ChemSex

ChemSex

CHEMSEX E SLAMMING
O ChemSex é o uso intencionado de drogas para ter relacións sexuais durante un longo período de tempo. En España, os termos equivalentes a ChemSex son sesión, morbo e vicio, festa, colocón, etc. Esta práctica pódese facer con moitas drogas como a anfetamina e metanfetamina, tenamfetamina, MDMA, ketamina, ácido gammahidroxibutírico, cocaína, Viagra, mefedrona, etc.
 
Riscos para a saúde provocados polo ChemSex
O sexo mantido durante horas pode producir irritación ou feridas en ano, mucosa intestinal ou pene, o que aumenta as probabilidades de transmisión do VIH ou de calquera outra ITS.
Ademais, a maior tempo de consumo de drogas maiores probabilidades de trastornos físicos (neurolóxicos, cardiovasculares, respiratorios, ...), psiquiátricos (paranoia, delirios, ansiedade, angustia, depresión, ...), psicolóxicos (alteracións da memoria, aprendizaxe, emocionais como a vergonza, culpa, ...), sociais (comportamentos non axeitados en grupo que causen rexeitamento, conflitos familiares, laborais, ...), intoxicación, sobredose ou morte.
 
Condutas sexuais de risco vencelladas ao ChemSex
O consumo de drogas ten un efecto inicial desinhibidor que causa deterioro do xuízo e da capacidade de tomar decisións acertadas. Iso facilita condutas de risco que, de estar en plena capacidade para razoar, serían evitadas. Exemplos de condutas sexuais de risco son o sexo oral ou anal sen preservativo con parellas ocasionais, o fisting, felching, gangbang e as relacións non desexadas ou plenamente consentidas.
 
Vías de consumo
As drogas poden consumirse por diferentes vías como a oral, fumada, esnifada, rectal e tamén inxectada (slamming). Neste último caso, a probabilidade de infectarse do VIH, do VHB ou do VHC é moito maior, por iso nas persoas que se inxectan drogas recoméndase non compartir nunca material de inxección de drogas para reducir riscos.
 
Redución de riscos no slamming
A infección polo VIH ou polo virus da hepatite C ou B, son algunhas das consecuencias máis graves de inxectarse drogas. Por iso, as persoas que se inxectan droga deben empregar sempre material de inxección estéril e non compartir nunca este material. Os paquetes de inxección hixiénica poden comprarse en numerosas farmacias galegas ou pode facerse intercambio gratuíto de xiringas nas unidades de asistencia á drogodependencia (UAD) de Concellos, nalgunhas farmacias e nos locais dalgunhas ONG. Nesta ligazón podes coñecer todos os locais que fan intercambio gratuíto de xiringas: http://www.sergas.es/Saude-publica/Puntos-intercambio-xiringas
 
Efectos das drogas
Son moi diversos e afectan a todas as esferas da saúde e da vida. A modo de exemplo, informámosvos dalgúns dos efectos do consumo da cocaína, do alcohol e do cannabis na mocidade.
 
Cocaína
O consumo habitual da cocaína ou abusivo de cocaína (sobre todo en idades moi novas), ademais dunha forte dependencia pode provocar:
- trastornos de atención e concentración
- problemas de sono
- ideas paranoides, depresión ou crises de angustia.
 
Alcohol
O seu consumo, intenso e concentrado en fins de semana pode causar:
- danos cerebrais con problemas de memoria e aprendizaxe
- alteracións no proceso de crecemento
- aumenta as posibilidades de desenvolver un consumo abusivo ou dependencia na idade adulta.
 
Cannabis
O seu consumo continuado (incluso menos de 5 anos) pode causar:
- ataques de pánico
- alteracións da memoria
- tristeza, apatía ou depresión.
 
Para máis información sobre drogas podes pulsar na seguinte ligazón: http://www.sergas.es/Saude-publica/Información-sobre-drogas