Radon

Radon

O radon é un gas nobre, polo tanto inerte (non reacciona con outros elementos químicos), é incoloro, inodoro e insípido, tamén é soluble en auga e o seu símbolo químico é o Rn. O radon é radioactivo, é dicir, os seus átomos convértense, de xeito espontáneo, en átomos doutros elementos químicos.

Fórmase de xeito natural pola desintegración do uranio que existe nas rochas e no chan. Este proceso de desintegración ocorre na terra dende hai miles de millóns de anos, chámase cadea de desintegración natural do uranio. O radon é a fonte natural máis importante na exposición a radiación ionízante.

 

 

radon.png

 

 

 

Que efectos ten na nosa saúde a exposición ó radon?

A axencia Internacional de Investigación sobre o Cancro (International Agency for Research on Cancer, IARC), pertencente á Organización Mundial da Saúde (OMS), clasifica o radon como grupo 1, o que significa que está demostrado que é canceríxeno para os humanos.

Cando o radon pasa ao aire, podemos inhalalo ao respirar. Unha vez no interior do corpo, fíxase aos tecidos do pulmón e continúa desintegrándose, emitindo partículas que poden danar as células. Este proceso supón un factor de risco para a formación de cancros de pulmón que, ademais, se ve aumentado no caso de que vostede sexa fumador.

De que depende que o radon chegue a producir un cancro?

Os factores que inflúen en que se poida desenvolver un cancro van ser:

• a cantidade de radon que exista nos lugares onde se habita (vivendas, escolas, lugares de traballo).
• o tempo que dure a nosa estancia neses lugares.
• a susceptibilidade propia da persoa a contraer cancro.
• se vostede é fumador ou ex-fumador. A interacción entre o tabaco e o radon é tan forte que o risco de padecer cancro de pulmón multiplicase por 20 cando se dan ambos factores xuntos.

 

Mapas de Radon

Polo tipo de chan de moitas zonas galegas, rico en uranio, existe unha probabilidade alta de emanación de radon e, se se dan as condicións axeitadas, pode alcanzar concentracións elevadas en algunhas das vivendas de Galicia.

Esta probabilidade é maior en certas zonas. As concentracións de radon nunha vivenda ou nun edificio en xeral, varían de maneira substancial coa situación xeográfica. Dado o gran número de factores implicados, é moi difícil predicir se os niveis deste gas serán elevados nunha vivenda concreta. De aí que o mellor xeito de coñecer se hai unha concentración elevada sexa medir o radon presente no domicilio.

Non obstante, é posible coñecer a maior ou menor probabilidade de presenza do gas facendo mapas que reflicten, en xeral, a maior ou menor emanación do gas en zonas concretas, aínda que non sexan substitutos directos do que se espera atopar nun domicilio concreto. É por esta razón que a maioría de países posúen mapas de exposición a radon interior como instrumentos de información á cidadanía.

Unha das máis valiosas fontes de información radiolóxica ambiental que existen en España son os mapas de Radon ou de potencial de radon:

Mapa del potencial de radon en España (Consejo de Seguridad Nuclear, CSN):

A cartografía de potencial de radon en España categoriza as zonas do territorio estatal en función dos seus niveis de radon e, en particular, identifica aquelas nas que unha porcentaxe significativa dos edificios residenciais presentan concentracións superiores a 300 Bq/m3. Dito mapa pode consultarse publicamente na web https://www.csn.es/mapa-del-potencial-de-radon-en-espana. Este mapa basease en medicións en planta baixa e primeiros pisos. O Mapa do CSN inclúe un total de 12.000 medicións en todo o territorio nacional.

Dentro de esta mesma páxina existe un mapa de radon cunha zonificación por concello:

A partir do mapa de potencial de radon obtense, directamente, o mapa de zonas de actuación prioritaria (aquelas con potencial de radon superior a 300 Bq/m3). Neste mapa representase, na cor destacada, os concellos nos que máis do 75% da súa poboación reside en zonas clasificadas por encima dos 300 Bq/m3 (zonas de actuación prioritaria). Dito mapa pode consultarse publicamente na web https://www.csn.es/mapa-de-zonificacion-por-municipio.

Mapa de Radon de Galicia (USC)

Dende o ano 2001 o Laboratorio de Radon de Galicia, da Universidade de Santiago de Compostela, leva facendo medicións de radon interior nos domicilios galegos. Até o momento leva feitas máis de 4.300 medicións en tódolos municipios galegos. Este traballo permitiu iniciar a elaboración do Mapa de Radon de Galicia, no que os cidadáns galegos poderán coñecer a probabilidade de ter determinadas concentracións deste gas nos seus respectivos municipios.
Financiado pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Sanidade, dito mapa pode consultarse publicamente na web do LRG www.usc.es/radongal.
Este mapa basease nas medicións en vivendas, non só en planta baixa ou primeira planta, senón tamén nos diversos pisos, e serve como orientación para ver o posible risco real que hai nunha vivenda de ter determinados niveis de radon. Así, este mapa representa a exposición real a radon da poboación galega, mentres que o mapa do CSN representa a distribución do radon no territorio. As medicións de Galicia para o Mapa do CSN tamén foron realizadas polo Laboratorio de Radon de Galicia.

O mapa MARNA. (Consejo de Seguridad Nuclear, CSN).

O MARNA avalía a taxa de exposición á radiación gamma terrestre de orixe natural referida a 1 metro de altura sobre o nivel do solo. Así mesmo, a exposición á radiación gamma pode empregarse como variable indicativa do risco de exposición ó radon. É unha medida que mide a capacidade natural do solo para emitir radiación.

Dito mapa pode consultarse publicamente na web https://www.csn.es/mapa-de-radiacion-gamma-natural-en-espana-marna

Como poido saber se no interior da miña vivenda existen altas concentracións de radon?

Os niveis de concentración do radon no interior de edificios poden medirse de xeito relativamente fácil e barato, pero ten que facerse por laboratorios especializados. Existen varios métodos, pero en xeral trátase de colocar un detector nun local determinado, deixalo un certo tempo e, transcorrido o tempo de exposición establecido, remitilo de volta ao laboratorio para a súa análise.

Na páxina web do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), http://igvs.xunta.gal/web/actuamos/913, poderá consultar canto necesita coñecer para poder medir o radon da súa vivenda coas debidas garantías.

Se na miña vivenda existen altas concentracións de radon, como poido diminuír ditos niveis?

Co fin de minimizar a concentración de radon nas vivendas existentes, tras analizar o resultado das medicións levadas a cabo e, en función do estudo previo, da localización da vivenda e das características desta, existen distintas medidas correctivas ou de mitigación. Non existe unha solución tipo e tampouco é posible garantir a eficacia dunha técnica concreta pois, entran en xogo distintas variables, aínda que axudará ter a máxima información posible. Para dispoñer de maior información ó respecto, acceda á páxina do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) http://igvs.xunta.gal/web/actuamos/914