Presentación

Presentación

SVEC-G: SISTEMA DE VIXILANCIA DAS ENFERMIDADES CRÓNICAS DE GALICIA

En Galicia, as enfermidades crónicas son a causa principal de mortalidade, morbilidade e gasto do sistema sanitario. A frecuencia destas enfermidades na poboación depende da presenza nela dos distintos factores que aumentan o risco de padecelas (factores de risco),  dos que evitan que ocorra (factores protectores) ou dos que, de ocorrer, fan que a enfermidade non sexa tan grave como tería sido de non concorreren (intervencións e prácticas preventivas).

O Sistema de vixilancia de enfermidades crónicas de Galicia (SVEC-G) integra información sobre indicadores que resumen a frecuencia e o impacto que na mortalidade teñen as enfermidades crónicas máis relevantes en Galicia. Tamén sobre os seus factores de risco e as intervencións e prácticas orientadas a reducir a súa incidencia e impacto na saúde da poboación. Todo isto faino coa intención de aproveitar a vantaxe que esta integración supón na identificación de problemas, establecemento de prioridades e avaliación das intervencións destinadas a modificar o curso desas enfermidades na poboación.

O SVEC-G artella a información arredor dun conxunto relevante de indicadores asociados a diferentes enfermidades e factores de risco. Estas enfermidades e os factores de risco foron seleccionados tanto pola súa frecuencia como pola dispoñibilidade de intervencións poboacionais orientadas a diminuír a súa incidencia ou a súa prevalencia. O SVEC-G concíbese coma un sistema dinámico no que co tempo se irán incorporando enfermidades e factores de risco.

No SVEC-G recóllese información sobre indicadores agrupados en 6 epígrafes: enfermidades cardiovasculares, diabetes, cancro, alcohol, tabaco e nutrición, actividade física e estatus ponderal. Dentro de cada epígrafe inclúense diferentes indicadores relacionados, ou ben coa enfermidade, ou ben co factor de risco ou protector contemplado.