Programa Galego de Prevención e Control da Tuberculose

Programa Galego de Prevención e Control da Tuberculose

A tuberculose (TB) é unha enfermidade infecciosa previble e curable que se transmite polo aire. Os pacientes cuxos pulmóns albergan bacilos da TB poden contaxiar a outras persoas, sobre todo, cando tosen.

Cando os casos se detectan pronto e reciben un tratamento completo, os pacientes deixan rapidamente de ser contaxiosos e acaban curándose.

A posta en marcha do Programa Galego de Prevención e Control da Tuberculose a finais do ano 1994, coa priorización do tratamento do enfermo tuberculoso, permitiu unha diminución importante no número de casos de TB na nosa comunidade.

A meta do programa é reducir a morbilidade e transmisión da TB para que esta enfermidade deixe de ser un problema de saúde na nosa comunidade.

O obxectivo xeral é continuar coa progresiva e sostida diminución da incidencia da TB para conseguir que no ano 2015 Galicia presente unha incidencia de ao redor de 20 casos novos por 100.000 habitantes, que é o camiño para ser considerada unha comunidade con baixa incidencia de TB, ao ser este o comezo da fase de eliminación.

Para a consecución dos obxectivos do programa, son fundamentais as medidas organizativas, co fin de reducir o risco de exposición, destacando entre elas:

  • A rápida identificación e diagnóstico dos pacientes con sospeita de TB, sobre todo daqueles que presenten unha TB respiratoria con alto risco de transmisión.
  • O illamento respiratorio dos pacientes que así o precisen.
  • A inmediata instauración do tratamento.
  • O estudo de contactos das persoas con enfermidade tuberculosa, nos casos en que estea indicado, e o das persoas con risco de infección tuberculosa.