Sífilis

Sífilis

Que é a sífilis?

É unha infección de transmisión sexual producida por unha bacteria chamada Treponema Pallidum.


Epidemioloxía

Segundo a OMS, inféctanse anualmente co Treponema Pallidum  case 11 millóns de persoas. Na Unión Europea os casos en homes foron case 4 veces máis frecuentes ca nas mulleres. Naqueles casos con información sobre a vía de transmisión, máis do 40% dos novos casos de sífilis producíronse por relacións sexuais entre homes; e un de cada 6 casos producíronse en mocidade de 15 a 24 anos de idade.


Gráfico: Taxa de incidencia de sífilis (casos/100.000 hab) en Galicia (1984-2015) e número de casos de sífilis conxénita en Galicia (1997-2014).

 

Sifilis_marzo_2018.png

 

 

Sintomatoloxía

Existen 4 etapas da infección:

1. Sífilis primaria:

Nesta etapa aparece unha úlcera (denominada chancro), de bordos duros e non dolorosa. Esta úlcera aparece na parte do corpo que estivo en contacto coa bacteria, xeralmente de 2-3 semanas despois de ter relacións sexuais cunha persoa infectada. Adoita localizarse con máis frecuencia no pene, vulva, vaxina ou ano. Ocasionalmente poden aparecer úlceras na boca ou beizos que poden ser dolorosas. É posible que a úlcera pase desapercibida dependendo da súa localización. Desaparece soa nun prazo máximo de 6 semanas. Esta úlcera é unha importante vía de transmisión da sífilis ás parellas sexuais.

2. Sífilis secundaria:

Se non se diagnostica e se recibe tratamento, a enfermidade progresa a esta fase debido á multiplicación de bacterias no sangue. Adoita producirse de 3-6 semanas despois da aparición da úlcera da sífilis primaria (chancro). Os seus síntomas inclúen erupción cutánea, que a miúdo afecta ás palmas das mans e plantas dos pés, inflamación localizada na zona xenital, manchas brancas na boca e glándulas inflamadas. Menos frecuentemente existe perda irregular de cabelo (alopecia), xordeira, problemas oculares, afectación hepática, renal ou neurolóxica.
A sífilis secundaria é altamente transmisible para as parellas sexuais durante as relacións sexuais non protexidas. Sen tratamento, a erupción e outros síntomas da sífilis secundaria adoitan desaparecer despois de varias semanas, aínda que a enfermidade non curou e progresa á seguinte fase.

3. Sífilis latente:

Cando os síntomas da sífilis secundaria desapareceron, é posible que non se produzan síntomas durante varios anos, pero a infección está presente e pode detectarse a través dunha analítica de sangue.

4. Sífilis terciaria:

Aproximadamente 1 de cada 10 persoas con sífilis non tratada desenvolverá graves problemas neurolóxicos, lesións de osos, articulacións e importantes lesións cardíacas, incluso moitos anos despois da infección.


Transmisión

A sífilis transmítese mediante as relacións sexuais sen preservativo cunha persoa que ten a infección, a través de sexo anal, vaxinal ou polo sexo oral. Aínda que unha persoa tivera sífilis no pasado e se tratara correctamente pode volver a infectarse porque esta infección non xera protección para toda a vida. Para previr a sífilis deben evitarse as relacións sexuais sen preservativo.


Proba de sífilis

Se tiveches relacións sexuais cunha persoa infectada de sífilis ou percibiches síntomas suxerentes de infección por sífilis debes acudir á consulta do teu médico/a de Atención Primaria para que valore a posibilidade de solicitarche probas diagnósticas específicas e prescribirche tratamento en caso de ser necesario. Tamén existen unhas probas rápidas de sífilis que podes realizar de xeito anónimo e gratuíto nos locais da ONG Médicos do mundo. Estas probas non son diagnósticas pero serven para saber se a persoa estivo infectada nalgún momento da súa vida pola bacteria que produce a síflis. Podes solicitar máis información sobre estas probas aquí:

Médicos del Mundo en Santiago de Compostela
Rúa Galeras, núm. 13, 2º, porta 6-7
Santiago de Compostela (A Coruña)
Horario: pedir cita
Tfno: 981 578 182, 600 581 754

Médicos del Mundo en A Coruña
Despacho 5 do Centro de Información á Muller
Rúa Hortensias, s/n
Barrio das flores
A Coruña
Horario: pedir cita
Tfno: 628 467 595

Médicos del Mundo en Vigo
Rúa Illas Baleares, núm. 15, baixo
36.203 Vigo (Pontevedra)
Horario: pedir cita
Tfno: 986 484 301

email: galicia@medicosdelmundo.org


Tratamento

A sífilis pode curarse mediante tratamento antibiótico específico.