Recomendacións para as persoas que viaxen aos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de Río de Xaneiro

Recomendacións para as persoas que viaxen aos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de Río de Xaneiro

Recomendacións para as persoas que viaxen aos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de Río de Xaneiro (agosto-setembro 2016)

Se vostede vai viaxar aos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de Río de Xaneiro, deberá ter en conta as recomendacións sanitarias, ademais das de seguridade persoal. Pode consultar as recomendacións para este país e este evento na páxina do Ministerio de asuntos Exteriores e Cooperación e no Ministerio de Sanidade Servizos Sociais e Igualdade.

 

Antes de viaxar

Consulte nun centro de vacinación internacional (CVI) [ligazón] con tempo, polo menos de 4 a 6 semanas antes da viaxe, para que lle informen sobre as vacinas necesarias e sobre as medidas para previr outras enfermidades, como as gastrointestinais, malaria ou as de transmisión sexual.

Para a asistencia sanitaria no Brasil, se está cuberto pola seguridade social consulte no Instituto Nacional da Seguridade Social. Se ten outro tipo de seguro sanitario diríxase ao organismo/empresa que o xestione.

Mentres estea no Brasil

Ademais das medidas que lle indiquen no CVI debe:

• Evitar o contacto con animais, incluídos cans e gatos, xa que no Brasil existe rabia. Se mentres está alí resulta trabado por calquera animal consulte cun médico rapidamente, xa que será necesario coñecer se precisa a profilaxe post exposición fronte a rabia, segundo o animal de que se trate.

• Tomar medidas para diminuír o risco das enfermidades gastrointestinais, entre outras:
     - Lavar frecuentemente de mans; beber auga e outras bebidas, como zumes, embotelladas; empregar xeo industrial; procurar comer comidas que se sirvan ben quentes; consumir a carne e o peixe ben cociñados; evitar as verduras e froitas crúas que non saiba que están desinfectadas ou se poidan mondar.
     - Ter en conta as condicións xerais de hixiene do local se pretende consumir produtos locais comúns, como zumes de froitas recen feitos, auga de coco, bebidas e cócteis. Evitar consumir alimentos e bebidas de venda na rúa.

• Evitar comportamentos sexuais de risco para diminuír a posibilidade de adquirir enfermidades de transmisión sexual. Utilice preservativo nas relacións sexuais.

• Protexerse contra as picaduras de mosquitos e utilizar repelentes [ligazón].

• A respecto do Zika:  a pesar de que na época dos xogos no Brasil (agás en Manaus) pode diminuír a poboación de mosquitos, a enfermidade aínda se pode transmitir, polo que, ademais da recomendación de protexerse contra as picaduras dos mosquitos, recoméndase:
     - As mulleres embarazadas ou que teñan planeado estalo deben considerar a posibilidade de non viaxar.
     - Os homes deben lembrar que o uso do condón evita a transmisión sexual desta enfermidade.

• A deshidratación, e outras enfermidades relacionadas co calor, son frecuentes nos eventos deportivos polo que deberá beber abundante auga (envasada) e protexerse do sol.

 

A volta da viaxe

• Se presenta febre, diarrea persistente ou algún síntoma dalgunha das enfermidades transmitidas por mosquitos, como dengue, chikungunya ou zika [ligazón], indique ao médico que estivo de viaxe no Brasil e a data de regreso, as actividades que realizou, tipo de comidas e bebidas que consumiu, etc.

• Os homes, para evitar a posible transmisión sexual do zika, dende o regreso deben usar condón nas relacións sexuais:
     - Se a súa parella está embarazada, durante todo o embarazo. 
     - Se non está embarazada, deben usalo durante 8 semanas se non presentaron síntomas da enfermidade, e 6 meses se presentaron síntomas.

• As mulleres que non presentaron síntomas deben esperar, polo menos, 8 semanas dende a chegada da viaxe para quedar embarazadas; e se presentaron síntomas, 8 semanas dende o seu inicio.

• Se tivo que ser ingresado nun hospital no Brasil, e no ano que segue a ese ingreso ten que ser hospitalizado aquí, comunique este feito para avaliar a posible adquisición dunha bacteria multirresistente aos  antibióticos e así evitar a súa difusión.