidadanía 981 569 540, de luns a venres, en horario de 8:00 a 21:00 horas.
Que é a tarxeta sanitaria?
É o documento que emiten os servizos de saúde das comunidades autónomas e que acredita o dereito á asistencia sanitaria pública aos asegurados/beneficiarios recoñecidos polo Instituto Nacional da Seguridade Social ou polo Instituto Social da Mariña, facilitando o acceso aos centros sanitarios do Sistema Nacional de Saúde.
 
A tarxeta sanitaria galega está vixente mentres o/a cidadán/á consta de alta no Sistema de Información de Tarxeta Sanitaria, sendo dito sistema de información o que realmente pode acreditar o dereito á asistencia sanitaria pública, sinalando a tarxeta sanitaria en vigor, independente da data de caducidade, pois dende febreiro de 2011 a tarxeta sanitaria galega non caduca.
 
Todo isto é posible debido ao desenvolvemento da tecnoloxía da información (TI), que conlevou a informatización de todos os nosos centros de saúde, centros hospitalarios, unidades de urxencia... e a integración dos aplicativos da Consellería de Sanidade/Servizo Galego de Saúde co Sistema de Información de Tarxeta Sanitaria Galega.
Onde usar a tarxeta sanitaria
O/A cidadán/á debe levar a tarxeta sanitaria cando acuda a calquera centro sanitario do Servizo Galego de Saúde e á oficina de farmacia para mercar os medicamentos, sempre acompañada do seu documento identificativo.
 
Así mesmo, é valida para recibir asistencia sanitaria nos centros sanitarios do Sistema Nacional de Saúde.
Quen pode solicitar a tarxeta sanitaria galega?
Calquera cidadán/á empadroado/a en Galicia que teña recoñecido polo Instituto Nacional da Seguridade Social/Instituto Social da Mariña o dereito á asistencia sanitaria, coa condición de asegurado/beneficiario.
Onde solicitar a tarxeta sanitaria galega?
No centro de saúde máis próximo a seu domicilio ou tamén a través da páxina web da Consellería de Sanidade/Servizo Galego de Saúde na dirección www.sergas.es, sempre que o/a cidadán/á posúa certificado dixital ou DNI electrónico.
Documentación necesaria para solicitala
Documento identificativo (DNI, pasaporte. . . ).
Certificado/volante conxunto de empadroamento nun concello de Galicia.
Documento de recoñecemento do dereito á asistencia sanitaria emitido polo Instituto Nacional da Seguridade Social/Instituto Social da Mariña.
 
En caso de beneficiarios menores de idade que non posúan documento identificativo, deberán presentar o libro de familia.
Recomendacións para a súa conservación
Non se debe dobrar, raiar, poñela en contacto con imáns, nin colocala sobre aparatos conectados á corrente eléctrica.
A caducidade da tarxeta sanitaria galega
A tarxeta sanitaria está vixente mentres o cidadán /á consta de alta no Sistema de Información de Tarxeta Sanitaria. Dende o ano 2011, as tarxetas sanitarias que caducan a partir do 1 de febreiro seguen vixentes como documento acreditativo.
 
Dende setembro de 2014 a tarxeta sanitaria galega está adaptada ao novo formato de tarxeta sanitaria nacional, coexistindo os dous modelos ata a substitución de todas as tarxetas sanitarias do antigo formato en circulación.
Que facer se non lle chega a tarxeta sanitaria?
Se vostede solicitou a tarxeta sanitaria galega por primeira vez ou a solicitou por outros motivos (erros nos datos persoais, perda ou extravío. . .) e non a recibiu no prazo de dous meses, pode poñerse en contacto co seu centro de saúde ou co Teléfono de Tarxeta Sanitaria de atención á cidadanía 981 569 540, onde consultaremos o estado da súa tarxeta e lle informaremos.