A proba do VIH

A proba do VIH

A PROBA DO VIH

O diagnóstico da infección polo VIH soamente pode facerse mediante unha analítica de sangue, xa que os síntomas son inespecíficos.

Proba diagnóstica do VIH

A proba diagnóstica do VIH é unha analítica específica de sangue que soamente pode detectar a infección se pasou un período de tempo mínimo. Este período denomínase "período ventá" e está establecido para o VIH, xeralmente, nos tres meses. Non obstante, estímase que as probas diagnósticas de VIH actuais poden ofrecer un resultado fiable antes.

Durante este período ventá, a persoa infectada aínda non sabe que o está, pero xa pode transmitir o VIH se mantén prácticas de risco (ter sexo sen preservativo ou compartir material de inxección de drogas). Por iso, é moi importante empregar sempre o preservativo nas túas relacións sexuais.

Proba rápida do VIH en fluído oral

Pode realizarse a proba rápida do VIH en fluído oral, de xeito anónimo, gratuíto e confidencial en numerosos puntos da xeografía galega. A proba do VIH en fluído oral é unha proba rápida, é dicir, o o resultado está listo en menos de 30 minutos. No caso de obter un resultado reactivo, debe confirmarse sempre cunha proba diagnóstica de VIH. Nas probas do VIH en fluído oral tamén existe o "período ventá" que debemos ter sempre presente á hora de realizar e interpretar os resultados.

As probas rápidas en fluído oral poden solicitarse en calquera Centro Quérote+ de Galicia ou en diferentes entidades que colaboran coa Consellería de Sanidade no desenvolvemento do Programa de Diagnóstico Precoz do VIH en Galicia: http://www.sergas.es/Saude-publica/Programa-da-proba-rapida-de-VIH

Autotest de VIH

Os autotest tamén son probas rápidas e detectan anticorpos (defensas do noso organismo) fronte ao VIH nunha pinga de sangue extraído da xema do dedo mediante unha lanceta. Os autotests véndense nas farmacias e podes realizalos en privado no teu domicilio. Podes consultar máis información sobre os autotests na seguinte ligazón: https://www.sergas.es/Saude-publica/Probas-de-autotest-de-VIH

Os autotests, ao igual que as probas rápidas en fluído oral, non son diagnósticas da infección e, polo tanto, un resultado positivo ou dubidoso debe confirmarse sempre cunha proba diagnóstica do VIH.

Solicitude da proba diagnóstica do VIH

En Galicia, esta proba é totalmente gratuíta. Pódese solicitar nas consultas de Atención Primaria ou en calquera Unidade VIH dos principais hospitais do Servizo Galego de Saúde. Podes chamar directamente a estas unidades para solicitar unha cita previa.

Os teléfonos e os enderezos destas unidades son:

Hospital Arquitecto Marcide (Ferrol)
Carretera de San Pedro de Leixa, s/n
15.045 Ferrol (A Coruña)
Tlfno: 981 334 504 (Consulta externa), 981 334 034 (Hospital de día)

Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña
As Xubias de Arriba, 84
15006 A Coruña
Tlfno: 981 178 394

Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela
Travesía da Choupana, s/n
15706 Santiago de Compostela
Tlfno: 981 951 266

Hospital Provincial de Pontevedra
Rúa Loureiro Crespo, 2
36002 Pontevedra
Tlfno: 986 800 000 (ext. 288 478)

Hospital Álvaro Cunqueiro
Estrada de Clara Campoamor, 341
36312 Vigo
Tlfno: 986 217 520

Hospital Meixoeiro
Camiño Meixoeiro, s/n
36213 Vigo
Tlfno: 986 217 518

Hospital Lucus Augusti
Rúa Doutor Ulises Romero, 1
27003 Lugo
Tlfno: 982 296 260

Complexo Hospitalario de Ourense
Rúa Ramón Puga, 54
32005 Ourense
Tlfno: 988 369 875, 988 388 581

Cada canto tempo debo facer a proba diagnóstica do VIH?

As persoas que teñen prácticas de risco deben facer a proba do VIH cando menos unha vez ao ano.