Presentación

Presentación

SISTEMA DE INFORMACIÓN SOBRE CONDUTAS DE RISCO EN GALICIA

Hai xa décadas que se sabe que certas condutas das persoas son un factor determinante na orixe e no prognóstico de numerosas enfermidades, e cada unha desas condutas está presente na poboación cunha frecuencia dada, que pode variar co paso do tempo e ser diferente en distintos subgrupos definidos da poboación. Algunhas destas condutas son modificables, e hoxe en día disponse dunha serie de intervencións de saúde pública que poden favorecer un cambio, facendo que a súa frecuencia na poboación mude cara a unha frecuencia máis "saudable". De feito, a Dirección Xeral de Saúde Pública (DXSP) xa está a desenvolver unha serie de programas que teñen asumido como obxectivo xeral favorecer ese cambio. Malia todas as súas diferenzas, estas intervencións comparten a necesidade de información válida e precisa sobre a situación actual da conduta de interese e da súa distribución na poboación de Galicia, para avaliar a efectividade das intervencións que xa se están a desenvolver, detectar áreas de mellora e adaptar a intervención á situación producida polo seu propio impacto, e para deseñar novas intervencións. En poucas verbas, todos estes programas necesitan información para intervir.

Os programas precisan dispor dunha plataforma que garanta que os datos necesarios sexan recollidos axeitadamente coa periodicidade que lle convén a cada intervención, e que sexa flexible abondo para acoller as necesidades de información que vaian xurdindo co paso do tempo. Ao ser a intervención o obxectivo da colleita de datos, non serán precisos moitos para satisfacer as devanditas necesidades informativas; ora ben, a súa colleita ten que ser continua e mantida no tempo. Polo tanto é necesario que haxa un sistema estable, definido e accesible de enquisas periódicas. Para satisfacer esta necesidade, a DXSP creou o Sistema de Información sobre Condutas de Risco, SICRI, que ten as características que se describen neste documento.

Características do sistema de información sobre condutas de risco, SICRI

No ano 2005 a DXSP implantou o SICRI. Os primeiros anos de andadura, dende 2005 ata 2008, supuxeron un período de análise de diferentes alternativas coas que podería funcionar o sistema. Así ao longo destes anos o cambio na base empregada para a mostraxe, cambios no sistema de localización do enquisado, no grupo poboacional estudado ou no cuestionario non son máis que elementos na toma de decisións para a mellora futura do SICRI. (Ver ficha das enquisas en cada un dos estudos realizados).

Natureza. O SICRI é só un instrumento, e en esencia non se debe tomar como un sistema de vixilancia, porque nin selecciona nin conceptualiza os obxectos da súa atención. Esta selección e conceptualización a fan os programas que se serven do SICRI, e que dispoñen do seu propio sistema de vixilancia, do cal o SICRI só é un elemento máis. De todos os xeitos, isto non obsta para que o SICRI non poda chegar a servir como fonte de información, ou mesmo evolucionar, cara a un hipotético sistema de vixilancia de enfermidades non transmisibles, que integre datos sobre condutas de risco, de parámetros biolóxicos e das enfermidades consideradas; nin tampouco obsta para que o SICRI sexa unha das fontes de información de sistemas de indicadores de saúde.

Obxectivo. O SICRI ten por obxectivo satisfacer certas necesidades de información dos programas da DXSP que interveñen para promover condutas saudables na poboación de Galicia. Non entanto, aínda que o anterior é o obxectivo único do SICRI, polas súas características pode servir de fonte de información ocasional a outros programas da DXSP ou doutras unidades da Consellería de Sanidade, sempre que eses datos alleos teñan cabida e se acomoden ás características do SICRI.

Tipo de datos. O SICRI recollerá datos sobre condutas relacionadas coa saúde, sempre que non supoñan preguntas que se podan considerar sensibles ou delicadas, xa que con elas a autodeclaración simple non é un modo de obter información válida. Ora ben, aínda que os datos recollidos estarán principalmente referidos a condutas, poderanse recoller datos doutro tipo para os cales a autodeclaración simple é un modo axeitado de medición.

