Manifesto do Día Mundial da Sida 2020

Manifesto do Día Mundial da Sida 2020

MANIFESTO DO DÍA MUNDIAL DA SIDA. Galicia 2020.

Iniciamos este ano 2020 cunha nova pandemia desencadeada polo SARS-Cov-2, que está centrando todos os esforzos sanitarios, políticos, económicos e sociais en dar resposta a este importante desafío. A pesar da prioridade que representa neste momento a epidemia polo Covid-19, tamén temos que seguir mantendo as actividades fronte a outras ameazas como é o VIH, que foi a gran pandemia de finais do século pasado e que hoxe, pese a seguir sendo un importante problema de saúde, afortunadamente, conseguíronse grandes melloras que nos permiten albiscar un futuro prometedor nesta próxima década que estamos a punto de comezar.

A epidemia de VIH, que estimase, se iniciou nos arredores da cidade de Kinshasa en data indeterminada do século pasado; estendeuse primeiro ao resto de África e logo ao resto do mundo, ocasionando dende o seu inicio arredor de 30 millóns de falecidos. Aínda no 2019, 690.000 persoas morreron no mundo a causa da sida.

Desde o diagnóstico dos primeiros casos en 1981, as medidas de prevención supuxeron un importante freo á expansión da infección cando non se dispoñía doutras ferramentas; pero o descubrimento dos fármacos antirretrovirais de gran actividade, a partir de 1995, supuxo o inicio do control acelerado desta devastadora enfermidade. O seu decisivo papel na marcada redución da mortalidade e tamén na redución da transmisibilidade, conseguiu un camiño de esperanza de controlar a pandemia a nivel global sen dispor, polo momento, dun tratamento curativo nin dunha vacina eficaz.

Os obxectivos marcados por ONUSIDA, a axencia das Nacións Unidas para a Sida, na Estratexia 90-90-90 van a permitir que ao final de 2020 en moitos países, incluída a nosa Comunidade Autónoma, se consiga que se diagnostiquen ao 90 % das persoas infectadas, que reciban tratamento antirretroviral(TAR) o 90 % das persoas diagnosticadas e que o 90% das persoas tratadas manteñan a súa carga viral indetectable. Conseguir este obxectivo vai a supoñer para os pacientes, ainda que teñan a súa infección de modo crónico, que non se deteriore o seu sistema inmunitario e que tampouco transmitan a súa infección aos seus contactos sexuais. A rotura da cadea epidemiolóxica de transmisión evita con elo que novas persoas se infecten co VIH.

O lema de ONUSIDA para este ano 2020 é “Solidariedade global. Responsabilidade compartida”, un lema que pon en valor dous conceptos fundamentais para lograr vencer unha pandemia, no caso do VIH a solidariedade global esta permitindo que a maioría dos pacientes, incluso en países desfavorecidos, poidan contar co TAR. Tamén fai fincapé na importancia da responsabilidade compartida entre todos e todas, na implementación das medidas preventivas que impiden a transmisión da infección. O traballo da saúde pública e da asistencia sanitaria así como as directrices da autoridade sanitaria precisan da responsabilidade compartida no control de calquera epidemia.

Neste 2020 queremos compartir con vós esta mensaxe en positivo de ONUSIDA, para camiñar decididos cara a fin da pandemia da Sida.