Vacinación da hepatite A

Vacinación da hepatite A

Que é a hepatite A?

É unha inflamación do fígado causada pola infección do virus da hepatite A (VHA). Este virus adoita transmitirse por vía oral (auga e alimentos contaminados) pero tamén se pode transmitir mediante prácticas sexuais como o sexo oral (boca-pene ou boca-ano) con persoas enfermas con hepatite A.

Cales son os síntomas da hepatite A?

Cansazo extremo.
Ouriños escuros ou feces branqueadas.
Diarrea e/ou dor abdominal.
Náuseas.
Proído na pel.
Ictericia, é dicir, a pel e a conxuntiva (parte branca dos ollos) póñense amarelos.

Epidemioloxía

Actualmente segue activo un abrocho ("brote") de hepatite A que empezou en 2016. Os homes que teñen sexo con homes (HSH) seguen a ser un grupo importante de afectados. No que vai de 2018, declaráronse 11 casos (o ano pasado, no mesmo momento temporal declaráronse 16 casos).

 

 

vacinacion_hepatite_A.png
 

 

A hepatite A é unha enfermidade que se pode previr mediante a vacinación e as medidas hixiénicas axeitadas.

Vacinación:

Unha vez solucionado, por parte das compañías farmacéuticas, o problema de desabastecemento da vacina fronte á hepatite A de adultos, restableceuse a vacinación fronte a esta enfermidade do xeito habitual. Por iso, é importante completar as pautas de vacinación interrompidas polo desabastecemento, administrándose a segunda dose se transcorreron polo menos 6 meses dende a primeira dose.

Os homes que teñen sexo con homes e teñen múltiples parellas ou tiveron sexo con persoas prostituídas son un grupo no que está indicada a vacinación de hepatite A. Esta vacina pode solicitarse nos centros de saúde do sistema sanitario galego. O/A médico/a valorará a indicación da vacinación en función de diversos factores individuais.

Pódese consultar máis información sobre as novidades na vacinación do VHA na seguinte ligazón: https://www.sergas.es/Saude-publica/Documents/5018/Restablecemento_HEPATITE-A.pdf

Medidas hixiénicas:

- Lavar sempre as mans despois de ir ao baño.
- Lavar sempre as mans antes e despois de manipular e consumir alimentos.
- Lavar as mans antes e despois de manter relacións sexuais.
- Utilizar protección nas relacións sexuais: usar luvas de látex cando se introducen os dedos ou a man no ano (fisting), usar unha lámina de látex (tipo Dental Dam) ou un preservativo cortado en forma de cadrado para o sexo oro-anal (boca-ano).
- Utilizar un preservativo novo con cada persoa e un preservativo diferente para cada relación sexual (incluído o sexo oral).
- Cubrir cun condón novo calquera obxecto (xoguetes sexuais...) que se utilice nas relacións sexuais.