Popper

Popper

CHEMSEX

O chemsex defínese como o consumo intencional de drogas, en xeral para manter sesións de sexo durante un longo período de tempo.

Son varias as drogas que se empregan neste contexto: as máis frecuentes son mefedrona, mentanfetamina e GHB ou GBL pero tamén cocaína, Viagra, cannabis, alcol, éxtase ou MDMA, ketamina, óxido nitroso, benzos, etc. De entre todas, o popper parece ser a máis utilizada.

POPPER

Outros nomes: oro líquido, bananas, snappers  e nomes comerciais como Rush, Stud, Locker Room, TNT, Ram.

• Que é?

Os poppers son distintos compostos nitroxenados. O tipo máis común é o que contén nitrito de amilo pero tamén pode conter nitrito de butilo ou nitrito de alquilo. Preséntase en pequenos frascos que conteñen a substancia en forma líquida e como é moi volátil (pasa rapidamente a forma gaseosa a temperatura ambiente) utilízase inhalándoo directamente dende o bote. Son substancias altamente inflamables e pódense atopar como compoñentes de ambientadores ou limpadores de cabezais de vídeo.

• Que produce no corpo?

Os poppers relaxan a musculatura dos vasos sanguíneos (venas e arterias), producindo vasodilatación. Estes efectos ocorren ao pouco tempo do consumo e teñen unha duración curta, de tan só 2 ou 3 minutos.

• Efectos adversos

Os poppers crean tolerancia farmacolóxica con rapidez (as persoas que o utilizan habitualmente necesitan incrementar a dose de forma progresiva para conseguir os mesmos efectos) co que unido á breve duración dos seus efectos, poden desembocar nunha sobredose.

Os efectos adversos máis comúns son arroibamento da cara e do pescozo, dor de cabeza, hemorraxias nasais, náuseas, vómitos, vertixe, aumento da frecuencia cardíaca, suoración e hipotensión podendo producir un síncope. Estes efectos varían segundo a duración e a frecuencia do consumo.

Como causa unha dilatación dos vasos sanguíneos, as súas paredes vólvense máis fráxiles podendo producirse roturas e hemorraxias nos vasos vaxinais e anais, o que facilita a entrada do VIH e outros patóxenos no corpo. Todo isto, unido ao seu efecto desinhibidor, pode producir unha relaxación á hora de tomar medidas para evitar a transmisión de ITS causando un aumento destas.

Aínda que non é moi frecuente, pode producir lesións na retina nas que o grao de recuperación é variable e depende do tempo transcorrido dende que se detecta. Parece haber relación coa dose inhalada, que ademais é acumulativa, aínda que se viron casos en persoas tras unha única dose. Estas lesións preséntanse como unha diminución da visión en ambos ollos, aparecendo unha zona central sen visión (punto cego) en ambos ollos.

Os poppers nunca deben utilizarse por vía oral porque son corrosivos para o aparato dixestivo. Ademais, non deben aplicarse nunca sobre pel e mucosas xa que poden producir queimaduras.

Os riscos a longo prazo do uso continuado de poppers inclúen lesións neurolóxicas, depresión respiratoria, metahemoglobinemia (un cadro de desoxixenación do sangre) e anemia (destrución de glóbulos vermellos).

• Uso perigoso

Se unha persoa é susceptible de sufrir glaucoma (hipertensión sanguínea nos ollos), o popper pode empeorar a súa situación. Ademais, alguén que teña problemas circulatorios ou de corazón podería sufrir consecuencias impredicibles debido aos repentinos cambios de presión sanguínea que este provoca. Tamén ten máis risco nas persoas con infección por VIH porque podería baixar as sús defensas e nas persoas con anemia.

• Combinacións con outros fármacos e drogas

O uso simultáneo con drogas estimulantes (MDMA, speed, metanfetamina, cocaína…) pode someter ao sistema cardiovascular a un esforzo extra, máis intenso e perigoso canto maior sexa a dose e a frecuencia destas substancias.
Utilizar poppers despois de ter consumido fármacos anti-impotencia (por exemplo Viagra ou Cialis) incrementa os efectos secundarios e pode producir baixadas de tensión moi graves producindo síncopes e incluso embolias.

Os nitratos (en forma de pílulas ou parches) son fármacos utilizados nalgunhas enfermidades do corazón. A súa combinación con poppers pode ser mortal.

Os inhibidores da proteasa (IPs) poden incrementar os efectos dos fármacos anti-impotencia. O uso simultáneo de poppers + IPs + fármacos anti-impotencia é unha combinación particularmente desaconsellada polo risco de efectos adversos graves.