Manifesto do Día Mundial da Sida 2017

Manifesto do Día Mundial da Sida 2017

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO DÍA MUNDIAL DA SIDA 2017

En 1988 a Organización Mundial da Saúde (OMS) propuxo o 1 de decembro de todos os anos como o Día Mundial contra a Sida, que foi apoiado pola Asemblea Mundial da Saúde e pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas. Desde ese ano ata 2004 ONUSIDA foi a encargada de organizar este evento para visibilizar e dar conta da evolución deste problema de saúde. A esta campaña adheríronse a maioría dos países, as administracións e servizos sanitarios e un numeroso e activo entorno de organizacións sociais que participan na loita contra esta epidemia. 

No ano 2005 ONUSIDA delega na organización independente Campaña Mundial contra a Sida todas as actividades relacionadas con esta campaña divulgativa. Este ano 2017 a campaña, Día Mundial da Sida, ten o lema: A MIÑA SAÚDE, O MEU DEREITO.

Desde o principio da epidemia houbo a nivel mundial unha forte chamada a que todas as persoas afectadas tivesen dereito a asistencia sanitaria, incluíndo o acceso aos tratamentos antirretrovirais. O dereito a información sobre os mecanismos de transmisión da infección polo VIH así como os métodos de prevención. O dereito a intimidade e a non discriminación das persoas afectadas e das máis vulnerables a esta infección.

A día de hoxe, a situación en Galicia con respecto á infección polo VIH está mostrando unha tendencia favorable na súa evolución diminuíndo o número de casos desde o ano 2014, o que nos fai ser optimistas de cara ao futuro. A diminución é especialmente notable nos casos nos que o seu mecanismo de transmisión son as relacións sexuais desprotexidas. A importancia do tratamento antirretroviral neste fenómeno de diminución do risco de transmisión unido ás prácticas sexuais protexidas vainos permitir avanzar e consolidar nos próximos anos esta boa tendencia.

Exercitar e participar dos nosos dereitos á saúde contribuirá dun modo decidido para acadar mellores resultados no obxectivo común de ganar un futuro sen sida e sen infección polo VIH. Esa última etapa da infección polo VIH que constitúe a Síndrome de Inmunodeficiencia Adquirida (SIDA) mostra xa na nosa Comunidade cifras moi favorables pola diminución constante que presenta desde fai 20 anos. O reto agora é mellorar o diagnóstico precoz das persoas que están infectadas polo VIH e que descoñecen a súa infección. En Galicia acabamos de aprobar unhas ambiciosas recomendacións para diagnosticar a esas persoas e aportarlles os beneficios que aportan os tratamentos. Ofertarase a realización da proba de VIH nos centros sanitarios a miles de persoas para que poidan beneficiarse dun diagnóstico precoz e dun tratamento precoz.

Por ti, pola xente que queres, por todos; fai a proba do VIH. A túa saúde, o teu dereito ¡exercítao!.

 

1 de decembro de 2017