Sífilis

Sífilis

Que é a sífilis?

É unha infección de transmisión sexual producida por unha bacteria chamada Treponema Pallidum.

Epidemioloxía

Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), en 2016 infectáronse co Treponema Pallidum máis de 6 millóns de persoas. Na Unión Europea, os casos de sífilis en homes foron 9 veces máis frecuentes ca nas mulleres, especialmente entre os 25 e 34 anos de idade. Naqueles casos con información sobre a vía de transmisión, case o 70% dos novos casos de sífilis producíronse por relacións sexuais entre homes. A sífilis está aumentando en Europa dende 2011, especialmente nos homes, principalmente debido a un aumento no número de casos por relacións sexuais sen preservativo entre homes que teñen sexo con outros homes.

Gráfico: Número de casos de sífilis confirmados por sexo, categoría de transmisión e ano de diagnóstico, Europa (2010-2017).

20191009-Grafico_sifilis.PNG
 

Fonte: Centro Europeo para a prevención e control de enfermidades.

MSM : homes que teñen sexo con homes
Heterosexual men : homes heterosexuais
Women : mulleres
Number of cases : Número de casos
Year : ano

 

Sintomatoloxía

Existen 4 etapas da infección:

1. Sífilis primaria:
Nesta etapa aparece unha úlcera (denominada chancro), de bordos duros e non dolorosa. Esta úlcera aparece na parte do corpo que estivo en contacto coa bacteria, xeralmente de 2-3 semanas despois de ter relacións sexuais cunha persoa infectada. Adoita localizarse con máis frecuencia no pene, vulva, vaxina ou ano. Ocasionalmente poden aparecer úlceras na boca ou beizos que poden ser dolorosas. É posible que a úlcera pase desapercibida dependendo da súa localización. Desaparece soa nun prazo máximo de 6 semanas. Esta úlcera é unha importante vía de transmisión da sífilis ás parellas sexuais.

2. Sífilis secundaria:
Se non se diagnostica nin se recibe tratamento, a enfermidade progresa a esta fase debido á multiplicación de bacterias no sangue. Adoita producirse de 3-6 semanas despois da aparición da úlcera da sífilis primaria (chancro). Os seus síntomas inclúen erupción cutánea, que a miúdo afecta ás palmas das mans e plantas dos pés, inflamación localizada na zona xenital, manchas brancas na boca e glándulas inflamadas. Menos frecuentemente existe perda irregular de cabelo (alopecia), xordeira, problemas oculares, afectación hepática, renal ou neurolóxica.
A sífilis secundaria é altamente transmisible para as parellas sexuais durante as relacións sexuais non protexidas. Sen tratamento, a erupción e outros síntomas da sífilis secundaria adoitan desaparecer despois de varias semanas, aínda que a enfermidade non curou e progresa á seguinte fase.

3. Sífilis latente:
Cando os síntomas da sífilis secundaria desapareceron, é posible que non se produzan síntomas durante varios anos, pero a infección está presente e pode detectarse a través dunha analítica de sangue.

4. Sífilis terciaria:
Aproximadamente 1 de cada 10 persoas con sífilis non tratada desenvolverá graves problemas neurolóxicos, lesións de osos, articulacións e importantes lesións cardíacas, incluso moitos anos despois da infección.

Transmisión

A sífilis transmítese mediante as relacións sexuais sen preservativo cunha persoa que ten a infección, a través de sexo anal, vaxinal ou polo sexo oral. Aínda que unha persoa tivera sífilis no pasado e se tratara correctamente pode volver a infectarse porque esta infección non xera protección para toda a vida. Para previr a sífilis deben evitarse as relacións sexuais sen preservativo.

Proba de sífilis

Se tiveches relacións sexuais cunha persoa infectada de sífilis ou percibiches síntomas suxerentes de infección por sífilis debes acudir á consulta do teu médico/a de Atención Primaria para que valore a posibilidade de solicitarche probas diagnósticas específicas e prescribirche tratamento en caso de ser necesario. Tamén existen unhas probas rápidas de sífilis que podes realizar de xeito anónimo e gratuíto nos locais da ONG Médicos do mundo. Estas probas non son diagnósticas pero serven para saber se a persoa estivo infectada nalgún momento da súa vida pola bacteria que produce a síflis.

Tratamento

A sífilis pode curarse mediante tratamento antibiótico específico.