XERMOLA (Plan para prevención da obesidade infantil en Galicia)

XERMOLA (Plan para prevención da obesidade infantil en Galicia)

En abril de 2013, o Parlamento de Galicia instou a Xunta de Galicia, a través dunha proposición non de lei en pleno a que “se elabore e poña en marcha un plan de loita contra a obesidade infantil, aliñado coa estratexia da Organización Mundial da Saúde, a Unión Europea e o Goberno do Estado que, liderado pola Consellería de Sanidade e coa colaboración de todos os departamentos da Xunta de Galicia que sexa preciso, permita garantir o mellor nivel de saúde presente e futura dos nosos nenos e nenas”.

Este documento, elaborado baixo o liderado da Consellería de Sanidade, é a resposta do Goberno da Xunta de Galicia a este requirimento, e ten por obxectivo ordenar as iniciativas para loitar contra un dos maiores problemas de saúde que temos por diante, que ameaza a saúde actual e futura das novas xeracións de galegas e galegos.

Tras un proceso de análise profunda do que se veu en chamar a epidemia do século XXI, puxéronse en marcha 5 grupos de traballo, baixo a coordinación de senllos profesionais de recoñecido prestixio, que reuniron a case 50 expertos. Ademais, deseñouse e executouse un estudo de prevalencia de sobrepeso e obesidade nos nosos mozos e mozas, cuxos primeiros datos, aínda preliminares pero xa consistentes, apuntan a que polo menos un terzo deles sofren sobrepeso ou obesidade.

O Plan de prevención da obesidade infantil, que denominamos ‘Plan Xermola’ e que teño o pracer de presentar é o resultado do traballo destes grupos. Concrétase en 13 liñas de acción e 34 intervencións agrupadas en cinco estratexias, que cobren, desde o principio da multisectorialidade, practicamente todos aqueles aspectos que, coa evidencia actual, poden influír na loita contra a obesidade infantil.

Tamén asume, e creo que é importante, que, aínda que o abano de expertos que participou na súa elaboración é extraordinariamente amplo, resulta imposible recoller todas as achegas de valor que se poden facer, polo que será unha iniciativa sempre aberta a novas achegas, iso si, e como é natural, coa condición de que sexan debidamente xustificadas.

Remato trasladando o meu agradecemento a todas as persoas, institucións e empresas, que contribuíron coa súa experiencia á redacción do Plan Xermola, ao tempo que solicito un esforzo colectivo para conseguir desenvolver as iniciativas que contén para que, entre todos, consigamos os obxectivos propostos.​