Estandarización. Como en calquera outra enquisa, os cuestionarios do SICRI conterán preguntas, conxuntos de preguntas e escalas coas que se clasificará a cada un dos enquisados nunha posición determinada de acordo a uns criterios de clasificación concretos. O SICRI proporá aos responsables dos programas as preguntas ou escalas a incluír na enquisa, acompañadas dun informe sobre a súa validez para medir o que se pretende medir, a súa validación nun contorno cultural e lingüístico asimilable ao de Galicia, e a súa compatibilidade coas preguntas e criterios de clasificación empregados ou propostos internacionalmente. En caso de que os programas dispoñan xa de toda esta información remitirana ao SICRI para que proceda á súa inclusión na enquisa. O obxectivo disto é, por unha banda, garantir a comparabilidade interna dos datos que o SICRI vaia producindo co paso do tempo e, por outra, garantir a comparabilidade externa cos datos producidos a nivel internacional. En caso de conflito entre os intereses do programa e as cuestións e criterios empregados con anterioridade polo SICRI, ou cos empregados ou recomendados a nivel internacional, primarán os intereses do programa, mais sempre se tentará de ampliar o cuestionario para que se podan obter resultados que sexan axeitados para o programa e para manter a comparabilidade interna e externa dos datos.

Representatividade. O SICRI seleccionará persoas a partir dun marco mostral concreto, coa intención de proporcionar datos representativos de 8 subpoboacións de Galicia: os homes e mulleres de 16 a 24, de 25 a 44, de 45 a 64 e de 65 ou máis anos de idade. Por mor de que a estacionalidade pode influír en diferentes condutas que seestudan no SICRI esta será tida en conta na planificación do traballo de campo. Se ben valorouse realizar a enquisa en dous períodos temporais, parece mais axeitado planificar o SICRI como un sistema de recollida continua de información, isto é facer un número determinado de enquisas durante todos os meses do ano. A pesares de que nos meses de Xullo e de Agosto a localización dos enquisados pode estar condicionada polo feito do abandono do domicilio asociado ás vacacións, non se definirán estes meses coma non hábiles para o traballo de campo. A información recollida durante estes dous meses servirá para analizar a posible existencia de variables poboacionais que sexan as que condicionen os resultados obtidos.

Control de calidade. O SICRI, ao definir como se vai a realizar o traballo de campo de cada enquisa daralle unha consideración prioritaria aos esforzos (tipo, frecuencia) que se fagan por localizar e entrevistar ás persoas seleccionadas, e aos que se fagan para garantir que as persoas seleccionadas foron realmente entrevistadas e que as respostas que se rexistraron foron as que realmente se deron. Asemade, o sistema electrónico no que queden rexistradas as respostas deberá contar con mecanismos de validación que fagan imposible que se rexistre algunha resposta "imposible". Disponse dunha táboa de incidencias estándar, á que se lle poderán facer modificacións en función de características específicas do estudo.

Ciclos de enquisas. Un ciclo de enquisas é unha combinación de poboación enquisada e temas a tratar. Cada ciclo de enquisas precisa de información das 8 subpoboacións de Galicia. O ciclo comprenderá 12 estudos realizados en cada un dos meses do ano.

O cuestionario será o mesmo en cada mes, a non ser que por motivos excepcionais fose preciso incluír algunhas preguntas. Se fose necesario ter información polo miúdo dalgunha das subpoboacións, o tamaño mostral de esta sobredimensionaríase. A pesares de que as enquisas se realizarán mensualmente, os datos agregaranse para a posterior análise, e serán analizados todos xuntos.

Programación. Para programar as enquisas do SICRI procederase do xeito seguinte: decidir os temas que se queren tratar inicialmente, determinar se hai que sobredimensionar unha poboación, a posibilidade de ter en conta variacións no cuestionario en función do momento no que se vai a facer a enquisa e a periodicidade coa que se queren obter. Os contidos de cada ciclo non se pecharán ata o intre mesmo no que comece o ciclo, de xeito tal que se xorden necesidades urxentes de información a programación, toda poda ser reformulada atendendo a este e aos intereses informativos previamente comprometidos.

Organización. O SICRI organízase ao redor dun grupo de traballo formado por membros dos servizos de epidemioloxía, do que dependerá o mantemento do SICRI, de estilos de vida saudables, do de programas poboacionais de cribado, do de control de enfermidades trasmisibles e do de seguridade alimentaria, todos da DXSP.