Shigelose

Shigelose

A shigelose é unha enfermidade bacteriana aguda que afecta ao intestino delgado e ao colon. Caracterízase por producir unha diarrea inicialmente acuosa e voluminosa que despois se torna sanguenta, con febre, náuseas e algunhas veces toxemia, vómitos, cambras e tenesmo. Nos casos típicos cursa con disentería, síndrome diarreica acompañada por sangue e moco, con tenesmo ou dor, como resultado da ulceración da mucosa e da confluencia de microabcesos das criptas cólicas causados pola invasión de microorganismos. Tamén poden darse cadros asintomáticos e leves. A gravidade do cadro depende da susceptibilidade do hóspede e do serotipo da Shigella.

O home é o principal reservatario, mais tamén se viu nalgúns primates. Pódese transmitir por contacto directo, vía fecal-oral, entre unha persoa infectada e unha persoa susceptible, que inclúe a transmisión sexual (ligada a prácticas oro-anais e oro-xenitais), ou por mecanismo indirecto a través da inxestión de auga ou alimentos contaminados. As moscas tamén poden actuar como vehículo de transmisión contaminando os alimentos. A dose infectiva é moi baixa, entre 10-100 células.

Presenta unha transmisibilidade moderada cunha taxa de ataque secundario intrafamiliar ata o 33 %. A transmisión persiste durante todo o período no que se excreten os microorganismos nas feces, que adoita durar ata catro semanas despois da enfermidade. As persoas asintomáticas poden transmitir a infección. O estado de portador adoita ser de curta duración, pero nalgúns casos dura meses.

O período de incubación normalmente oscila entre 12-96 horas e pode chegar ata 7 días no caso de S. dysenteriae  tipo 1. A enfermidade adoita ser autolimitada, cunha duración media de 4 a 7 días.

Nos países desenvolvidos, a enfermidade é máis frecuente nos nenos de garderías, viaxeiros procedentes de países endémicos, xente institucionalizada e homes que teñen sexo con homes (HSH). S. sonnei  é a especie máis común en países desenvolvidos, mentres que S. flexneri  (persiste na auga durante moitos meses) e S. dysenteriae  son máis comúns en países en desenvolvemento e esta última é responsable da maior parte dos brotes. Shigella boydii  é pouco frecuente (1 ou 2 % dos casos) e atópase principalmente nas augas na India

Na última década viuse un cambio na distribución dos casos por xénero, que é maior en varóns nos países desenvolvidos. En Londres-Reino Unido, durante o 2015, o 50 % dos casos notificados foron nos varóns entre 16-60 anos que non tiñan antecedentes de viaxe. Noutros países, como Alemaña, Reino Unido e os Estados Unidos notificáronse abrochos en HSH.

Ademais, se está a observar a emerxencia de cepas de Shigella spp. Resistentes a antibióticos de primeira e incluso segunda liña, principalmente a azitromicina e/ou quinolonas.

Non se recomenda a antibioticoterapia nos casos leves a moderados, só se recomenda naqueles casos graves e nos inmunodeprimidos. A elección do antibiótico dependerá da sensibilidade do microorganismo. Está contraindicado o uso de axentes antimotilidade xa que poden prolongar a enfermidade nos nenos, tampouco se recomendan nos adultos, ademais dun maior risco de síndrome hemolítica urémica (SHU).